Do ceo ao inferno: o periplo de Boris Johnson ao lombo da Covid-19

Boris Johnson nunha conferencia sobre o andazo do coronavirus. Dominio Público British Government

Cando o primeiro ministro británico, Boris Johnson, abandonaba a UCI dun hospital de Londres o pasado 9 de abril, os índices de aprobación do Goberno británico pola xestión da pandemia do coronavirus roldaban o 65%. Saíndo airoso dunha grave pneumonía que mantivera ao país en vilo e sendo pai dun bebé que ocupaba as portadas da prensa tabloide, a popularidade de Johnson amosaba unha saúde envexable, tendo en conta a súa aposta inicial, logo rectificada, por expor á poboación ao virus para conseguir a famosa inmunidade de grupo.

Dous meses despois, o panorama pinta ben distinto. A 5 de xuño, o Reino Unido xa era o país con maior índice de descontento polo xeito en que se xestionou a pandemia. Dacordo coa prestixiosa empresa de estudos demoscópicos YouGov, só un 39% da poboación apoiaba a xestión do Goberno, seguido de preto por México, cun 40%.

Cando Johnson saíu da UCI, a aprobación do Goberno roldaba o 65%. Dous meses despois, apenas un 39% apoiaba a súa xestión, co escándalo Cummings como pinga que colmou o vaso

O elevado número de mortos é un dos motivos da caída. Desde que o virus chegou á illa, xa van case 42.000 falecidos por causa do Covid, o que sitúa ao Reino Unido como o terceiro país do mundo con máis mortes, adiantado recentemente polo Brasil. Pero hai máis. Neste dous meses, foron continuas as críticas por falta de medios de protección para o persoal sanitario e o incumprimento de prazos en materia de tests.

A pinga que colmou o vaso chegou en maio, cando unha investigación conxunta do diario The Guardian e o Daily Mirror desvelou que o principal asesor de Boris Johnson, Dominic Cummings, rompera o confinamento para ir á súa residencia familiar do norte de Inglaterra xusto cando o Goberno ordenaba á sociedade quedar na casa e cando o propio Cummings tivera síntomas do virus unha semana antes da viaxe.

Persoal dun hospital británico, equipado con materiais de protección fronte á covid-19 © NHS

O Goberno de Boris Johnson confía en remontar nas enquisas en canto anuncie o seu plan de investimento para facer fronte á crise económica derivada da pandemia, que, dacordo cos analistas da illa, promete ser un dos máis ambiciosos de Europa. 

O equipo do primeiro ministro non só terá que facer cálculos sobre canto e en que gastar, senón que os seus esforzos tamén deberán centrarse nas negociacións coa Unión Europea para pechar un novo acordo comercial que regule as relacións entre ambos bloques a partir do 31 de decembro de 2020. Boris xa asegurou que non solicitará unha extensión deste periodo de transición, polo que Londres e Bruxelas deberán sacar o máximo proveito dos escasos seis meses que fican por diante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.