Un empresario manobra para que as touradas volvan a Sarria este mes

Concentración contra as touradas en Sarria, o pasado mes de maio © Podemos Animalista Sarria

En xuño de 2014 celebrouse por última vez unha corrida de touros en Sarria, no marco das festas de San Xoán. Aquel día Jesulín de Ubrique ou Julio Benítez El Cordobés encheron unha pequena praza móbil, instalada na localidade. As eleccións de maio de 2015 trouxeron un cambio de Goberno no concello e José Antonio García López (PPdeG) foi substituído por Pilar López Yáñez (PSdeG-PSOE), que entre as súas primeiras medidas rexeitou subvencionar a corrida prevista para as festas de San Xoán dese ano. Un empresario taurino conseguiu convencer ese ano ao Concello de Triacastela, moi próximo a Sarria, para organizar alí unha tourada no mes de agosto, pero a iniciativa non callou e o verán seguinte a comarca ficou por fin libre de espectáculos taurinos.

En maio, o Concello negouse a autorizar a petición por vía de urxencia, tramitándoa como un procedemento máis, o que impediu a celebración da corrida en xuño e tamén en agosto

As touradas poderían regresar este mes a Sarria, nunha iniciativa do empresario Juan Santos, que xa o pasado mes de maio solicitou o permiso municipal para instalar unha praza móbil na vila durante as celebracións do San Xoán, o que espertou as protestas de numerosos colectivos na vila, que reuniron máis de dúas mil sinaturas. O Goberno municipal, formado por PSdeG-PSOE, BNG e unha concelleira non adscrita, mantén a súa negativa a subvencionar espectáculos taurinos ou a ceder materiais ou terreos públicos para estas prácticas, pero o empresario conseguiu alugar un predio de propiedade privada para a instalación da súa praza.

O Concello negouse a autorizar a petición por vía de urxencia, tramitándoa como un procedemento máis, o que impediu a celebración da corrida en xuño e tamén en agosto. Porén, o empresario taurino mantivo a súa intención de organizar o espectáculo neste mesmo mes de setembro e asegura contar xa con todos os permisos municipais e só necesitaría xa da derradeira autorización por parte do Concello, que en principio non se podería negar á súa concesión, dado que as touradas son unha actividade legal (a Lei de Benestar Animal aprobada polo PP o pasado ano exclúe a tauromaquia do seu ámbito de aplicación) e o espectáculo realizaríase nun terreo privado.

A corrida podería celebrarse o domingo 23 ou, no caso de que a autorización chegase máis tarde, o domingo 30. O lugar onde se instalaría a praza móbil estaría na zona de Fontao, preto dos institutos. O empresario anunciara en maio que Juan José Padilla, Miguel Abellán ou José Antonio Canales Rivera participarían na tourada, un cartel que se mantería "sexa cando sexa".

O empresario conseguiu alugar un predio de propiedade privada para a instalación da súa praza

Colectivos como Galicia, Mellor Sen Touradas comezaron xa a organizarse contra a a celebración desta corrida de touros. E tamén o grupo Podemos Animalista Sarria convocou unha asemblea para este luns 17 (Praza da Vila, 20 horas) para dar "unha contundente resposta" á organización desta tourada.

O número de espectáculos taurinos celebrados en Galicia leva anos en claro descenso. Entre 2007 e 2013 movíanse entre 10 e 12 corridas ou novilladas anuais (chegaron a ser 15 en 2009), pero xa en 2014 descenderon a 8 e en 2015, coa desaparición da feira taurina da Coruña, ficaron en 5 (tres en Pontevedra e as de Padrón e Triacastela). En 2016 e 2017 a cifra ficou nas tres touradas organizadas en Pontevedra, desaparecendo as demais.

Praza de touros de Sarria © taurinagijona.blogspot.com
Campaña de Galicia, mellor sen touradas © GMST
Manifestación contra as touradas en Sarria © Sarria Libre de Touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.