A CIG reclama a derrogación das reformas laborais para que un maior número de traballadores activos permita manter un sistema de pensións máis forte
Malia que a súa capacidade de convocatoria non chega á dos xubilados vascos que levan máis dun ano mobilizándose todas as semanas, a CIG convocou este sábado unha manifestación polas rúas de Santiago coa que intenta impulsar a reivindicación social en favor dunhas mellores pensións. Coa marcha, que partiu ao mediodía da Alameda, os manifestantes reclamaron a derrogación das reformas laborais impostas coa crise e “todas as medidas regresivas que están a provocar o atraso da idade de xubilación, o deterioro na contía das pensións e maiores dificultades para acceder a elas”. A xuízo do sindicato, a eliminación das reformas laborais permitirán aumentar o número de traballadores activos que "cunhas condicións laborais xustas farán máis forte o sistema público de pensións".
Na marcha deste sábado participaron, entre outros, o colectivo de Emigrantes Retornados e o colectivo de mariñeiros Long Hope, que proferiron berros como “non faltan cartos, sobran ladróns”
Na marcha deste sábado participaron, entre outros, o colectivo de Emigrantes Retornados e o colectivo de mariñeiros Long Hope, que proferiron berros como “non faltan cartos, sobran ladróns”. Tamén marcharon por Santiago representantes do BNG encabezados pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen salientou que “o sistema de pensións público é unha conquista irrenunciábel. Na Galiza cobramos as segundas pensións máis baixas do estado. PP e PSOE levaron adiante reformas que nos roubaron dereitos. É o momento de recuperalos”.