Semente acompáñase de linguas minorizadas do mundo na procura de apoios para a súa grande escola en Compostela

Algunhas das crianzas e familias de Semente Compostela © Semente Compostela

A escola Semente de Compostela vén de iniciar unha campaña de micromecenado para a reforma dun inmoble que servirá no futuro para agrupar as tres escolas coas que conta nestes momento na cidade. A nova escola, que foi adquirida grazas a un empréstito concedido por Coop57, está situada en Moas de Abaixo (Vidán) e o proxecto educativo necesita agora recadar algo máis de 100 mil euros para levar a cabo a reforma deste espazo.

O proxecto educativo necesita agora recadar algo máis de 100 mil euros para levar a cabo a reforma deste espazo

O denominado Projeto Moas busca acadar nos vindeiros 40 días un mínimo de 90.000 euros e chegar se fose posible ata os 130.000 euros necesarios paras as obras proxectadas. A campaña, que xa recadou nunhas poucas horas algo máis de mil euros, ofrece unha serie de recompensas para as persoas que colaboren. Dende un sinxelo agradecemento público na páxina web da entidade a obradoiros de arrolos, de danza, de narración oral, de petiscos saudables ou de windsurf. E mesmo a posibilidade de contar con concertos exclusivos de Guadi Galego ou de recibir unha acuarela orixinal de Sechu Sende. Entidades e establecementos poden tamén converterse en "local colaborador" con achegas a partir de 200 euros.

A nova escola permitirá reunir a todo o alumnado da Semente Compostela, que abrangue os niveis dos 2 aos 12 anos e que na actualidade está repartido en tres locais

A Casa das Moas ten unha superficie total de 600 metros cadrados repartidos en tres andares, cunha finca forestal de 3.500 metros cadrados. Esas dimensións farán posible reunir nese espazo a todo o alumnado da Semente Compostela, que abrangue os niveis dos 2 aos 12 anos, explican dende o proxecto educativo. Na actualidade, as crianzas da Semente están repartidas en tres locais: dous deles dirixidos a alumnado do ciclo de infantil e un ao de ensino primario. 

Activistas de distintas comunidades lingüísticas do mundo apoian tamén a campaña de micromecenado iniciada por Semente Compostela. Durante as vindeiras semanas publicaranse os vídeos gravados por estas persoas, nos que subliñan a importancia deste proxecto educativo e do traballo que vén realizando nos últimos anos.

Activistas de distintas comunidades lingüísticas do mundo apoian tamén a campaña de micromecenado iniciada por Semente Compostela

Este luns xa se puido ver o vídeo protagonizado por Lill Tove Fredriksen, profesora da Universidade do Ártico, desde a Illa de Tromsø; Tove é activista na defensa da lingua sámi fronte ás políticas norueguesas. Este martes Eva Bertrana, da Escola Bressola-Perpiñán, enviou a sua mensaxe de apoio en catalá. Nos vindeiros días chegarán vídeos desde lugares e linguas como a Nación Cree de Wemindji (cree), Libia (amazigh), Bretaña (bretón), Araucania (mapuche), Cochabamba (quechua), Irlanda (gaélico), Quebec (francés), Gales (galés), Euskal Herria (euskera), Cabo Verde (caboverdiano), Paises Cataláns (catalán), ou Aragón (aragonés), entre outros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.