Un estudo científico alerta de que reabrir a mina de Touro pode extinguir o salmón no Ulla

Balsa mineira en Touro © Adega

A actividade mineira en Touro nos anos 70 e 80, que agora se pretende poñer de novo en marcha, reduciu notablemente o número de salmóns no río Ulla, e tamén o seu tamaño. É a conclusión dun estudo realizado por seis investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, a Universidade de Swansea (Gales) e o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do CSIC e que veñen de publicar na revista Environmental Pollution. O equipo analizou os metais pesados presentes nas escamas dos salmóns capturados no Ulla entre 1951 e 2012 para determinar o impactos dos vertidos desta mina a ceo aberto. Para ter un elemento de comparación, analizaron tamén os salmóns capturados no río Miño nas mesmas épocas.

Nas décadas dos 70 e 80 a presenza de cobre nas escamas dos salmóns do Ulla multiplicaban por sete as cantidades atopadas nos peixes despois do peche da mina. O estudo salienta que a acumulación de cobre é máis intensa na fase xuvenil, cando os salmóns están nos treitos altos do río. Un momento, destaca o estudo, no que esta especie é especialmente vulnerable á presenzas de materiais pesados, en especial o cobre, moi prexudicial para o salmón. Isto afectou ao crecemento dos peixes, que descendeu fortemente en comparación cos salmóns do Miño. Ao cesar a actividade da mina, o crecemento recuperouse ata niveis próximos ao incio da actividade.

A investigación salienta igualmente un descenso no número de salmóns no Ulla durante o periodo de actividade da mina de Touro, descenso que aínda non deu recuperado hoxe completamente.

A investigación alerta de que as poboacións de salmón en toda a Península Ibérica "están en situación de risco, que nalgúns casos chega a ser extremo", con escasa resiliencia, poboacións pequenas e poucos grupos de idade. E conclúe que nesta situación a contaminación por metais pesados (coma os que pode deitar no río o proxecto mineiro de Touro) pode facer "moi difícil ou mesmo imposible" a súa recuperación. "Polo tanto, a actual proposta de reapertura da mina de cobre pode poñer a poboación de salmóns do río Ulla ao borde da extinción", remata o texto.

Ao fío desta investigación, ADEGA salienta que esta é "unha razón máis para que a Xunta rexeite a reapertura da mina de Touro e para que protexa as escasas poboacións do salmón atlántico galego, hoxe ao borde da extinción polo deterioro (encoros, minas, verteduras...) do seu hábitat".

 

O estudo analiza o impacto da actividade mineira en Touro nos anos 70 e 80 sobre o río Ulla Dominio Público Praza Pública
O estudo conclúe que unha vez finalizada a actividade mineira o crecemento dos salmóns recuperouse parcialmente Dominio Público Praza Pública
Pola contra, o número de salmóns no Ulla seguiu en descenso, a diferenza do que sucedía por exemplo no Miño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.