Antes que xulgar o Islam, os occidentais deberían preocuparse dos seus problemas de comprensión do mundo

Bombardeos en Mosul onde 18 yihadistas resultaron mortos © eldiario.es

Un prisioneiro axeonllado e con camisa laranxa. Un home vestido de negro, coa cara tapada e un coitelo disposto a pasarllo polo pescozo. Seguramente a todos vostedes lles vén á cabeza o Estado Islámico e o xeito no que difunden a súa propaganda nesta especie de cruzada do século XXI.

Pero, que define ese islam que dá medo? É islam sequera? Que relación ten coa realidade histórica? E coa teoloxía? A realidade é que aos cidadáns occidentais asústalle a forza coa que o terrorismo bate no nome do islam, onde quere, cando quere e sen aparente dificultade. Malia que a islamofobia é real, só é unha parte máis da crise xeopolítica que está a desencadear o Estado Islámico.

Vinculación co wahabismo e o salafismo

Que é realmente o Estado Islámico? O profesor da Complutense Pablo Sapag explica que “unha organización política, relixiosa e militar que usa en termos tácticos o terrorismo”. O que pretende é representar aos musulmáns sunís a nivel global na súa loita fronte  outras manifestacións do islam, como o chiísmo e as súas distintas sectas, e  fronte a outras confesións, como o cristianismo. Sapag afonda nesta cuestión e expón que o “obxectivo é impoñer a súa propia interpretación do islam suní”, que está vinculada “a formas extremas do wahabismo e o salafismo, ideoloxías extremistas de gran tradición en Arabia Saudí pero alleas a  países como Siria, sede do sufismo tolerante e multiconfesional oposto a esas ideoloxías".

O obxectivo do Estado Islámico é impoñer a súa propia interpretación do islam suní, vinculada a formas extremas do wahabismo e salafismo

O académico explica que esa visión wahabita e salafista son “totalizadoras”, o que implica “organizar todos os aspectos da vida desde esa interpretación e facelo visible”.  O obxectivo secundario é que serva de exemplo para outros lugares. Así, os sitios nos que é hexemónico pasan a adscribirse a un califato “de vocación global e flexible”.

O autor do libro Estado Islámico, geopolítica del caos, o xornalista Javier Martín, explica que o EI nace para “darlle resposta a unha comunidade que, na época de Sadam Husein estivo á cabeza do estado e que, tras a súa caída, convertéronse en parias”. Martín explica que estas interpretacións radicais nacen no século XIV  por un clérigo suní de Damasco que entende “que o Islam hai que interpretalo de xeito literal para chegar ao que pretenden os salafíes, que é a unha nova comunidade islámica, similar á que tivo Mahoma”. O xornalista engade que “yihad significa esforzo no camino do Islam, pero non ten por que ser violento, a yihad é o que fai a alguén ser mellor musulmán de xeito interno. O que fai o clérigo, e logo recólleo o creador do wahabismo é que interpreta a yihad non como esforzo para ser mellor musulmán senón para impoñer o islam de xeito violento sobre os demais”.

Yihad significa "esforzo no camiño do islam", o que fai a alguén ser mellor musulmán

O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, sostén que o EI é "un instrumento de forzas alleas ao propio pobo árabe, á sociedade islámica xa que a súa aparición, a súa filosofía, a súa propaganda non ten nada que ver coa sociedade islámica". Ao fío disto, engade que "teñen quen os financie e produtores audiovisuais para os seus asasinatos que aínda son de cine. Entón non é o tipo de violencia que exerce un pobo oprimido contra ninguén, porque non hai unha causa. Un Estado Islámico, xa fora global ou territorial non era un obxectivo, non estaba enriba da mesa".

A do Estado Islámico non é o tipo de violencia que exerce un pobo oprimido contra ninguén

"O obxectivo do EI é crear o caos porque ningún musulmán aspira a ter un EI", afirma Jaber, "non existe esa filosofía porque é xente laica. Hai 20 ou 30 anos Siria ou Libia eran países absolutamente liberais, as mulleres vestían con minisaia e agora todo este movemento de reacción empúxaas de novo a meterse nun burka, pero ollo, é unha reacción provocada polo propio occidente, que contribuíu a suprimir a liberdade destas sociedades, a través de países como Israel", engade. "Que, por certo, Israel quere ser un estado liberal e moderno, pero non deixar que os demais gocen diso", conclúe.

 

A transformación en Estado Islámico

Iraq, 2004, invasión do país por parte de EEUU e os aliados. A explosión das tensións étnico-confesionais causadas pola entrada das forzas estranxeiras fan o xermolo para a orixe do Estado Islámico.

Nunha primeira fase a organización estivo dirixida por Abu Musab Al Zarqawi e operou como unha franquicia de Al Qaeda. Sapag explica que co paso do tempo e “aproveitando a inestabilidade provocada en Siria polas ditaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e varias potencias occidentais como EEUU e Francia”, o grupo pasou a chamarse Estado Islámico de Iraq e Siria. Por aquel entón, rememora Sapag, o líder xa era Ibrahim al Baghdadi e, en xuño de 2014 pasa a denominarse, tal como actualmente, Estado Islámico. “Ese cambio de nome”, di Sapag, “reflexa a súa vocación global e non territorial”.

En xullo de 2014 o Estado Islámico de Iraq e Siria (DAESH) mudou o seu nome a Estado Islámico para reflexar a súa vocación global e non territorial

“A existencia da organización”, engade o académico, “foi ocultada e minimizada polas dictaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e os seus aliados occidentais”. O motivo desta ocultación era que non se viran as consecuencias dos seus "múltiples atropelos en Iraq, Siria e outros sitios como Libia ou Exipto".

Sapag resume que a orixe do Estado Islámico está moi “vinculada a esa alianza islamo-occidental e os seus intentos por modificar ao seu favor a situación en Oriente Próximo e no Norte de África”. Ao fío disto engade que “moitos dos grupos que foron financiados, armados e protexidos politica e diplomaticamente por eses actores en Siria e outros países son parte integral do Estado Islámico”.

"A existencia do EI foi ocultada e minimizada polas dictaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e os seus aliados occidentais

Algúns autores como Lister, remontan a orixe do EI a 1999 data na que Abu Musab al Zarqawi abandona o cárcere xordano de Al Sawwaqa. Ata aquel entón al Zarqawi xa pertencera ao movemento radical violento Bayt al Iman, fundado no 1992 polo clérigo e filósofo xordano Abu Muhammad al Maqdisi. Al Maqdisi foi un dos pais do salafismo yihadista e figura central na ideoloxía que hoxe sustenta ao EI, aínda que o tivera reprobado.

Varios países con Francia, España ou EEUU decidiron pasar a chamarlle DAESH, que é o acrónimo en árabe de Estado Islámico de Iraq e o Levante. Para Martín isto é un “erro” porque “o EI é global, non se circunscribe a esa zona” e, polo tanto “a maneira de enfrontalo cambia”

Jaber explica que "cando foi a guerra de Iraq, destruíron o estado, e cando falta a estrutura do estado aparece a anarquía e é moi sinxelo que iso sexa o xermolo de grupos armados ata os dentes, de señores de guerra".

 

E quen paga?

Sapag expón diversas fontes de financiamento. Por exemplo, a exportación ilegal de petróleo desde as zonas que ocupa en Iraq e Siria. O petróleo sae a través de Turquía ao mercado internacional e “pode rematar no depósito dun coche en Coruña, Madrid ou Londres”.

Outra fonte é o “tráfico de obxectos artísticos e arqueolóxicos roubados dos xacementos e museos de Siria e Iraq”, engade Sapag. Ditos obxectos tamén rematan en países occidentais.

O financiamento do EI é diverso e provén da explotación ilegal do petróleo, do tráfico con obxectos artísticos e arqueolóxicos roubados ou dos recursos obtidos do pago de rescates de persoas secuestradas

En terceiro lugar, o profesor universitario menciona os recursos obtidos polo pago de rescates de persoas secuestradas. A todo isto, engade Sapag, hai que “sumar os donativos de organizacións e individuos de países do Golfo Pérsico e outros”. Tamén hai que sumar o “financiamento que as dictaduras islamistas do Golfo, o réxime islamista radical turco ou países occidentais como Francia e EEUU proporcionaron aos chamados rebeldes moderados que operan en Siria e que, en moitos casos, se uniron ao EI”. Todo iso “son moitos cartos” conclúe o académico.

 

Global, non territorial

A vocación do Estado Islámico é global e non territorial. Por iso non controla grandes extensións de territorio con continuidade, entre outras cousas, explica Sapag, porque “sabe que o seu éxito e capacidade de defensa e proxección dependen da constitución de varios focos non necesariamente conectados de maneira física”. O profesor universitario engade que “o seu territorio é máis virtual e espiritual que real”.

"O territorio do Estado Islámico é máis virtual que real"

Os lugares que ocupa son a cidade de Mosul, ás aforas de Kirkuk, en Iraq e algunha localidade máis. Tamén Raqqa, en Siria e algúns barrios ou aldeas de Alepo, de Deir al Zhur ou Hasaka e tamén parte do campamento de refuxiados palestinos de Yarmuk en Damasco. A isto hai que sumar algunhas barriadas en cidades libanesas, zonas de Nixeria, Arxelia, Libia ou fraccións do Sinaí exipcio. Porén, como ben dixemos, é un movemento global, polo que ten moitos efectivos e simpatizantes nos países occidentais.

 

O obsesivo afán clasificatorio de occidente

Sapag afirma que a modernización do islam é unha cuestión que “deben abordar os propios musulmáns”. Porén subliña a responsabilidade de occidente no que está ocorrendo polo seu “permanente e obsesivo afán clasificatorio”. O académico refírese a “conceptos equívocos e tramposos como o choque de civilizacións de Huntington ou a alianza de civilizacións do ex presidente Zapatero e o turco Erdogan que nega o xenocidio armenio” que, sostén, “fixeron un enorme dano a países concretos que son multiconfesionais e de paso ao mundo en xeral”.

"Occidente ten moita responsabilidade no que ocorre polo seu permanente e obsesivo afán clasificatorio"

Sapag pon Siria como “caso sintomático”. “Siria nunca foi un país musulmán, é multiconfesional e sempre houbo unha coexistencia perfecta e sofisticada entre cristiáns e musulmáns de distintas denominacións”, explica o académico, “pero occidente, empeñado en trazar liñas e clasificar á súa comenencia, non quixo entender iso, dando así alas aos islamistas radicais que lle tomaron a palabra a eses que, como na época das cruzadas querían rematar co cristianismo árabe”.

O profesor universitario sostén que “o EI foi moi hábil en usar esas contradicións e reducionismos absurdos duns occidentais incapaces de entender unha multiconfesionalidade que remove os seus esquemas simplistas”. Ao fío disto engade que “nestes catro anos en Siria víronse xornalistas occidentais levando veo islámico cando en Siria xamais se impuxo código de vestiario algún porque o estado garante a multiconfesionalidade social”. Sapag continúa coa anécdota ao afirmar que eses xornalistas, logo de entrar “ilegalmente” no país da man de “organizacións armadas”, en moitos casos hoxe integradas no EI, “nunca explicaron ás súas audiencias ese pequeno detalle, furtando así a comprensión de quen estaba detrás das revoltas violentas en Siria”.

"O Estado Islámico foi moi hábil en usar as contradiccións e reduccionismos absurdos duns occidentais incapaces de entender unha multiconfesionalidade que remove os seus esquemas simplistas"

A consecuencia do exposto por Sapag é que esas organizacións, chamadas “rebeldes moderados”, en realidade eran islamistas radicais que, en moitos casos, desembocaron no EI. Ao traballar cunha liña que divide cristiáns e musulmáns, “detalles como a imposición do velo, as barbas e outros, obviáronse nuns relatos xornalísticos que a golpe de simplificación e ignorancia contribuíron a lanzar a mensaxe propagandística de rebeldes moderados, hoxe maioritariamente transmutados no EI”. “Antes que xulgar o Islam, os occidentais deberían preocuparse dos seus problemas de visión xeopolítica do mundo”, resume Sapag.

Canto á actuación dos medios de comunicación Sapag cre que están tan "confundidos" ou "actúan coa mesma mala fe que os seus gobernos". "Con contadas excepcións de xornalistas concretos", engade, "os medios foron a caixa de resonancia de la propaganda islamista radical que, porén é presentada como unha ONG neutral. Os medios alimentaron aos islamistas radicais e agora porque "están de volta en Europa ao non lograr os seus obxectivos, préstanse a campañas islamófobas. É contraditorio, irresponsable e inmoral"

"Os medios de comunicación alimentaron aos islamistas radicais e agora, porque están de volta en Europa, préstanse a campañas islamófobas. É contraditorio, irresponsable e inmoral"

"Occidente xoga un papel fundamental en armar a eses grupos, en facilitarlles medios, axencias de noticias e propaganda", concorda Jaber "e occidente usa ese medo que provoca a ferocidade do EI para crear alarmismo e islamofobia na poboación". "Foron os medios occidentais os que, en Siria, presentaron aos rebeldes como moderados", afirma "cando eran grupos radicais". 

 

A encrucillada occidental

Se realmente a occidente lle preocupa o EI debe “empezar por apoiar a quen de verdade combate ao EI que son os gobernos de Iraq e Siria, que desde o día un fixeron fronte a esta organización contraria á sofisticada multiconfesionalidad das súas sociedades”, explica Sapag. “Damasco e  Bagdad”, engade “levan o peso da loita da civilización fronte á barbarie e, ademais, teñen información de calidade sobre como operan eses grupos”. O académico cualifica de “suicida” non tratar con eles.

É 'suicida' que occidente non trate con quen de verdade combate ao EI que son os gobernos de Iraq e Siria

Por outra banda, occidente debe “chamar á orde aos seus aliados, as ditaduras islamistas do Golfo Pérsico e o réxime islamista turco”, sostén Sapag. Son actores claves porque proporcionaron axuda militar, política, diplomática e financieira a grupos presentados como rebeldes moderados, que remataron no EI. O certo é que na fronteira entre Turquía e Siria transitan diariamente yihadistas de todo o mundo, especialmente europeos.

Algunhas das solucións pasan por impoñer sancións a réximes que exportan ideoloxías totalitarias e violentas ou lles proporcionan libre tránsito. Ao fío disto Sapag reflexiona que “non se pode comerciar nin facer grandes obras públicas ou aceptar patrocinios de réximes que usan grupos como o EI e outros para facer avanzar as súas axendas rexionais”.

O profesor da Complutense de Madrid, Pablo Sapag © Alberto de la Cruz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.