Un informe técnico avala que o falanxista Ramón Ferreiro manteña a súa avenida en Lugo

Imaxe da Avenida de Ramón Ferreiro © Concello de Lugo

En novembro de 2012 o goberno municipal lucense, daquela aínda conformado por PSdeG e BNG, iniciou o procedemento para renomear oito rúas da cidade que aínda estaban dedicadas a distintos persoeiros relacionados coa ditadura franquista, cumprindo así co fixado na lei de memoria histórica. Entre eles, o Xeneral Tella, Carlos Azcárraga, José Cedrón del Valle, o Teniente Coronel Teijeiro, os irmáns Pedrosa, Julio Ruiz de Alda, o Comandante Manso e Ramón Ferreiro.

Ferreiro foi militante falanxista, un camisa vieja que foi Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento da provincia de Lugo en 1939

O proceso tivo nos últimos meses algúns episodios de conflito, relacionados con algunha das propostas para bautizar de novo estas vías e prazas. Sobre todo pola relación coa ditadura franquista dalgúns dos nomes suxeridos, como é o caso de Adolfo Suárez e, sobre todo, de Manuel Fraga. A proposta de darlle o nome de Fraga a unha rúa contou co total rexeitamento do BNG e coas dúbidas dalgúns sectores do PSOE. Antón Bao subliñou que "Fraga foi membro da ditadura e tivo responsabilidades na toma de decisións que atentaron contra a vida de persoas e tamén está incurso na Lei de Memoria Histórica". E, de igual xeito, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica presentou unha publicación en Lugo na que buscaba "explicar a participación de Fraga na represión e a súa relación coas vítimas da ditadura".

Porén, o secretario municipal avalou nun informe a legalidade da asignación dunha rúa a Manuel Fraga. E agora vén de facelo tamén con Ramón Ferreiro, que polo tanto poldería manter a avenida á que dá nome dende hai décadas. Ferreiro foi militante falanxista, un camisa vieja que foi Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento da provincia de Lugo en 1939. Así mesmo, foi procurador a Cortes durante as cinco primeiras lexislaturas do período franquista e ocupou numerosos cargos políticos na ditadura: Director Xeral de Ensinanza Profesional e Técnica (1943), xefe da Obra Sindical de Formación Profesional e xerente xeral da Prensa do Movimiento (1956). A pesar de todo isto, é fillo adoptivo da cidade e ten a Medalla de Ouro do Concello de Lugo.

O cambio de denominación non se debaterá até despois do verán. Tamén se adiará o debate sobre o cambio da rúa Ramón Montenegro, que segundo a proposta do Concello pasará a chamarse rúa Manuel Fraga

Nos últimos meses propúxose que a actual Avenida Ramón Ferreiro mudase o seu nome polo de Raimundo de Borgoña. En 2011 a asociación cultural lucense Cultura do País e a Mesa pola Normalización Lingüística demandaran que a avenida fose dedicada a Lois Pereiro. En calquera caso, o cambio de denominación non se debaterá até despois do verán. Tamén se adiará o debate sobre o cambio da rúa Ramón Montenegro, que segundo a proposta do Concello pasará a chamarse rúa Manuel Fraga. O PP pediu que non se suprima nome ningún até contar con todos os informes do secretario, mais o BNG cre que o atraso se debe a que "Orozco non ten moi claro cal sería a postura dalgúns dos seus concelleiros á hora de aprobar que Manuel Fraga teña unha rúa na cidade de Lugo".

Imaxe da Avenida de Ramón Ferreiro © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.