'Salvemos Bens' critica que Negreira "engane" ocultando o impacto sobre o parque

Acción reivindicativa realizada hai uns días no propio parque © Salvemos Bens

O pasado mes de febreiro o Concello da Coruña anunciaba a cesión de 107.000 metros cadrados de espazo público no parque de Bens á Fundación Jorge Jove para poñer en marcha o seu Museo da Automoción, que irá acompañado de tres circuítos automobilísticos, de uso privado. Dende o inicio o proxecto espertou as críticas de moitos cidadáns e cidadás, pois o proxecto municipal ocupará a meirande parte do parque público, unha das zonas verdes urbanas máis importantes da cidade, xa que ademais dos máis de cen mil metros cadrados ocupados polo Museo, unha porción semellante do espazo verde permanecerá aínda uns anos pechada por motivos de seguridade referidos ao antigo vertedoiro e unha boa parte do parque restante pódese considerar inaccesible.

A oposición ao proxectos traduciuse tamén nunha petición online que superou as seis mil sinaturas. Hai unhas semanas unha parte deses usuarios e usuarias habituais do parque comezaron a organizarse ao redor dun chamamento a salvar Bens, que este domingo levaron a cabo unha primeira acción reivindicativa e que lanzou un manifesto En defensa do Parque de Bens. No texto denuncian que o proxecto do Goberno municipal "significa a práctica destrucción do entorno" pois "ocupará a totalidade da superficie útil e tan só deixará libre aquelas zonas que debido ás características orográficas ocupan pendentes de difícil asentamento, ou aquelas outras cuxo subsolo corresponde ao antigo vertedeiro e se atopan en proceso de compactación". Engaden que "a influencia sobre o entorno, ao incorporar dentro do plan pistas de quads, motos e todoterreos que xerarán entre outros efectos contaminación acústica, converterase nun lastre para o seu futuro adecuamento".

O manifesto critica que o Concello (nunha crítica que estende tamén ao anterior Goberno municipal, que asinou o convenio coa Fundación Jorge Jove para a construción deste museo) lle regalase á familia Jove "un terreo que é de uso e disfrute dos coruñeses e que representa unha das poucas zonas verdes da cidade". "Este regalo realízase incumplindo promesas electorais e sen ter en conta a opinión dos cidadáns", engaden, e "vai tamén acompañado por subvencións procedentes das arcas municipais para estudios previos de viabilidade". Así mesmo, critican que o Goberno local "pretenda enganar á opinión pública minimizando o impacto dunha obra que rematará co obxectivo principal de esa zona". Aclaran que non se opoñen á construción do Museo, pero destacan que "na cidade da Coruña existen espazos utilizables" que evitarían a ocupación e destrución dun "lugar público constituído no seu día como zona verde, de lecer, e deportivo".

"Na cidade da Coruña existen espazos utilizables" que evitarían a ocupación e destrución dun "lugar público constituído no seu día como zona verde, de lecer, e deportivo"

O colectivo lanzou tamén outra iniciativa para que a cidadanía presente proxectos alternativos para o parque de Bens. A través da súa páxina de Facebook poderanse votar estas propostas e as 15 con máis apoios serán lidas no propio parque nun acto público aínda sen data. Entre as ideas que xa se poden ler na páxina destaca a construción dun parque botánico nunha das zonas de Bens, a creación dunha zona de xogos para cans con obstaculos de salto e rampas, ou a instalación dunha cafetaría.

 

Un circuíto automobilístico nunha zona verde

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, definiu o Museo proxectado como "un centro de referencia a nivel nacional e internacional" que converterá A Coruña "nun destino de primeiro nivel" e "nun centro de peregrinación para todos os amantes do motor". Porén, o edificio principal ocupa soamente 20.000 dos 107.900 metros cadrados totais. Os restantes 87.900 metros cadrados corresponden a outra serie de instalacións moi afastadas do obxectivo de amosar "a evolución da automoción e a historia do século XX". Estas instalacións complementarias ao Museo "concibidas como espazo educativo, deportivo e de ocio" están formadas por un circuíto, un parque xuvenil, unha instalación deportiva todo terreo e unha pista técnica, como se pode ler no dossier de prensa do proxecto.

O manifesto critica que o Concello lle regalase á familia Jove "un terreo que é de uso e disfrute dos coruñeses e que representa unha das poucas zonas verdes da cidade"

Á hora de describir estas futuras instalacións, destácase que se habilitará "unha zona específica para a práctica de deportes en motocicletas, quads e 4x4, que na actualidade se atopa moi limitada por razóns medioambientais". Ou unha pista técnica, que servirá de "escola de condución", dirixida "tanto a profesionais coma a particulares" e que incluirá un circuíto handling, un circuíto deslizante e unha plataforma de exercicios dinámicos.

Chama a atención que todas estas instalación comprometan o futuro dun espazo, o Parque de Bens, do que nos últimos anos o Goberno municipal fixo bandeira: "O Parque de Bens é proba viva do compromiso da cidade co desenvolvemento sostible", destácase na web do Concello, que engade que o espazo "revela a firme aposta da Coruña por dotarse dun extraordinario espazo de recreo no que se conxugan a conservación e a recuperación da natureza coas actividades de ocio e aire libre propias dunha cidade moderna".

De feito, o Parque de Bens é unha das razóns que lle permiten á Coruña superar o rateo mínimo de zonas verdes fixado pola OMS, que recomenda a existencia, cando menos, de entre 10 e 15 metros cadrados de zonas verdes por habitante. Na actualidade A Coruña presenta ao redor de 11,8 metros cadrados por habitante, lonxe de Compostela (21,6) ou Pontevedra (19,9), pero por diante de Lugo (11,3), Ferrol (9,6), Ourense (8,4) e Vigo (6,8)

Acción reivindicativa realizada hai uns días no propio parque © Salvemos Bens
Acción reivindicativa realizada hai uns días no propio parque © Salvemos Bens
Plano do proxecto de construción do Museo da Automoción © Fundación Jorge Jove
O colectivo lanzou un concurso de propostas alternativas para o parque © Salvemos Bens
Carlos Negreira, xunto a un dos vehículos que formará parte do museo © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.