"Se ti cortas o meu dereito a decidir... Corto eu o teu"

Cartaz das Xuventudes Socialistas © XSG

"Se ti cortas o meu dereito a decidir... Corto eu o teu". É o lema da campaña lanzada polas Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) para denunciar os intentos do Partido Popular de modificar a Lei do Aborto, unha reforma con "riscos machistas, patriarcais e ditatoriais", como destacou a secretaria de igualdade das XSG, Laura Requejo. As mocidades do PSdeG chaman igualmente a manifestarse na marcha convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto para este domingo.

“Ao señor Feijoo que tanto lle gusta o consenso e alude á Lei do Aborto do 85, cabe lembrarlle que foi unha Lei rexeitada e recorrida ante o TC polo Partido Popular daquela e que posteriormente foi respaldada por este"

As XSG defenden a actual norma, aprobada en 2010 por considerala “preventiva, con garantía xurídica e sanitaria para a muller e de amplo consenso social”. O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, sinalou que “ao señor Feijoo que tanto lle gusta o consenso e alude á Lei do Aborto do 85, cabe lembrarlle que foi unha Lei rexeitada e recorrida ante o TC polo Partido Popular daquela e que posteriormente foi respaldada por este". Engadiu que coa Lei do 2010 fixeron o mesmo, votaron en contra e agora como teñen medo a que o fallo do Tribunal Constitucional non lles sexa favorable, como lles pasou coa Lei do Matrimonio Homosexual".

Bouza subliñou que que “en Europa miran para nós avergoñados ante este brutal ataque, a un dereito fundamental para as mulleres, recoñecido pola propia Organización de Nacións Unidas. Só temos que escoitar a Marine Le Pen oporse a estar reforma machista e non é unha muller que se lle poida acusar de ser roja exactamente”. 

En relación coas recentes declaracións de varios representantes da xerarquía da Igrexa Católica, o secretario xeral das XSG tivo tamén duras palabras: "Gustaríanos informar os señores da Conferencia Espiscopal de que xa non estamos no século no que queimaba as mulleres nas fogueiras por seren bruxas e herexes. Quizais soamente sexan añoranzas de tempos pasados, como cando falan do holocausto que será porque o coñecen ben. Non pretendan volver a esas épocas gloriosas porque atoparanse cunha mala compañeira para eles, a democracia". Ademais, Bouza animou “a todos os cardenais españois a que aproveitando o cambio de presidente da Conferencia Episcopal deixen de contar o número de abortos que hai en España e se dediquen a devolverlles os dereitos ás mulleres na súa institución".

"Gustaríanos informar os señores da Conferencia Espiscopal de que xa non estamos no século no que queimaba as mulleres nas fogueiras por seren bruxas e herexes"

As XSG tamén lle criticaron á Igrexa que “toda esa sensibilidade que mostran ao falar do nasciturus foxa toda pola boca e se esquezan por completo do dereito á vida dos que xa naceron e o Partido Popular quere arrebatarlle os seus dereitos con leis como a de represión cidadá, ou so dereito á vida dos mortos en Ceuta". "Seguimos esperando unha mísera nota de prensa esixíndolle ao goberno que non permita nin unha soa morte máis por este motivo. Quizais pequen un pouco de dobre moral ou directamente de alta hipocrisías, ou simplemente de pura e dura ideoloxía”, concluíron.

Cartaz das Xuventudes Socialistas © XSG
Aitor Bouza e Laura Requejo © XSG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.