"Non deixemos que arrasen Galiza nin por todo o ouro do mundo. Non quero máis lagos artificiais, non quero paisaxes desérticas". Esta lenda, impresa nun folio xunto á imaxe dunha mina a ceo aberto pairou polas alturas da compostelá praza da Quintana no mediodía deste domingo. Ía chantada nun pau de madeira cortada por un veciño de Bergantiños que, xunto a outros homes e mulleres da comarca, se desprazou á capital galega para clamar contra a mina de ouro que a empresa canadense Edgewater proxecta na zona co indispensable apoio da Xunta e do Concello. Esta gráfica reivindicación é un bo resumo do acontecido nas rúas compostelás polas que circularon múltiples reivindicacións que é posible resumir nunha: "minas non".
Colectivos ecoloxistas e veciñais, plataformas comarcais, a oposición parlamentaria en pleno, sindicatos, asociacións xuvenís... todos marcharon nun ambiente tan festivo como reivindicativo para plantarlle cara simbolicamente ás máquinas que queren "furar" e "esquilmar" os montes en Baleira, Castrelo de Miño, Corcoesto, A Fonsagrada, as Fragas do Eume, a Serra do Galiñeiro ou Xinzo de Limia. Mentres os hieráticos axentes antidisturbios permanecían inmóbiles ante as portas e escaparates do Banco Santander, Novagalicia Banco ou Inditex -uns poucos menos, nas inmediacións do Parlamento-, unha verdadeira marea humana reiteraba que "a terra non se vende, a terra se defende" e insistía en "que non, que non, que non queremos mina".
"Galiza está baixo a ameaza dun dobre axente perigoso, o negocio especulativo das multinacionais e os gobernos colaboracionistas"
"Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos, coa minaría todos nos fodemos", ilustraba unha faixa artesanal nunha multitude na que se mesturaban representantes políticos como Francisco Caamaño (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) ou Xavier Vence (BNG). A marea humana desembocaba na Praza da Quintana, sen palco nin toma eléctrica por obra e graza do Concello compostelán. A praza ficou pequena e nin as desafiantes terrazas turísticas resistiron o empuxe da multitude. Dende o alto da Quintana de vivos os cantantes Leo Arremecághona e Sés puxéronlle voz á marcha. "Galiza está banxo a ameaza dun dobre axente perigoso: o negocio especulativo das multinacionais e dos gobernos colaboracionistas que, en vez de defender, consenten a destrución do noso territorio".
O manifesto final alertou contra un "destino decimonónico e colonial" que pasa por "pulverizar as entrañas" do país
"O desenvolvemento industrial e económico previsto pola Xunta nos depara un futuro escuro como boca de mina", proclama a rede contra a megaminaría, contraria a "un destino decimonónico e colonial" que pasa por "pulverizar" as "entrañas" do país. "Farano a ceo aberto e, se non nos opoñemos, co beneplático da nosa administración", "sufragados cos nosos impostos". "Montes, terras de cultivo, aldeas e poboacións" van "desaparecer do mapa" se a sociedade non é quen de frear "este ataque sen precedentes". "Galiza non é unha mina!", concluíron entre aplausos para darlles paso ás voces chegadas dende cada comarca ameazada polos proxectos mineiros. "Corcoesto non é unha mina", "Ordes non é unha mina", "Triacastela non é unha mina"... "Non estamos en venda".