Sarria é un dos escasos lugares que en Galicia acollen touradas, xunto con Pontevedra, A Coruña, Muíños e Valga. A vila lucense adoita incorporar ás celebracións de San Xoán un espectáculo taurino, previsto este ano para o vindeiro 28 de xuño. Porén, nas eleccións do pasado domingo o PP perdeu a maioría absoluta que acadou en 2011, pasando de 9 a 7 edís; gobernará previsiblemente o PSdeG-PSOE, co apoio de CxG e BNG, forzas que manifestaron a súa oposición ás touradas.
A corrida deste ano ía ser protagonizada por Finito de Córdoba, xunto con Miguel Abellá e Andy Cartagena, e en círculos taurinos xa se comeza a dar por feita a imposibilidade de contar con estes matadores, ao non estar -a un mes exacto da súa celebración- en absoluto asegurada a celebración do espectáculo, para o que necesitan unha autorización municipal. A fin das touradas semella estar moi cerca en Sarria e tamén na Coruña, uníndose estas dúas localidades a unha tendencia semella que imparable de devalo destes actos de tortura animal en Galicia.
O pasado ano celebráronse, por exemplo, só catro touradas, a metade que cinco anos antes, así coma outros catro espectáculos taurinos (rejoneos, festas populares...), tamén en regresión, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Cultura. Esta mesma semana o PP volveu negarse no Parlamento galego a prohibir a celebración destes espectáculos en Galicia, botando man unha vez máis do argumento da "tradición".
2007 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Corridas | 6 | 7 | 7 | 8 | 7 | 7 | 7 | 4 |
Total espectáculos | 12 | 12 | 15 | 10 | 9 | 10 | 10 | 8 |
Espectáculos taurinos totais e touradas celebradas en Galicia. Fonte: Ministerio de Cultura
A Coruña e Pontevedra
As candidaturas que rexeitan as touradas na Coruña sumaron o domingo 17 dos 27 concelleiros en xogo
Nos últimos días, Galicia, Mellor Sen Touradas destacou que as candidaturas que rexeitan as touradas na Coruña sumaron o domingo 17 dos 27 concelleiros en xogo, unha ampla maioría que "debería rexeitar dun xeito moi contundente o posible rescate da feira taurina dos vindeiros anos" e que "deixa no aire a edición deste mesmo ano". A entidade abolicionista lembrou que o Goberno municipal do PP subsidiou dende 2011 as touradas cuns 700.000 euros, incluindo a adaptación e cesión gratuita do Coliseum, e mesmo de traballadores municipais. O seu voceiro, Rubén Pérez, sinalou que "esperamos a fin das touradas subsidiadas e a fin de que os cartos de todas e de todos se continúen a empregar nun evento de tortura e violencia, para construir unha verdadeira programación cultural e festiva que pense na cidadanía, non nos lobbies".
Touradas fóra de Pontevedra "confía" en que a nova corporación municipal "continúe camiñando cara posicións abolicionistas
Por outra banda, dende Pontevedra, a outra localidade galega que aínda acolle espectáculos taurinos, Touradas fóra de Pontevedra felicitouse polos resultados electorais do pasado domingo na cidade, xa que "por primeira vez na historia de Pontevedra o Concello contará con maioría abolicionista -14 concelleiras/os do BNG e Marea Pontevedra fronte a 11 do PP, PSOE e Ciudadanos". A entidade sinalou que "confía" en que a nova corporación municipal "continúe camiñando cara posicións abolicionistas e poidamos contar nesta lexislatura co fin do convenio e dos circos con animais así como a declaración simbólica de cidade antitouradas e amiga dos animais".
O colectivo tamén se parabenizou pola "fin do mandato do Partido Popular de Louzán na Deputación de Pontevedra, principal financiador das touradas en Pontevedra e sostén das mesmas durante décadas". Sinala que "contando co compromiso do Bloque Nacionalista Galego e do PSOE de rematar coas subvencións públicas ás touradas agardamos que este sexa o principio do fin dunhas axudas que mantiveron en pé non so ao empresariado da praza senón ás actividades da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra".
51 eurodeputados asinan un manifesto contra as touradas
51 eurodeputadas e eurodeputados presentaron este mércores un manifesto en defensa da abolición das axudas comunitarias ao entramado taurino, nun texto liderado pola representante Lidia Senra e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, xunto coa Fondation Franz Weber e que contou co apoio dos representantes de Podemo, Izquierda Unida, Compromís, Bloco de Esquerda e Groenlinks.
O texto denuncia que a Comisión Europea financia cada ano con 130 millóns de euros aos gandeiros de touro de lidia a través da Política Agraria Común
O documento reclama a supresión dos subsidios europeos ao entramado taurino en España, Francia e Portugal e advirte de que a Comisión Europea financia cada ano con aproximadamente 130 millóns de euros aos gandeiros de touro de lidia a través da Política Agraria Común, o que nos últimos cinco anos supuxo un desembolso de 650 millóns de euros. O asinantes salientan que os subsidios non rematan só nas axudas da PAC, senón que tamén se teñen financiado con fondos de cooperación rexional e de axuda ao desenvolvemento a rehabilitación de prazas de touros, axudas para empresas e fundacións protouradas e mesmo cursos para aprender a torturar animais.
Rubén Pérez: "As touradas teñen os días contados, e en Galicia imos ver nos vindeiros meses a caída das mesmas en vilas como Sarria e na Coruña"
Lembran a este respecto que o Tratado de Lisboa inclúe unha disposición que considera aos animais como "seres sentintes", valorizando por primeira vez nun texto da UE o benestar animal e polo tanto poñendo sobre a mesa a capacidade para desenvolver políticas comunitarias na materia. "Con este manifesto queremos chamar a atención sobre as incríbles diferencias de acceso a fondos europeos que teñen empresas socialmente responsables e o agro galego, por exemplo, fronte a un lobby que é capaz de percibir millóns de euros de Europa para fomentar o maltrato animal", destacou o voceiro da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, que concluíu que "as touradas teñen os días contados, e en Galicia imos ver nos vindeiros meses a caída das mesmas en vilas como Sarria e na Coruña".