Rianxo defende a moción solidaria con Palestina que Israel quere levar a xuízo

Concello de Rianxo CC-BY-NC-SA Lmbuga

No texto, aprobado por unanimidade cos votos de BNG, PP, PSdeG e Rianxo en Común, o Concello comprométese a "non establecer convenio, contrato ou acordo de ningún tipo con institucións, empresas ou organización israelís

O pasado 31 de maio o pleno municipal do Concello de Rianxo debateu unha moción presentada por Rianxo en Común de "apoio ao pobo palestino". No texto, aprobado por unanimidade cos votos de BNG, PP, PSdeG e Rianxo en Común, o Concello comprométese a "non establecer convenio, contrato ou acordo de ningún tipo con institucións, empresas ou organización israelís ata que Israel non recoñeza o dereito á autodeterminación do pobo palestino e acate o dereito internacional". A moción declaraba a Rianxo "Espazo Libre de Apartheid Israelí" e instaba ao Goberno central e galego "a poñer fin as relacións privilexiadas que se manteñen co Estado de Israel". Pechábase co mandato de remitir o acordo aprobado ás embaixadas de Palestina e Israel en España.

Na moción denunciábanse "as graves violacións dos dereitos humanos cometidas polo Estado israelí contra a poboación palestina" a "impunidade da que goza Israel" e a "incapacidade da comunidade internacional para sancionar a ese estado polas súas continuas, sistemáticas e deliberadas violacións do dereito internacional humanitario".

Nos últimos anos un cento de localidades de todo o Estado, entre elas Compostela e Teo, aprobaron mocións semellantes e en case todos os casos bufetes israelís iniciaron accións xudiciais para anular os acordos

En resposta, un bufete de avogados israelí vén de presentar unha demanda contra o Concello de Rianxo, unha acción detrás da que o Goberno local ve a man do propio Estado de Israel, que dende hai anos promove este tipo de iniciativas xudiciais contra aquelas institucións, colectivos ou persoas que apoian a campaña de boicot aos produtos israelís ou de desinvestimentos no país asiático. Nos últimos anos un cento de localidades de todo o Estado, entre elas Compostela e Teo, aprobaron mocións semellantes e en case todos os casos bufetes israelís iniciaron accións xudiciais para anular estes acordos, e as máis das veces os tribunais déronlles a razón, instando aos concellos que os aprobaran a retiralas. 

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, é consciente de que tamén nesta ocasión o máis probable é que o xulgado ordene a anulación da moción, pero réstalle importancia a este desenlace, indicando que no peor dos casos a sentenza obrigaría ao Concello ao pagamento das custas do proceso. Muíños, ao igual que a agrupación local do BNG, reafírmase no fondo da moción: a solidariedade con Palestina, a defensa dos dereitos humanos e da legalidade internacional, que Israel leva décadas vulnerando, ignorando as resolucións da ONU. 

Tamén defende a moción o grupo que a presentou, Rianxo en Común. "Israel leva a xuízo ao Concello de Rianxo por defender a causa palestina", destaca. "Dende o grupo de Rianxo en Común volvemos a manifestar a nosa repulsa contra o goberno Israelí e pedímoslle que deixe de masacrar e recoñeza o dereito de autodeterminación do pobo palestino e acate o dereito internacional", engade a formación.

O alcalde, Adolfo Muíños, o mesmo que o BNG e Rianxo en Común, reafírmanse no contido da moción, na solidariedade con Palestina na obriga de que Isreal respecte os dereitos humanos

De igual xeito, o grupo de En Marea no Congreso e no Senado amosou "o seu apoio" ao Concello de Rianxo ante a denuncia, sinalando a súa "sorpresa e indignación" ante "o que parece ser unha nova acción do goberno israelí contra aquelas corporacións que exixen o cumprimento da legalidade internacional e se mostran solidarias co pobo palestino".

 

Os casos de Compostela e Teo

En Santiago de Compostela o pleno municipal aprobou en novembro de 2015 unha moción de contido semellante cos votos de Compostela Aberta, BNG e PSdeG-PSOE, aínda que posteriormente os socialistas quixeron desvincularse do acordo e pediron a súa anulación. En xaneiro de 2017, tras unha denuncia israelí, un tribunal anulou o acordo, sinalando que a moción era discriminatoria e conculcaba liberdades públicas.

En Teo sucedeu algo equivalente. En marzo de 2016 o pleno aprobou unha moción semellante cos votos de Anova e BNG e un ano despois, en setembro de 2017, o Xulgado Contencioso Administrativo Nº2 de Santiago ditou sentenza en contra da moción, obrigando ao pagamento de custas e sinalando que un Concello "non pode arrogarse competencias que non lle competen (…) polo que o acordo incorre en nulidade por falla de competencia”.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.