Unha coruñesa consegue que Vueling a compense con 400 euros polos atrasos nun voo

Avión de Vueling CC-BY-NC-SA Aero Icarus

O pasado 21 de xuño Alba Sánchez, da Coruña, tivo que agardar máis de tres horas (entre a 1.10 ata as 4.20) no aeroporto de Belgrado polo voo de Vueling que debía levala a Barcelona. Nese tempo non recibiu ningún tipo de explicación sobre os motivos do atraso, nin tampouco asistencia. A incidencia fíxolle perder, ademais, o voo Barcelona-A Coruña que debía coller a seguir. Alba Sánchez tivo que chamar por teléfono dende Belgrado para mudar este enlace e tomar a seguinte conexión. Seis meses despois, grazas a senllas reclamacións presentadas a través de FACUA ante o Instituto Galego de Consumo e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, vén de ser indemnizada con 400 euros.

Alba Sánchez tivo que agardar máis de tres horas no aeroporto de Belgrado polo voo de Vueling que debía levala a Barcelona. Nese tempo non recibiu ningún tipo de explicación sobre os motivos do atraso

Sánchez sinala que a compañía se desentendeu completamente e que tivo que resolver a situación pola súa conta. "Vueling non nos informou en ningún momento de que pasara ou de cales eran os nosos dereitos", afirma a viaxeira, que engade que "o peor neste caso é a incerteza, xa que ao non ter ningún tipo de información non sabiamos cando íamos poder volver a España".

En xullo, a coruñesa decidiu presentar unha reclamación ante o Instituto Galego de Consumo (IGC) a través de FACUA-Consumidores en Acción, entidade da que é socia, reclamando unha compensación económica. FACUA alegou que o Regulamento Nº 261/2004, do Parlamento europeo, polo que se establecen as normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros en caso de denegación de embarque e de cancelación ou grande atraso dos voos establece que os viaxeiros cuxos voos teñan un atraso de tres horas ou máis en percorridos fóra do espazo da UE de entre 1.500 e 3.000 km de distancia teñen dereito a unha compensación económica polo prexuízo causado. A compensación fixada para este tipo de casos é de 400 euros.

Vueling, sen agardar a resolución da AESA, aceptou pagar a indemnización fixada na lei, afirmando ser incapaz de "alegar as circunstancias extraordinarias" que produciron o atraso

Vueling respondeulle en outubro ao IGC que "a incidencia do voo foi debida a motivos alleos á responsabilidade da compañía", polo que se negaban a pagar a compensación económica demandada. Daquela, FACUA presentou novas alegacións ante o IGC, que ao non aceptar a empresa un acordo amistoso, derivou o caso á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). En novembro FACUA presentou unha nova reclamación ante esta Axencia. Vueling, sen agardar a resolución da AESA, aceptou pagar a indemnización fixada na lei, afirmando ser incapaz de "alegar as circunstancias extraordinarias" que produciron o atraso.

Avión de Vueling CC-BY-NC-SA Aero Icarus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.