Propoñen os veciños e veciñas de Angrois como Premio Príncipe de Asturias

Flores deixadas no lugar do accidente CC-BY contandoestrelas

O venres, dous días despois do accidente no que perderon a vida 79 persoas, lanzouse en change.org a proposta para que os veciños e veciñas de Angrois sexan recoñecidas co Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2014. Moito se ten falado estes días da entrega destas persoas, dende os primeiros minutos cando deron a voz de alarma do descarrilamento e de contado acudiron -mesmo antes da chegada dos servizos de emerxencia- a socorrer os pasaxeiros e a liberar os que buscaban como saír dos vagóns.

A petición online chega xa ás cinco mi sinaturas e segue crecendo. No texto destaca que "a reacción dos veciños de Angrois foi tan decidida e inmediata que cando chegaron os primeiros servizos de emerxencias, xa sacaran unha gran cantidade de vítimas de entre os vagóns. O seu labor non cesou durante toda a noite, asistindo os profesionais e mesmo levándolles auga e mantas aos feridos, destacando a salientable actitude de acompañalos en momentos tan duros, o que supón un acto sublime de humanidade e amor ao próximo".

A petición, consistente nunha carta dirixida á Fundación Principe de Asturias, propón que os veciños e veciñas sexan candidatos ao galardón pola "gran virtude e humanidade demostradas no salvamento das vítimas"

A petición, consistente nunha carta dirixida á Fundación Principe de Asturias, propón que os veciños e veciñas sexan candidatos ao galardón pola "gran virtude e humanidade demostradas no salvamento das vítimas", e "polo valor demostrado, a forza ben achada na adversidade, a implicación e o acto de heroismo nun momento tan crítico mesmo a risco das súas propias vidas".

O premio recoñeceu dende 1986 numerosas persoas ou colectivos que destacaron no traballo a prol do "entendemento e a convivencia en paz entre os homes", ou "á loita contra a inxustiza e a pobreza". Foron galardoados, por exemplo, os heroes de Fukushima, Daniel Barenboim e Edward Said, UNICEF ou a Federación Española de Bancos de Alimentos.

Flores deixadas no lugar do accidente CC-BY contandoestrelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.