"Unidade e convicción": o persoal do 112 acada "todas as súas demandas" tras 83 días de folga

Membros da delegación do persoal que negociou o acordo, tras ratificalo e pór fin á folga CC-BY-NC-SA CIG

O persoal que atende os avisos de emerxencia de toda Galicia na central do 112 levaba meses a advertir do deterioro das súas condicións laborais e das consecuencias no servizo que ía traer consigo o traslado á nova sede da Estrada. Eses chamados non foran escoitados dende a Xunta e por iso a mediados de abril decidiron dar un paso máis na mobilización: folga indefinida. O paro puxo en primeiro plano as precarias condicións de traballo nas que se basea este sensible servizo, revelou parte das súas deficiencias e forzou o Goberno galego a unha negociación que vén de dar froitos. A últimas horas deste mércores no seo do Consello Galego de Relacións Laborais o "pulso coa empresa e a Xunta" desembocaba no "recoñecemento de todas as demandas laborais" e con el, no remate da folga 83 días despois.

"A unidade, persistencia e convicción do persoal" foi, para o comité de empresa, a clave dun proceso na que as duras negociacións se combinaron con "máis de 180 piquetes e mobilizacións de todo tipo". A última das seis xuntanzas negociadoras, "de doce horas " de duración, serviu para "acordar sometese a unha arbitraxe" que "se resolveu cun laudo que pon fin á folga" dende as 10 horas deste 6 de xullo. O pacto, explica Isabel Moares, presidenta do comité, inclúe "todo o que reclamamos: dereito á subrogación; incremento salarial para compensar as perdas derivadas do traslado do centro de traballo" e mais "as cuestións de xornada e conciliación".

"Se a Xunta asumise dende o principio o incremento salarial tería evitado unha folga tan longa e dura"

A "compensación" pola "decisión unilateral" de trasladar o centro de chamadas á Estrada era, precisamente, a cerna do conflito. "A Xunta comprometérase a destinar unha partida a compensar estes gastos e cando chegou o día, negouse a facelo". A empresa concesionaria, pola súa banda, "ofreceu un mínimo incremento", pero este "non era dabondo". O persoal veu mantendo que "quen tiña que compensar a cantidade era a Xunta, que era quen decidiu o traslado" e "efectivamente, era así". O salarios subirán un 10%. "Se a Xunta o asumise dende o principio tería evitado unha folga tan longa e dura", lamenta Moares.

O persoal congratúlase tamén de que a folga servise para lograr "outra cuestión esencial, o dereito á subrogación", o que supón que "os traballadores e traballadoras do 112 son os primeiros dependentes do convenio de centros de chamadas que o terán contemplado". Deste xeito, se o Goberno galego adxudica o servizo nun futuro a outra empresa, esta terá que asumir o cadro de persoal.

O persoal logra as reivindicacións económicas, o dereito á subrogación e a modificación do réxime de libranzas

No que atinxe ás "demandas sociais e de horarios para a conciliación da vida familiar e laboral" o comité de empresa dá tamén por "respondidas" as dúas demandas. Parte do persoal, asegura outro dos membros do comité, Carlos Barros, "levaba máis de nove anos sen librar unha fin de semana e agora verá equiparadas as súas condicións", xa que "poderá escoller entre librar dúas fins de semana ao mes", como marca o convenio, "ou entrar nunha secuencia de cinco días de traballo e tres de libranza". Este novo sistema, indica, entrará en vigor en 2018 tras unha negociación que deberá estar rematada o 1 de outubro. O mesmo paquete de medidas inclúe, ademais, que o persoal contratado a tempo parcial, por 25 horas semanais, "pase a ter xornada completa".

A consecución das principais demandas trae consigo a fin da folga e faino con "seguridade xurídica", se ben o persoal advirte de que resta unha materia pendente: "o problema do programa informático". "Todas as denuncias seguen en pé" e por iso "non deixaremos de reclamar que se garanta a necesaria calidade e rapidez na xestión dos medios". En calquera caso, resaltan, a reivindicación de fondo non morre: o servizo de emerxencias é "esencial" e por iso, din, "ten que ser público".

Rueda e outros cargos, nunha visita á nova sede do 112, na Estrada © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.