A Coruña pensa en alto sobre o seu lugar no mundo

Ciclo de coloquios sobre o papel da Coruña no mundo organizado polo Igadi © Igadi

Analistas de diversos eidos reflexionan sobre o papel internacional da cidade nun ciclo de coloquios organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi)

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) organiza durante todos os martes do mes de novembro un ciclo de coloquios en liña co que, baixo o título Novos tempos na acción exterior de Galicia: A Coruña no mundo global do S.XXI, reflexionar sobre o papel internacional da cidade a través do debate de analistas, políticos, representantes da Universidade e sociedade civil.

O ciclo, impulsado polo Igadi en colaboración co Concello da Coruña, ten como obxectivo “xerar un foro no que se debata e promova o relato da Coruña como cidade internacional conectada á Axenda 2030 de Nacións Unidas e a Axenda Urbana do Concello, establecendo novas oportunidades, contacto e coñecemento para a cidadanía e os axentes sociais da cidade” así como para impulsar o desenvolvemento das Bases de Acción Exterior que deben rexer a actuación do Concello nese eido. Os coloquios poden seguirse na canle de Youtube do IGADI. Para ter certificado de asistencia hai que inscribirse e participar na Sala de ZOOM. Todo o programa e a inscrición atópase dispoñible na páxina web acoruna.hub.gal

Este é o programa do ciclo:

Martes 3 de novembro: A globalización na cidade metropolitana: Da entrada na UE á pandemia:

  • Fernando González Laxe, catedrático de Economia Aplicada na UDC e ex-presidente da Xunta.
  • Consuelo Bautista, xefa de informativos de Radio Coruña Cadena SER.
  • Andrés J. Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana.

Martes 10 de novembro: A Coruña nas redes globais da nova e vella diáspora galega:

  • Pilar Cagiao, profesora de Historia de América na USC, foi directora do Arquivo Histórico da Emigración do Consello da Cultura Galega.
  • Montserrat Golías, Cátedra da Memoria Histórica, ESOMI, UDC.
  • Miguel Rodríguez e Duarte Romero, xornalistas, vivindo e traballando en Londres, onde producen o podcast Té con Gotas que se pode escoitar en Praza.gal.
  • Xavier Alcalá, enxeñeiro, informático e escritor.

Martes 17 de novembro: Fase Atlántica: O mar, a cultura e a ciencia na Coruña global:

  • Felipe Senén, presidente da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, fundador do Museo Arqueolóxico da Coruña.
  • Nieves R. Brisaboa, profesora da Facultade de Informática UDC.
  • Anxela Baltar, música, BALA.
  • Yolanda Castaño, escritora e xestora cultural.

Martes 24 de novembro: As cidades e a cooperación internacional na Axenda Urbana da ONU e da Coruña:

  • José Manuel Peña Peñabad, sefe de servizo de Alcaldía e Axenda Urbana da Coruña
  • José Luis Méndez Romeu, foi concelleiro de Educación e Cultura na Coruña, conselleiro de Presidencia da Xunta e secretario de Estado de Cooperación Territorial.
  • Tamara Espiñeira, secretaria xeral da rede de cidades Atlantic Cities
  • Representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
  • Representante de Enxeñaría Sen Fronteiras

Martes 1 de decembro: A globalización nos tempos da Covid 19: Crise, oportunidades e perspectiva? O caso da Coruña:

  • Marta Rey García, profesora na Facultade de Economía e Empresa da UDC
  • Enrique Sáez, economista e ensaísta, presidente da Fundación Juana de Vega.
  • Yaiza Canosa, CEO de GOI.

O Igadi tamén retoma en liña o ciclo de charlas e libros 'O mundo desde aquí' que tivo que adiar en marzo polo coronavirus

Por outra banda, o Igadi tamén retoma en liña, a través da súa canle de Youtube, o ciclo de charlas e libros O mundo desde aquí que tivo que suspender en marzo polo coronavirus. Iniciado o pasado ano en colaboración coa Universidade de Vigo, desta volta é a USC a que presta apoio para unhas charlas que se retoman este mércores 28 de outubro baixo o título A crítica feminista á cooperación internacional para o desenvolvemento, a cargo de María Reimóndez, escritora autora de A alternativa está aquí. A seguinte charla do ciclo, o 4 de novembro, correrá a cargo de Andrea Mila, experta en política latinoamericana, baixo o título Donald Trump e a Doctrina Monroe 2.0: América para os americanos?

Charla de María Reimóndez no ciclo 'O mundo desde aquí' © Igadi
Charla de Andrea Mila no ciclo 'O mundo desde aquí' © Igadi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.