Unha suposta webserie, baseada nun capítulo da recoñecida Black Mirror e que mostra en ficción unha situación complexa para os galegofalantes que o día a día vai demostrando como totalmente real. Con esta curtametraxe, A Mesa pola Normalización Lingüística pon sobre a mesa unha vez máis a problemática que sofren diariamente aquelas persoas que se expresan ou queren expresar en galego en calquera situación.
Inspirada nun capítulo de 'Black Mirror', a curta pon en evidencia os problemas do día a día para quen se expresa con normalidade en galego
Incluída dentro da campaña para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socieconómico, A Mesa aposta esta vez por unha "ferramenta visual, atractiva e que xoga en certa maneira coas novas tendencias" para conseguir así viralizar a devandita campaña.
Na curta, unha muller acaba por comprobar as dificultades sociais, económicas e laborais que sofre no seu día a día de expresarse con naturalidade en galego e en calquera situación, desde a discriminación nunha entrevista laboral, até a incomprensión ante a reclamación dun ensino na lingua propia, pasando pola imposibilidade de ser atendida no seu idioma por unha compañía telefónica.
Ademais, o vídeo sitúase no contexto da campaña Sentido Común, creada para conseguir sinaturas pola garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, e creouse SC, "entendéndoa como unha forma de dirixirse ao público e mostrar unha realidade ás veces oculta". Precisamente, ao longo de toda a curta faise referencia visual ás siglas SC, das cales se descubre o seu significado ao final: Sentido Común, lingándoo desta maneira á infografía que aparece xusto despois e coa que se lle desvela aos espectadores "que realmente se trata dunha campaña e que é o que se quere conseguir coa mesma".
A curtametraxe foi presentada este luns polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, o representante do estudo de comunicación Desoños, Carlos Álvarez, o guionista da curtametraxe, David Rodríguez e o representante da produtora Deica Audiovisual, Paulo.
"O obxectivo é conseguir as sinaturas e dar a coñecer a situación da lingua galega e reivindicar o dereito real de uso, moi limitado en todos os ámbitos, tamén no socioeconómico"
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o obxectivo da campaña é conseguir as sinaturas mais sobre todo dar a coñecer a situación da lingua galega e reivindicar o dereito real de uso, moi limitado en todos os ámbitos, tamén no socioeconómico. Por iso entre outros medios máis clásicos como as mesas de recollida, os folletos ou vídeos explicativos, decidimos recorrer a outros formatos que permiten a reflexión mais demorada”.
“O obxectivo desta curtametraxe é achegármonos e xerar debate, que a xente se pare a facerse preguntas e se cuestione unha realidade que ás veces pode chegar a parecernos ficción. Pórse no lugar da protagonista e cuestionarse se realmente é esa a posición que cren que lle corresponde ao galego”, insistiu.
O vídeo convida a "pórse no lugar da protagonista e cuestionarse se realmente é esa a posición que cren que lle corresponde ao galego”
Maceira engadiu que “calquera persoa que fale galego ou comece a facelo vaise enfrontar a estas situacións impropias dun contexto democrático e dunha lingua normal. O sentido común indica que deberíamos poder expresarnos na nosa lingua, que ademais é oficial, sempre e en todo lugar, mais en Galiza no ano 2017, iso non acontece”.
“Hai coaccións e chantaxes para obrigar directa ou indirectamente a non falar galego e que precisan de firmeza e dignidade para as resolver"
“Son coaccións e chantaxes para obrigar directa ou indirectamente a non falar galego e que precisan de firmeza e dignidade para as resolver. Neste sentido, o chamado á normalización da lingua galega é tamén un chamado á dignidade colectiva do pobo galego, porque os limites e os obstáculos á lingua tamén o son para o seu pobo”, afirmou o presidente da Mesa. "Esa dignidade colectiva é a que dá futuro ao galego e permite enfrontar as situacións que se observan na curta. É a mesma que se sairá ás rúas o 17 de maio coa plataforma Queremos Galego", di.
A Mesa pola Normalización Lingüística está a desenvolver unha intensa campaña por todo o país para dar a coñecer a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Esta campaña ten data de remate o 21 de setembro.