Un Primeiro de Maio contra a desesperanza

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

"Hai máis razóns que nunca para que as manifestacións sexan masivas". Todos os sindicatos galegos coinciden en chamar á mobilización multitudinaria neste Primeiro de Maio que aparece no calendario mesturado coas dramáticas cifras da EPA, os case 300.000 parados en Galicia, as novas medidas de axuste e a ineficacia recoñecida dun Goberno central que agoira máis desemprego e sufrimento para os vindeiros anos.

Os sindicatos maioritarios do país -CCOO, CIG e UGT- e outros como CUT, CNT ou CGT convidan a cidadanía a secundar as súas respectivas marchas nun 1º de Maio que as centrais volven celebrar por separado, malia o éxito das últimas convocatorias baixo a unidade de acción sindical.

Os sindicatos ven "máis razóns que nunca" para saír á rúa este Primeiro de Maio

"O Primeiro de Maio nunca foi unha data calquera, pero despois do venres de horrores do Consello de Ministros, dos datos da EPA ou das medidas de axuste anunciadas, cada vez hai máis razóns para que as manifestacións sexan masivas e para que a cidadanía rexeite de maneira clara e rotunda estas políticas que nos levan á miseria", di Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia, que coincide con José Antonio Gómez, o seu homónimo en UGT-Galicia, en que a rúa "é o lugar que queda para expresar o rexeitamente masiva ás medidas de axuste que son un suicidio económico". "Sobras nos motivos; se xa os había antes, máis hai agora", engade.

Por todos estes motivos, os sindicatos agardan mobilizacións "masivas" este mércores en toda Galicia. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, entende que "se fose por razóns obxectivas, as marchas deberían ser multitudinarias". "O Goberno recoñece a súa ineficacia e cébase dunha maneira tremenda cos sectores máis desfavorecidos", engade o líder da central nacionalista, que se cadra non é tan optimista.

Seixo (CIG) advirte do perigo do "pesimismo e pasividade" e dun "enfado que non se manifesta de xeito colectivo"

"Veremos o que pasa, porque tamén se percibe unha actitude de máis pesimismo e pasividade en sectores amplos da poboación; hai moito enfado, pero non un cabreo que se manifeste de forma continua e colectiva", advirte. Así, Seixo cre importante que, á marxe das mobilizacións, o sindicalismo explique na rúa e nos centros de traballo "a transcendencia das graves medidas destas políticas que castigan os máis desfavorecidos e que nos deixan sen saída".

Neste panorama, os tres principais sindicatos galegos procuran sacar á rúa a milleiros de galegos. UGT e CCOO programaron o seu acto central na Coruña, a partir das 12 do mediodía na praza da Palloza, mentres que a CIG celebrará a súa mobilización principal en Vigo, a partir das 11.30 no cruce da Doblada con Urzáiz. UGT e Comisións percorrerán as rúas de nove localidades (as sete cidades máis Viveiro e Arousa) baixo o lema Non teñen límites. Loita polos teus dereitos, mentres que a CIG manifestarase tamén nas sete urbes -ademais de Ribeira, A Estrada, Vilagarcía e A Mariña- co lema Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza.

CCOO e UGT maniféstanse xuntos, a CIG en solitario e a CUT vai acompañado de diversos colectivos e sindicatos

Pero hai máis manifestacións. Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense acollerán as marchas da CUT, que irá acompañada doutras centrais sindicais de base e de diferentes organizacións da esquerda social. A CNT, a Asemblea Aberta e a Asembleas Abertas de Estudantes acompañarán a central nacionalista na capital galega, mentres que a CGT, STEG, SF-Intersindical, SXG e Sindicato da Elevación irán tamén xuntos na mobilización viguesa. Na Coruña, tamén estará a CGT, mentres que en Ourense xuntaranse CNT e a propia CGT coa Central Unitaria de Traballadores.

Ricardo Castro, xecretario xeral da CUT si “estar satisfeito" co feito de que "a alianza do sindicalismo de clase e asembleario vaia tomando corpo para defender con claridade e fortaleza os intereses da clase obreira galega". Segundo di, así demóstrase que "hai unha alternativa chea de saúde, disposta a rachar co monopolio do sindicalismo pactista, disposta a crear unha nova cultura sindical de autodefensa". "Este entendemento nace co obxectivo de voltear a pirámide, de crear as condicións necesarias para unha mudanza de rumbo, para un cambio sistémico”, asegura.

A esquerda chama a saír á rúa

Desde os partidos políticos progresistas e de esquerda tamén se chama a cidadanía a participar nas manifestacións do Primeiro de Maio en Galicia. Así, o PSdeG reclama unirse a estas manifestacións "en contra dos recortes de dereitos laborais e para esixir un cambio das políticas aplicadas polos gobernos central e autonómico" que, segundo os socialiastas, "están a disparar as cifras de desemprego ata achegarse aos 300.000 parados en Galicia, a maior cifra da historia".

"O fracaso das políticas de emprego coincide co desmantelamento dos servizos públicos, o que resulta demoledor para os 33.000 fogares que hoxe non teñen ningún tipo de ingreso, un 30% mais que hai un ano, e que se sitúan en serio risco de exclusión social", destaca o PSdeG.

AGE reclama "unidade de acción" e deixar fóra "as políticas pactistas e cómplices de determinadas cúpulas sindicais"

Ademais, AGE tamén chama a saír á rúa ante a "situación de emerxencia social", que entre outros síntomas "presenta unha cifra récord de desemprego e unha deriva progresiva e cada vez máis acelerada cara á miseria social", o que "fai indispensábel" a creación dunha "fronte ampla social, política e sindical" que combata "as políticas austericidas e criminais que practican os gobernos do PP". Así, a coalición pide "unha unidade de acción" que "afaste as políticas pactistas e cómplices de determinadas cúpulas sindicais e que pule polo enfrontamento contra a acción ultraneoliberal dos executivos da dereita".

O BNG, desde as súas respectivas organizacións comarcais, tamén chamou a saír á rúa contra un goberno do PP que "lexisla en contra do pobo, a favor dos intereses da banca, e incumpre con cada novo recorte o principio de progresividade, aquel que impide que os dereitos económicos, sociais e culturais sexan regresivos, coa vocación de avogar polo desenvolvemento social".

Por último, Compromiso por Galicia "insta os galegos e as galegas a asistir á pluralidade de actos festivos que se desenvolverán ao longo do día", nun contexto no que "os dereitos socio-laborais están en claro retroceso”.

 

Manifestación en Vigo CC-BY CIG
Manifestación do 14N na Coruña CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.