Chega un novo Día do Orgullo LGTBI, como todos os anos a medias entre a celebración e a reivindicación. E, ollando a evolución lexislativa e social, a medio camiño entre unha serie de importantes avances acadados nas últimas décadas e a necesidade de seguir reclamando reformas para acadar unha plena igualdade de dereitos para todas as persoas.
Falamos con tres colectivos LGTBI galegos, que sinalan a importancia do camiño percorrido: "Foi un cambio radical. Dende a Lei de Perigosidade Social dos 70 á aprobación do matrimonio igualitario en 2005 e a posibilidade de adoptar, cambios lexislativo que naceron a partir dun forte apoio social e tras anos de mobilización", destacan dende A.LA.S. (Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña) que alertan -con todo- que aínda é necesario consolidar estes cambios, tanto no ámbito normativo coma no social: "Hai grupos que seguen en contra. Máis de dez anos despois da aprobación do matrimonio igualitario, hai persoas que seguen lanzando as súas mensaxes de odio dende os púlpitos", sinalan.
ULTREIA: "A situación, en termos legais, é mellor que cando se aprobou o matrimonio igualitario, evidentemente. Pero nos últimos anos hai certo estancamento, aínda non se completou o proceso de normalización por parte das institucións"
O mesmo pensan na entidade compostelá ULTREIA: "A situación, en termos legais, é mellor que cando se aprobou o matrimonio igualitario, evidentemente. Hai unha parte importante da sociedade que nos apoia e pouco a pouco algunha se vai implicando nas nosas reivindicacións. Pero nos últimos anos cremos que hai certo estancamento, tendo en conta que aínda non se completou o proceso de normalización por parte das institucións". Destacan, neste senso, a necesidade de que se aprobe no Congreso a Lei de Igualdade LGTBI e en Galicia A Lei de Identidade de Xénero, fundamental para as persoas trans.
O pasado 4 de maio a Federación estatal de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais presentou no Congreso un proxecto de Lei de Igualdade LGTB e o 17 de xuño o borrador foi admitido a trámite, para ser debatido no outono. "Hai varias comunidades que aprobaron leis, pero outras non e cremos que é imprescindible unha lei estatal que protexa a todos os colectivos en todos os territorios", explica Óscar, de ALAS. "A súa aprobación sería moi importante, sobre todo para o colectivo trans, ou para que unha parella de lesbianas poida rexistrar automaticamente un neno ou nena como fillo ou filla das dúas. Inclúense medidas tamén para acadar a igualdade nos tratamentos médicos, ou para loitar contra os delitos de odio, que no último ano aumentaron moito", di.
ALAS: "A educación na diversidade debería ser parte imprescindible en todos os currículos escolares, que dende o colexio se ensinase que hai distintos tipos de familia, distintas formas de quererse e sexualidades e xéneros diferentes"
Dende ALAS reclámase tamén facer esforzos no mundo do ensino: "A educación na diversidade debería ser parte imprescindible en todos os currículos escolares, que dende o colexio se ensinase que hai distintos tipos de familia, distintas formas de quererse e sexualidades e xéneros diferentes". E, igualmente, loitar contra o problema do bullying escolar, "que sempre existiu, pero agora ademais este tipo de agresións non só se dan na aula ou na rúa, senón a través das redes sociais". "Hai que afondar na educación en valores, en que a diversidade é algo que debe ser respectado, algo que enriquece a sociedade. Temos moito por facer", di Cristina Palacios, de ARELAS (Asociación de familias de menores trans).
"Temos que cambiar esa percepción dalgunha xente de que 'o gai' é unha imposición, froito dunha ideoloxía amparada por un 'lobby'. Este discurso é máis normal do que cremos, e é aproveitado por grupos antiLGTBI (ultracatólicos e fascistas) para conseguir o apoio de certa xente", afirman dende ULTREIA. "Nós non vimos impoñer, vimos defender os dereitos e a dignidade de todas as persoas", engaden.
"É fundamental tamén adoptar medidas para as persoas homosexuais que viven en residencias de anciáns; danse moitos casos de persoas obrigadas a volver a entrar no armario, despois de moitos anos fóra e loitando por ser eles e elas mesmas, porque viven en residencias relixiosas ou que non respectan a súa condición", subliña Óscar, de ALAS.
A necesaria Lei de Identidade de Xénero
Dende ARELAS (Asociación de familias de menores trans), Cristina Palacios, celebra que "nos últimos anos avanzouse sobre todo no ámbito das crianzas trans. Avanzouse na visibilidade, en poñerlle nome ás cousas. O que non se ve non existe, e polo tanto isto foi un gran paso adiante. Ata hai pouco moita xente ignoraba que había nenos e nenas trans, daban por feito que a transexualidade era algo elixido por persoas adultas. Agora conseguimos visibilizar que as persoas trans non se fan, senón que é algo que algúns nenos comezan a sentir dende que teñen dous ou tres anos".
"Estes nenos e nenas están tentando romper con algo co que é moi difícil loitar: o bioloxicamente establecido, que un neno ten que ter pene e unha nena ten que ter vulva. Rachan tamén coa disforia de xénero; temos nenos e nenas que non teñen tal disforia, nenos con vulva e nenas con pene que son felices e que -como digo eu- de disfóricos non teñen nada, son eufóricos. Estase a rachar co binarismo, cos corpos correctos de homes e de mulleres. E iso é un avance brutal", di Cristina Palacios. "Hai que rachar tamén coa patoloxización da transexualidade: a inmensa maioría dos profesionais consideran que os nenos e nenas trans sofren un trastorno mental, un trastorno que se pode curar. Algo parecido ao que sufrían as persoas homosexuais hai décadas", engade.
ARELAS sinala como fundamental a aprobación en Galicia da Lei de Identidade de Xénero
E, ao igual que as outras dúas entidades ARELAS sinala como fundamental a aprobación en Galicia da Lei de Identidade de Xénero. "Nela está contida a autodeterminación de xénero das persoas; ninguén pode vir dende fóra a me dicir que é o que son. E, segundo, a despatoloxización da transexualidade. E, despois, outros elementos que tamén son fundamentais: a loita contra o acoso escolar, medidas contra a escasa formación que teñen no ámbito educativo para tratar estes asuntos, coa inserción laboral...", explica.
ALAS concorda na análise que realiza ARELAS e subliña a importancia de adoptar medidas para garantir os dereitos das persoas transxénero: "O colectivo trans é un dos máis esquecidos. Debe traballarse no seu acceso ao mundo laboral, porque estas persoas seguen a sufrir unha taxa de desemprego elevadísima".
Como celebrar o Orgullo
"ULTREIA está en contra do capitalismo rosa, porque consideramos que só beneficia a un empresariado que se aproveita dunha loita"
Entre as distintas entidades LGTBI hai diversidade de opinións sobre a idoneidade de facer fincapé en certos elementos á hora de celebrar o Día do Orgullo, alertando sobre o risco dunha certa mercantilización dunha xornada de reivindicación, sobre todo en cidades como Madrid ou Barcelona. Así, por exemplo, dende ULTREIA sinálase que "a nosa asociación está en contra do capitalismo rosa, porque consideramos que só beneficia a un empresariado que se aproveita dunha loita. É coma se agora o día da muller se enchese de carrozas, ambiente festeiro e se comezase a facer festas privadas feministas. É verdade que os sucesos que se conmemoran aconteceron en ambiente festivo, pero non é escusa para tratar de instrumentalizar a nosa loita".
"Moitas veces dise que no Orgullo non debería haber tanta pluma ou tanta carroza; dende ALAS pensamos que as carrozas axudaron a visibilizar o colectivo e a gañar aliados"
Pola contra, dende ALAS incídese no beneficio que este ton festivo da reivindicación tivo para o movemento e o coñecemento da súa situación e demandas: "Moitas veces dise que no Orgullo non debería haber tanta pluma ou tanta carroza; dende ALAS pensamos que as carrozas axudaron a visibilizar o colectivo e a gañar aliados. Que sexa unha festa achegou moita xente a coñecer as nosas reivindicacións. A música e a pluma axudan a facer chegar a nosa mensaxe. Dentro da reivindicación festiva do Orgullo, sempre hai unha parte reivindicativa que tentamos comunicar e que chegue a canta máis xente mellor".
Cristina Palacios (ARELAS) defende "un Orgullo participativo e para todas as idades. Debe estar totalmente aberto á cidadanía, e polo tanto hai que facer actividades nas que a cidadanía se sinta incluída. Por exemplo, nós aquí en Lugo fixemos un xantar popular no que participou xente que non era do colectivo, pero compartiu o espazo e o tempo con nós". E salienta que "non se debe converter o Orgullo nun negocio, o Orgullo é reivindicación e non debe perderse esa perspectiva".
ARELAS defende "un Orgullo participativo e para todas as idades. Debe estar totalmente aberto á cidadanía, e polo tanto hai que facer actividades nas que a cidadanía se sinta incluída"
Ademais, di, "as administracións teñen que estar presentes no Orgullo; non é un favor que nos fan, senón que é unha obriga que teñen. Eles deben representar a cidadanía e nós somos cidadanía tamén". ALAS salienta igualmente a importancia desta colaboración coas administracións: "Creo que a relación coas institucións é clave, por exemplo coa Xunta para introducir determinados contidos nos colexios. Ou no ámbito local, aquí na Coruña, nós como asociación estamos moi contentos co labor que realizan as bibliotecas municipais co programa 'as municipais entenden'". "Con xestos pequenos pódense facer grandes cousas para a visibilidade do colectivo. As sinerxías e colaboracións entre os colectivos e as institucións sempre son necesarias", conclúe.