Rexeitamento masivo do profesorado a impartir cursos Celga en solidariedade cos despedidos

Manifestación do profesorado do Celga Dominio Público @galizacig

O conflito que a Xunta mantén co antigo profesorado dos cursos Celga, certificado en lingua galega que emite a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), atópase coa solidariedade dos docentes aos que agora recorre a Administración, que se están a negar masivamente a impartir as aulas en solidariedade polo despedimento masivo sufrido por este colectivo.

Educación deixou de ofertar os cursos Celga entre o profesorado colaborador e en paro para ofrecerlle horas extras a docentes de Secundaria, que agora se negan en masa a impartilos

CIG-Ensino leva semanas denunciando que Educación deixou de ofertar, como era habitual antes, os cursos preparatorios do Celga ao profesorado colaborador, aquel que se incluía nunha listaxe e que, entre os seus requisitos, exixía ser "demandante de emprego en situación laboral de desempregado". O sindicato alertou durante tempo que este colectivo impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse hai agora uns catro meses recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.

Ante este panorama e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro e apostou por que fosen docentes en activo de Secundaria os que impartisen estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeita frontalmente tras acusar a Administración de "despedimento ilegal". O sindicato levou a cabo unha campaña para reclamar a solidariedade do profesorado que podía acceder a este labor e para persuadir a aquel que aceptara xa impartir os cursos.

A Xunta recorre a asesores ou docentes de Primaria ante as dificultades para atopar docentes que impartan os cursos

A resposta do profesorado foi contundente. Unha inmensa maioría de docentes de Secundaria negouse a impartir estes cursos como horas extraordinarias. Porque aínda que a Xunta exixe dous únicos requisitos para poder acceder a este labor e non crear así a relación laboral que agora se lle exixe (ser licenciado en Filoloxía Galega e ter salario da Administración autonómica) recorre sempre ao profesorado da especialidade de Lingua e Literatura Galega. Non obstante, desta vez tivo que optar por outros profesores ante as dificultades para atopar voluntarios desta materia.

Ante esta negativa maioritaria, a Xunta está a recorrer a asesores da Consellería, docentes de Primaria ou auxiliares que teñen a licenciatura de Filoloxía Galega aínda que non exerzan como especialistas na materia, unha selección que a CIG denuncia por facerse "sen criterios públicos e transparentes".  É o recurso que lle queda á Administración, que foi incapaz de cubrir varios cursos e que se veu na obriga de anulalos. Ese é o caso, por por só un exemplo, do que se ía impartir en Ribadeo e que tiña unhas 60 persoas anotadas.

Educación foi incapaz de cubrir todos os cursos e xa tivo que anular algún deles

Aínda que non hai datos oficiais, é unha inmensa maioría de profesores a que rexeitou impartir cursos Celga como horas extraordinarias. A porcentaxe dos docentes de Secundaria que si aceptaron e levarán a cabo ese labor non superaría o 1%, segundo fontes do profesorado consultadas por Praza.

“Ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, non lle chega con despedir a este profesorado senón que aproveita para estender a súa rede caciquil ao seleccionar aos docentes de maneira nepotista. A inmensa maioría do profesorado de Secundaria negouse a ser cómplice desta actuación vengativa e represora”, asegurou o pasado luns Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino. "Isto levou incluso a que haxa cursos que non se impartan recaendo sobre os usuarios as consecuencias de que isto suceda”, finalizou.

Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano. Pero a Administración decidiu rachar de vez con este sistema tras a denuncia ante a Inspección e a súa resolución desfavorable.

CIG-Ensino xa advertiu que se Educación non cumpre coa súa obriga legal, o sindicato promoverá demandas individuais por despido entre este colectivo que acumula xa moitos meses de reivindicacións.

Exame do CELGA © Xunta
Manifestación do profesorado do Celga Dominio Público @galizacig

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.