Touradas: O negocio da morte loita por sobrevivir

Manifestación contra as touradas, na Coruña © GMST

Como se puido ver esta fin de semana na Coruña, a afección aos touros descende cada ano, non só en Galicia, onde sempre foi residual, senón no conxunto de España. Amósano as sucesivas sondaxes que cada certo tempo se publican, e que revelan que as touradas son rexeitadas pola maioría da poboación, sobre todo entre as xeracións máis novas. E tamén as cifras de espectáculos taurinos celebrados cada ano en España, e que dende o 2007 caeron á metade.

Hai un forte incremento (nun 35%) do número de profesionais taurinos rexistrados, a pesar da caída á metade do número de eventos organizados

A pesar disto, a industria do touro segue movendo moitos cartos, e sostendo un grupo moi pequeno de empresarios e profesionais que de forma moi agresiva defenden o seu negocio, tanto publicamente, en medios de comunicación e fronte aos grupos abolicionistas, coma ante as administracións públicas, realizando un intenso traballo de lobby. A afección descende, pero o negocio continúa, e proba diso son as cifras oficiais do Ministerio de Cultura (encargado dende 2011 da xestión deste espectáculo de tortura animal), nas que se aprecia un forte incremento (nun 35%) do número de profesionais taurinos rexistrados, a pesar da caída á metade do número de eventos organizados. O número de empresas ganadeiras de reses de lidia aumentou lixeiramente (1.327 en 2007, 1.341 en 2013) e o de escolas taurinas so diminuíu levemente (de 49 a 43). Tamén se manteñen as fortes subvencións públicas, algunhas dirixidas á organización dos espectáculos, e outras á cría dos animais, enmarcadas neste caso das axudas europeas ao agro.

Dá a impresión de que na medida en que a base do negocio máis se esgota, máis forte é a loita por mantelo de forma artificial, ben a través do mantemento das subvencións, ben a través da reivindicación do seu carácter de tradición ou de patrimonio cultural, ben a través da súa extensión a lugares nos que as touradas non se celebraban previamente, como é o caso de Galicia. Unha industria ferida de morte que se resiste a desaparecer.

 

Menos touradas, máis toureiros

Mentres que en 2007 se organizaron un total de 3.651 "festexos taurinos" en España, esa cifra foi dende entón caendo todos os anos, ata os 1.858 celebrados en 2013, a metade

Mentres que en 2007 se organizaron un total de 3.651 "festexos taurinos" en España, esa cifra foi dende entón caendo todos os anos, ata os 1.858 celebrados en 2013, a metade. En Canarias as touradas están prohibidas por decisión do Parlamento dende 1991 (dende 1985 xa non se celebraban por falta de afección) e en Cataluña a derradeira corrida de touros celebrouse en 2011 (aínda que xa anteriormente o número de espectáculos era case testemuñal, ao redor de 17-18 por ano). Noutras comunidades, as touradas son unha práctica residual, comezando por Galicia (unha ducia de eventos por ano), pero tamén en Asturias ou Baleares (media ducia por ano en cada caso) ou Cantabria (menos de vinte).

Porén, cómpre salientar que o descenso no número de touradas celebradas foi debido sobre todo á redución de eventos en comunidades nas que si se pode recoñecer unha certa afección á tauromaquia, aínda que en clara regresión. Así, Andalucía pasou de 756 espectáculos en 2007 a 343 en 2013, Castela e León de 630 a 390, Castela-A Mancha de 885 a 422 ou Madrid de 507 a 279.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Festexos taurinos 3.651 3.295 2.684 2.422 2.290 1.997 1.858
Profesionais taurinos 7.397 7.830 8.301 8.631 9.293 9.562 9.835

Festexos taurinos celebrados e profesionais taurinos rexistrados en España entre 2007 e 2013. Fonte: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Estes mesmos datos confirman o caracter residual das touradas en Galicia, cunha ducia escasa de espectáculos por ano, e con presenza (en ocasións totalmente esporádica) en 13 concellos do país. 

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Total  12 12 15 10 12 11 11
Corridas 6 7 7 8 7 7 7
'Rejoneos', 'Novilladas' e outros 6 5 8 2 2 3 3
Festexos populares         3 1 1

"Festexos taurinos" celebrados en Galicia entre 2007 e 2013. Fonte: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte 

 

Menos afección, máis subvención

Tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo

A afección á tauromaquia atópase en claro retroceso en España, segundo o amosan sondaxes de opinión e enquisas de hábitos de ocio. Un estudo de Gallup correspondente ao ano 2012 amosaba que o 68,8% dos españois non amosaba ningún interese polas touradas, mentres que para un 10,6% tiñan "moito" interese e "algo" para outro 20,6%. A situación fora mudando dende os anos setenta (cando interesaban ao 55% da poboación fronte a un 43% de persoas ás que non). Outra investigación (de 2006) definía con máis claridade as características desta afección, que era maioritariamente masculina (o 78,5% das mulleres amosaban desinterese por este espectáculo), e máis habituais nas idades máis avanzadas (os menores de 25% rexeitábaos nun 82%). 

O rexeitamento ás touradas é moito máis evidente en comunidades como Galicia. As sondaxes encargadas na Coruña por Galicia, mellor sen touradas son moi elocuentes ao respecto. Tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo, segundo a última enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, unha cifra que se achega ao 90% entre os menores de 44 anos. De feito, só entre os maiores de 60 anos hai unha maioría de persoas que defenden as subvencións públicas para este espectáculo.

A pesar disto, as touradas e a tauromaquia continúan sendo toda unha industria que move millóns de euros todos os anos, en beneficio dun reducido número de axentes. O pasado ano un artigo de José Enrique Zaldívar Laguía en El Diario poñía en dúbida algunhas das cifras que os protaurinos utilizan para defender a "importancia social" do seu negocio, entre outras que dá emprego "a 200 mil persoas". Zaldívar botaba man dos xa referidos datos de exploacións gandeiras e profesionais rexistrados, para reducir esta cifra a pouco máis de 13 mil postos de traballo fixos. E preguntábase: "que sostén esta actividade da que se lucran uns poucos? As subvencións".

Calcúlase que ao redor de 130 millóns de euros destinados a desenvolvemento agrario (inseridos nos fondos FEDER) son desviados ao financiamento de empresarios taurinos dedicados á cria de touros para a súa morte. A esta cantidade habería que sumar outros 571 millóns procedentes dos fondos públicos de concellos, comunidades autónomas e Estado central, que tamén van parar á industria taurina a través de fórmulas e conceptos moi diversos. Estudos de entidades protaurinas calculan que ao redor do 40% dos ingresos totais dunha gandaría de lidia proveñen de subvencións públicas.

Manifestación contra as touradas, na Coruña © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.