Queremos Galego sae á rúa o 17 de maio por unha lingua "garantía de futuro"

Manifestación de Queremos Galego © @tereixapaz

Queremos Galego, presentou este mércores os actos que terán lugar en diferentes cidades galegas o 17 de maio ás 12 do mediodía, e xa confirmados na Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo A convocatoria nun novo Día das Letras Galegas terá lugar baixo o lema Galego, garantía de futuro, porque, segundo indicou Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá, a existencia e a normalidade da lingua galega "é a garantía da existencia e do futuro do pobo galego", lembrando que" ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua".

"Ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua", di Queremos Galego

Para Queremos Galego, o actual goberno da Xunta "actúa irresponsabelmente en relación ao noso idioma", lexislando contra el por primeira vez na historia, reducindo a súa presenza no ensino e o prohibíndoo para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía, e ademais, segundo indicou Maceira, “por acción ou omisión, a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na educación infantil, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís, entre outros”.

A plataforma quéixase de que tivo que obter "clandestinamente" o documento da Xunta para a dinamización do galego no tecido económico

“Despois da masiva manifestación do 8 de febreiro, a única resposta que obtivo a sociedade galega foi un anuncio propagandístico, con máis nome que conteúdo”, en referencia ao Documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, anunciado esta mesma semana pola Xunta e que malia as reiteradas solicitudes de envío por parte do portavoz de Queremos Galego á Secretaria Xeral de Política Lingüísitica, "tivo que obter case clandestinamente", segundo afirmou.

Para Queremos Galego, “a lingua galega non precisa propaganda". "Precisa accións concretas a favor dela, aprobadas unanimemente hai 10 anos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que non só está sen activar senón que ademais toda a acción de goberno nos últimos 6 anos foi na súa contra”. Para Marcos Maceira, “dá a sensación de que é un anuncio máis para rebaixar na práctica o conteúdo do xa acordado por unanimidade en 2014, algo que non consentiremos”.

“Se a Xunta realmente quixese comezar a traballar a favor do galego, comezaría por derrogar o decretazo do ensino"

“Se a Xunta realmente quixese comezar a traballar a favor do galego, comezaría por derrogar o decretazo do ensino, e deixaría de proscribir o termo 'normalización' como está a facer, malia ser o termo empregado polo Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística e o PXNLG. Faino porque é un termo indicativo da vontade de actuar para que a lingua propia de Galiza teña unha desenvolvemento plenamente normal”, engadíu.

Queremos Galego fixo, por último un chamado ao conxunto da sociedade a mobilizarse o 17 de maio, "mais tamén nos días previos e a partir desa data". "O pobo galego ten que ser o protagonista da reposición e normalización do seu idioma en todos os espazos e lugares e para todos os usos, activándose os 365 días dos ano", remata. 

Manifestación de Queremos Galego en Vigo CC-BY-SA CIG
Manifestación de Queremos Galego polo Día das Letras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.