Redondela celebrará os 30 anos da primeira sentenza xudicial en galego

Xulgados de Redondela CC-BY-SA Wikimedia

O 27 de marzo de 1985 a Audiencia Territorial de A Coruña ditou a primeira sentenza xudicial en galego. Pasaran máis de sete anos dende a aprobación da Constitución, máis de catro dende a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía e dous dende a Lei de Normalización, pero esa normalización da lingua e a igualdade idiomática aínda non chegaran (e seguen sen facelo) aos xulgados e á Xustiza. Os maxistrados Ricardo Leirós, Claudio Movilla e Gonzalo de la Huerga foron os responsables hai dez anos, nun fito histórico para a lingua que a Irmandade Xurídica Galega conmemorará o vindeiro martes 17 de marzo en Redondela. No acto, que terá lugar no Multiúsos da vila, descubrirase unha placa na fachada da Casa do Concello e 21 avogados da localidade comprometeranse a empregar a lingua galega.

Os maxistrados Ricardo Leiros, Claudio Movilla e Gonzalo de la Huerga foron os responsables hai dez anos, nun fito histórico para a lingua que a Irmandade Xurídica Galega conmemorará o vindeiro martes 17 de marzo en Redondela

Non é casualidade que o acto, impulsado por Xosé González, se realice en Redondela. A sentenza estivo motivada por un recurso interposto por Josefina Carreira Rivero contra o Concello de Redondela por dúas resoluciones municipais aprobadas en 1980 e 1981 nas que se declaraba que a súa vivenda non estaba en ruínas, como si defendía a muller. Na súa reclamación, Josefina Carreira Rivero alegou, apoiada en informes de arquitectos, que a vivenda presentaba numerosos problemas e que os custes das reparacións ascendían a 1.419.857 pesetas, fronte aos 417.450 calculados polo Concello, cun valor total do edificio estimado en 1.332.000 pesetas. Finalmente, a sentenza deulle a razón á muller, sinalando que os custes da reparación superaban o 50% do valor do inmoble, polo que se debía declarar a ruína da vivenda.

A sentenza non deixaba de ser unha máis, un caso menor con escasas inmplicacións máis alá da muller propietaria da Casa e do Concello de Redondela, pero a lingua escollida para a súa redacción converteuna nun documento histórico. Como destacaba Xosé González nun artigo publicado en Galicia Confidencial e La Región, "propúxenlle ao admirado amigo Claudio Movilla que elixise calquera dos litixios nos que o Concello de Redondela fose parte para ditar resolución en galego; iso si,díxenlle, que sexa un caso favorable ao demandante". "Conseguido o obxectivo acabou con el o mito do imposible, e deixabámoslles as portas abertas ás corporacións locais e aos particulares", engadía.

Non se trataba máis que de exercer e facer posible o dereito recoñecido polo artigo 7 da Lei de Normalización Lingüística

En efecto, non se trataba máis que de exercer e facer posible o dereito recoñecido polo artigo 7 da Lei de Normalización Lingüística, que especifica que "no ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza" e que "a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”. Nos meses seguinte, aberto este vieiro, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia mobilizou aa corporacións locais "para que aproveitasen o marco legal e así potenciar a lingua galega en todos os ámbitos".

En toda Galicia apenas 30 xuíces e xuízas usan normalmente o idioma galego nos xuízos ou nas sentenzas e a porcentaxe de fallos ditados en galego non chega ao dez por cento

Trinta anos despois, a igualdade lingüística na Xustiza segue moi lonxe de ser unha realidade e, de feito, forma parte habitualmente das denuncias presentadas ante o Consello de Europa por incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. En toda Galicia apenas 30 xuíces e xuízas usan normalmente o idioma galego nos xuízos ou nas sentenzas e a porcentaxe de fallos ditados en galego non chega ao dez por cento. "Un cidadán pode sen ningún problema dirixirse a calquera instancia xudicial en lingua galega sen que iso supoña nin discriminación nin por suposto dilación nos trámites do proceso", aseguraba hai uns meses o secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

A Mesa denunciaba recentemente que a propia administración dificulta o uso do galego a aqueles xuíces e xuízas que o empregan, "non dispoñibilizando lexislación consolidada en galego ou implantando o sistema informático Minerva"

De igual xeito, a Mesa denunciaba recentemente que a propia administración dificulta o uso do galego a aqueles xuíces e xuízas que o empregan, "non dispoñibilizando lexislación consolidada en galego ou implantando o sistema informático Minerva". Un dos socios fundadores da Irmandade Xurídica Galega, o fiscal da Audiencia de Pontevedra Benito Montero, afirmaba o pasado ano en entrevista con Praza que "queda moito por facer para normalizar o galego no ámbito da Xustiza" e engadía que "a normalización, sen un apoio institucional firme e forte, non é capaz de imporse. Ten que haber ilusión por parte do Goberno galego por normalizar o idioma propio e aquí non a hai, senón todo o contrario. Se poden reducir a presenza da lingua, redúcena. Parece que mesturan as cousas co nacionalismo, que entenden que canto máis galego se fale máis nacionalismo haberá".

Xulgados de Redondela CC-BY-SA Wikimedia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.