O documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei, e estreado en Ordes a principios de febreiro, chegará este luns 8 de de abril a Santiago. O Teatro Principal acolle un pase gratuíto ás 20:00 horas e aberto quen desexe asistir, sen necesidade de retirar billete previo, a un acto que rematará cun coloquio entre os presentes.
O documental, de 75 minutos, recolle variados testemuños das “agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos daRede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre”
O documental, de 75 minutos, recolle variados testemuños das “agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos cidadás que integran a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre”, como explican os impulsores. No filme enlázanse pezas musicais de grupos galegos, “imaxes impactantes de ríos contaminados, da nosa terra e do noso aire, coas mobilizacións cidadáns en defensa do medio”. Con mirada e entrevistas a veciños e veciñas, xente do ámbito da ciencia e a investigación, asociacións culturais e medioambientais que “queren dar a coñecer unha realidade” que, din, “está a padecer en Galicia e que se pretende agochar para beneficio duns poucos grupos de poder con intereses económicos claros que non respectan o dereito a un rural vivo e sostible, limpo”.
“As empresas que buscan a riqueza dos seus accionistas a costa de atentar contra o medio ambiente e as persoas, ven en Galicia un filón”. Esta é a conclusión á que chegaron numerosas plataformas veciñais que xurdiron por diferentes problemas mediambientais locais e que, tras coñecerse, viron unha problemática común á que facer frente. Da unión de forzas foi como xurdiu o ano pasado a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre.
“As empresas que buscan a riqueza dos seus accionistas a costa de atentar contra o medio ambiente e as persoas, ven en Galicia un filón”
As plataformas levan tempo traballando na denuncia de proxectos de eólicos mal planificados na comarca de Ordes; a mala xestión do lixo que fai Sogama no macrovertedoiro da Areosa e o novo vertedoiro en Lesta; a minaría agresiva en n Mesía e Frades por parte de Erimsa; o proxecto para abrir unha nova mega mina de cobre en Touro-O Pino, “cando as consecuencias contaminantes da anterior son palpables aínda hoxe e poñen en perigo, augas abaixo, até o futuro marisqueiro da ría de Arousa”; os delitos mediambientais no vertedoiro da Grixoa-Miramontes e na planta de elaboración de tecnosolos (Santiago), contra os que xa se querelou a Fiscalía por incumprir prevencións e autorizacións; o proxecto de vertedoiro de residuos na antiga canteira da Casalonga (Teo); a contaminación do río Sar na comarca de Santiago; os fumes e danos dunha destileria en Rois; e a defensa das fragas de Catasos en Lalín fronte ás liñas de alta tensión.
Trátanse de “diferentes problemas coas mesmas causas”, segundo a rede de plataformas, que sinala “normativas permisivas coa deterioración do medioambiente e falta de control por parte das administracións para que as empresas cumpran coas medidas de proteción da auga, da terra e do aire”.
A Rede agradece o “gran traballo” que fan os e as profesionais do audiovisual galego, tras varios documentais que “saíron á luz nos últimos meses para dar a coñecer e denunciar estes atentados contra o medio e descubrir a Galicia real, ben afastada da versión de Galicia Calidade e do discurso enganoso que a Minaría sostible de Galicia está a levar aos centros educativos a través dun programa promovido e subvencionado pola Xunta”.
Ademais, a Rede convida a todas as asociacións culturais, centros educativos e colectivos sociais a poñerse en contacton con eles para seguir organizando proxeccións polo país.