Semente Compostela segue a medrar e adquire un novo local para agrupar as súas tres escolas

A Casa das Moas, en Vidán (Compostela) © Semente Compostela

Semente Compostela vén de adquirir un novo local, de gran tamaño, que lle permitirá reunir as tres escolas que actualmente funcionan en Santiago

A asociación Semente Compostela vén de adquirir un novo local, de gran tamaño, que lle permitirá reunir as tres escolas que actualmente funcionan en Santiago. Trátase da denominada Casa das Moas, na zona de Vidán, que será mercada grazas a un empréstito concedido pola cooperativa de servizos financeiros Coop57. 

Hai unhas semanas o proxecto educativo iniciou a recolla de avais para a operación e en tan só 15 días acadou os 200 avais necesarios, superando o obxectivo inicial dos 285.000 euros. De feito, grazas ao apoio de familias e docentes acadáronse 356.200 en avais e un 90% das familias que na actualidade forman parte da Semente avalaron a operación.

Nas vindeiras semanas, o colectivo lanzará unha campaña de crowdfunding para recadar os fondos necesarios para a reforma da futura Escola das Moas

Semente Compostela subliña que "a adquisiçom do local de Moas permitirá fazer viável o projeto educativo das Escolas Semente de Compostela, garantindo um espaço suficiente e em contato com a natureza, num lugar accesível desde o centro da cidade em transporte público ou outras formas de transporte sustentáveis".

O empréstito concedido permitirá sufragar a operación inmobiliaria (o custo do local, 242.000 euros, mais os gastos legais derivados e o proxecto arquitectónico para a sua reforma). Ademais, nas vindeiras semanas, o colectivo lanzará unha campaña de crowdfunding para recadar os fondos necesarios para a reforma da futura Escola das Moas.

"A ampla demanda que está a ter a escola fai prever que nos vindeiros cursos será preciso um aumento do espaço onde desenvolver as actividades lectivas", subliñan

A Casa das Moas ten unha superficie total de 600 metros cadrados repartidos en tres andares, cunha finca forestal de 3.500 metros cadrados. Esas dimensións farán posible reunir nese espazo a todo o alumnado da Semente Compostela, que abrangue os niveis dos 2 aos 12 anos, explican dende o proxecto educativo. Na actualidade, as crianzas da Semente están repartidas en tres locais: dous deles dirixidos a alumnado do ciclo de infantil e un ao de ensino primario. 

Semente Compostela explica que "a ampla demanda que está a ter a escola fai prever que nos vindeiros cursos será preciso um aumento do espaço onde desenvolver as actividades lectivas, assim como as actividades extraescolares que a Semente oferta a todas as famílias de Compostela para facilitar a conciliaçom".

Algunha das crianzas de Semente Compostela © Semente Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.