A iniciativa busca dar a coñecer -especialmente entre a rapazada galega- as vidas e a loita de mulleres activistas polos dereitos humanos, sociais e medioambientais
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Coordinadora Galega de ONGD veñen de poñer en marcha a colección de libros 'Defensoras de Dereitos', que busca dar a coñecer -especialmente entre a rapazada galega- as vidas e a loita de mulleres activistas polos dereitos humanos, sociais e medioambientais. A colección ábrese con tres biografías realizadas pola xornalista e poeta Lara Dopazo sobre Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, activistas de Honduras, México e Guatemala, respectivamente.
Elas tres forman parte das máis de dúas mil mulleres organizadas arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). Ademais das súas historias, os libros tamén dan a coñecer o contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as protagonistas.
Os textos foron realizados pola poeta e xornalista Lara Dopazo. E as ilustracións foron creadas a catro mans entre o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas e a deseñadora gráfica galega Marta Conde
A iniciativa, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, inclúe tamén as ilustracións creadas a catro mans entre o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas e a deseñadora gráfica galega Marta Conde.
Os volumes impresos son de acceso libre para centros de ensino e espazos de educación non regrada e atópanse tamén dispoñibles en formato dixital para todas aquelas persoas que teñan curiosidade, en galego e castelán. Existe tamén a posibilidade de organizar unha actividade pedagóxica arredor dos libros, da man de Agareso e da autora dos textos.
Miriam Suazo
Miriam Suazo e a digna rabia aborda a vida e a traxectoria de dúas décadas de traballo desta activista dos dereitos humanos de Honduras. “As mulleres xuntámonos e construímos solidariedade para vencer o medo que nos produce a violencia estrutural, estatal, machista, patriarcal, capitalista, racista", di Suazo, "esta é a maior fortaleza que temos: tecer xuntas e defender a vida desde a alegría e a esperanza.” Actualmente, Miriam Suazo forma parte do Centro de Estudios de la Mujer e a Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos de Honduras e coordina, xunto a outras organizacións e movementos sociais, o fondo de emerxencia para a protección das persoas defensoras expostas a riscos inminentes debido ao seu labor.
María Cuc Choc
María Cuc Choc o corazón en alto ten como protagonista a esta defensora dos dereitos das mulleres maia q’eqchi’ en Guatemala que desde moi nova tivo claro que era preciso denunciar e organizarse contra as inxustizas que sufría o seu pobo. “Estou tan orgullosa de ser o que son", explica María Cuc Choc, "unha muller indíxena, filla de pais labregos que con tanta sabedoría labraron a terra, que nos aprenderon o respecto á nosa lingua, ao medio. "Teño que loitar por defender esa sabedoría que herdei”, recorda. María Cuc Choc tamén apoia e acompaña a resistencia das comunidades que sofren desaloxos violentos por parte de compañías mineiras e de monocultivo no entorno do lago Izabal, na parte oriental do país.
Estela Ángeles Mondragón
Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi narra a loita desta defensora dos dereitos territoriais das poboacións orixinarias. “Non todo o mundo está orgulloso do noso pasado indíxena", explica Mondragón, "e aí radica a diferenza de quen facemos defensa do territorio: queremos a terra, considerámola parte de nós". "Creo que Baqueachi ve así a súa terra e, se cadra, entender como defendían o seu territorio levoume a quedar alí" remata. Desde hai máis de dúas décadas, Estela Ángeles Mondragón acompaña ao pobo rarámuri de Baqueachi, unha comunidade indíxena do norte de México, na recuperación de 44.000 hectáreas de terra e o recoñecemento dos seus dereitos.