"España debeu liderar as políticas de aproximación e entendemento con Cuba e fixo todo o contrario"

A Habana CC-BY-NC-SA y.becart

A apertura de relacións entre os Estados Unidos e Cuba e a probable fin do embargo económico á illa abren un novo escenario político e económico no país caribeño e terá efectos en toda América Latina. A histórica decisión, enunciada na tarde de onte por Barack Obama, que pecha máis de cinco décadas de bloqueo, cada vez máis inútil e desacreditado, veu precedida nos últimos meses de numerosos movementos e indicios, como lembra Pascual Serrano nun artigo en El Diario. "Estaba descontado que isto ia pasar, aínda que non se soubera cando", destaca Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), con quen falamos.

Ríos enumera os múltiples efectos que o sucesido pode ter nunha economía cubana embarcada dende hai tempo nun intenso proceso de reformas e apertura, con grandes oportunidades comerciais das que os Estados Unidos estaban quedando fóra, e tamén na política do país. Para o analista, en principio non se poden esperar grandes cambios inmediatos ou medidas de pluralismo político por parte do Goberno de Raúl Castro, que aposta por un modelo "similar ao chinés ou vietnamita: o primeiro será a mellora da economía, despois xa se verá". Porén, Xulio Ríos destaca que na oposición "gañarán influencia os sectores que apostan por aproveitar as fendas que se abren para propiciar un cambio sistémico progresivo e desde dentro, illando as posturas mais radicais". En calquera caso, non prevé "un numantinismo recalcitrante" entre o anticastrismo radical. Con todo, as valoración iniciais de persoeiros como Yoani Sánchez foron negativas.

Roberto Mansilla: "Fortalece o proceso de reformas internas e o pragmatismo que en materia de política exterior vén realizando o goberno de Raúl Castro"

Roberto Mansilla, tamén analista do IGADI, destaca que o proceso que culminou este mércores coas decisións anunciadas por Obama e Castro (flexibilización comercial, visitas e envíos de remesas, mutua liberación de presos) supón "un histórico triunfo para Cuba e o seu proceso revolucionario tanto como un fracaso igualmente histórico para a política reaccionaria do exilio cubano principalmente asentado na Florida" e, ao mesmo tempo, "fortalece ao mesmo tempo o proceso de reformas internas e o pragmatismo que en materia de política exterior ven realizando o goberno de Raúl Castro, persuadido da necesidade de reinserir a Cuba no escenario internacional e de acometer medidas de solución da crise económica".

Mansilla salienta igualmente o impacto na política de toda América Latina: "Esta apertura terá inevitables consecuencias de carácter xeopolítico, principalmente a nivel hemisférico, tal e como se observaron coas respectivas declaracións orientadas a “repensar” as relacións latinoamericanas con Washington", tomando en conta "a maioritaria presenza de gobernos progresistas e de esquerdas en países latinoamericanos estratéxicos como Brasil, Arxentina, Venezuela e Bolivia, con amplos contactos de cooperación con Cuba". En relación con Venezuela, Mansilla destaca que "o deterioro no contexto actual das relacións entre Caracas e Washington deixa o goberno de Maduro nunha complexa situación, erosionada igualmente por unha crise económica afondada pola forte caída dos prezos do petróleo".

Finalmente, Xulio Ríos critica o papel desenvolvido pola política exterior española nos últimos anos e pola inexistente acción exterior da Xeunta de Galicia. Para Ríos, "España debeu liderar as políticas de aproximación e entendemento con Cuba e fixo todo o contrario. A falta de substancia da recente visita de Margallo a La Habana ilustra o papel periférico da diplomacia española nesta cuestión". En canto a Galicia, sinala que "a submisión da actual Xunta á visión do Goberno central non permite albergar esperanzas nese campo", pero engade que a sociedade e as empresas galegas "si poden ter oportunidades en virtude da rede de vínculos existentes tecida ao longo de moitos anos e a pesar da falta de visión das Administracións". Falamos con el.

"Estaba descontado que isto ía pasar, aínda que non se soubera cando. Que aconteza cos líderes da revolución en vida é unha gran fortuna que pode facilitar moito as cousas"

Que factores, en Washington e La Habana, explican que chegase agora este acordo?

Podemos citar moitos, pero probablemente o máis importante é a conciencia consolidada en ambas as dúas partes de que o inmobilismo non tiña futuro e que era necesario abrir outro xogo. Obama atopa aquí outro claro elemento de diferenciación cos republicanos como aconteceu coa revelación parcial do informe das torturas da CIA. Hai un empeño na Casa Branca de liquidación política do “bushismo” (Bush endurecera as sancións en 2004 e 2006) para abrir camiño a unha recuperación demócrata. Por outra banda, o contexto rexional tamén pesou. EUA estaba mais illado que nunca. Esta decisión mellora considerablemente a imaxe de Obama na rexión e, como digo, abre posibilidades para outro xogo que se estaba perdendo en beneficio doutros actores, algúns deles competidores estratéxicos como Rusia ou China. A nivel global, estaba descontado que isto ía pasar, aínda que non se soubera cando. Que aconteza cos líderes da revolución en vida é unha gran fortuna que pode facilitar moito as cousas.

"A decisión dificilmente terá volta atrás mesmo no caso dun trunfo republicano nas próximas eleccións presidenciais"

Que dimensión pode ter a oposición interna nos Estados Unidos a apertura no bloqueo e ao restablecemento nas relacións? Que peso mantén o anticastrismo, sobre todo no Partido Republicano?

Pode ser relativamente importante, pero a tendencia, dende hai xa varios anos, é á baixa. E os intereses empresariais farán o resto. Non cabe agardar un numantinismo recalcitrante, apenas visible hoxe en pequenos sectores, senón mais ben unha acomodación progresiva aos novos tempos que se reafirmará a medida que se constante a aceleración das reformas tamén en Cuba. A decisión dificilmente terá volta atrás mesmo no caso dun trunfo republicano nas próximas eleccións presidenciais.

"A illa caribeña precisa unha transfusión anual de entre 2.000 e 2.500 millóns de dólares para aspirar a un crecemento do PIB do 6 por cento, a meta fixada para lograr o ansiado desenvolvemento"

Que consecuencias e cambios terá na economía cubana?

Poden ser moi significativas, especialmente en virtude do cambio de lexislación operada este ano, en xullo, en materia de investimentos estranxeiros. A illa caribeña precisa unha transfusión anual de entre 2.000 e 2.500 millóns de dólares para aspirar a un crecemento do PIB do 6 por cento, a meta fixada para lograr o ansiado desenvolvemento. Acadar esas taxas máis dinámicas esixe que os índices de investimento estranxeiro pasen do 12 ao 20 por cento, como mínimo. O país non conta cos aforros suficientes como para destinar a investimentos os 2.000 millóns de dólares adicionais que precisaría cada ano. Esta mudanza debemos inserila no proceso de transformación da economía cubana que ten outras manifestacións importantes en áreas como o fomento do arrendamento de establecementos estatais a privados ou as medidas para poñer fin á dualidade monetaria. Medio millón de cubanos traballan xa fora do sector estatal e case outros 200.000 recibiron terras en usufruto. Todos eses procesos veranse estimulados coa progresiva normalización das relacións comerciais con EUA.

"Na oposición interna, do mesmo xeito que en Miami, as opinións serán diversas e diverxentes, pero entendo que gañarán influencia os sectores que apostan por aproveitar as fendas que se abren para propiciar un cambio sistémico progresivo"

E na política? Que consecuencias e cambios na política oficial e tamén na actividade e configuración da oposición e doutras visións?

Agora dá inicio un camiño cheo de complexidades. A opción inicial do PCC é manter inalterables as vigas do actual sistema, é dicir, que as posibilidades de pluralismo político, a dia de hoxe, son limitadas. O escenario que promove Raúl é similar ao chinés ou vietnamita. O primeiro será a mellora da economía, despois xa se verá. Na oposición interna, do mesmo xeito que en Miami, as opinións serán diversas e diverxentes, pero entendo que gañarán influencia os sectores que apostan por aproveitar as fendas que se abren para propiciar un cambio sistémico progresivo e desde dentro, illando as posturas mais radicais.

"España debeu liderar as políticas de aproximación e entendemento e fixo todo o contrario. A falta de substancia da recente visita de Margallo a La Habana ilustra o papel periférico da diplomacia española nesta cuestión"

Como valoras o papel xogado nos tempos recentes polos gobernos galego e español en Cuba e nos procesos de cambio que se están a vivir. Que papel poderían xogar agora?

En xeral, moi desacertada dende os tempos de Aznar. España debeu liderar as políticas de aproximación e entendemento con Cuba e fixo todo o contrario. A falta de substancia da recente visita de Margallo a La Habana ilustra o papel periférico da diplomacia española nesta cuestión. Non soubo manter a súa autonomía, sacrificada por imperativos ideolóxicos. En canto a Galicia, a submisión da actual Xunta á visión do Goberno central non permite albergar esperanzas nese campo. Outra cousa é a sociedade e as empresas galegas, que si poden ter oportunidades en virtude da rede de vínculos existentes tecida ao longo de moitos anos e a pesar da falta de visión das Administracións.

A Habana CC-BY-NC-ND José Pedro Costa
A Habana CC-BY-NC-SA y.becart
Obama anuncia a reapertura de relacións con Cuba Dominio Público http://www.whitehouse.gov/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.