A última vez que un ministro de facenda británico anunciou unha subida do imposto de sociedades foi no ano 1974. Gobernaba o laborismo e aínda faltaban cinco anos para que Margaret Thatcher chegase ao poder e mudase o consenso económico para as décadas vindeiras.
Curiosamente, foi Rishi Sunak, un ministro de Facenda da ala thatcherista do partido Conservador, quen hai unhas semanas anunciou que por primeira vez en case 50 anos, aumentará a tributación polos beneficios empresariais. Aínda así, e a pesar de que a porcentaxe a pagar pasa do 19% ao 25%, seguirá por baixo doutras economías desenvolvidas como a dos EEUU, Alemaña, Francia ou España.
Esta subida de impostos non entrará en vigor até o ano 2023 e enmárcase nun orzamento que detalla un importante plan de investimento para recuperar a economía despois da pandemia da covid-19. As medidas de excepción, polas cales o goberno británico financia entre outras cousas, até un 80% dos ingresos de asalariados e autónomos que non poden traballar polas restricións sanitarias, manteranse nos próximos meses.
Este cambio na política fiscal non contou co apoio do partido Laborista de Keir Starmer, que desde hai meses anunciou a súa oposición ás subidas de impostos mentres haxa empresas pasándoo mal pola panemia. Esta posición sorprendeu na ala esquerda da súa formación, que reclama unha reforma fiscal.
Cambio na política económica
O Partido Conservador leva gobernando o Reino Unido desde o ano 2010, cando David Cameron chega ao poder pouco despois da crise financeira de 2008. A política económica deste período estivo marcada por unha importante contracción do investimento público, acompañada por unha baixada de impostos ás empresas e ás rendas máis altas.
O ministro de facenda, Rishi Sunak, insiste en que, ao igual que os seus predecesores, segue comprometido coa redución da débeda pública, pero a diferenza deles, parece estar disposto a derrubar algúns principios ideolóxicos conservadores e apostar pola vía da subida de impostos.
No podcast Té con Gotas desta semana, falamos do debate que isto está abrindo sobre un posible cambio de política económica na dereita británica que vaia máis aló da xestión das consecuencias da pandemia. Isto iría parello a unha mudanza da opinión pública, que ten menos tolerancia cara as políticas de austeridade que hai 10 anos, cando David Cameron chega ao poder.
En calquera caso, este orzamento tamén inclúe recortes no gasto público, aínda que deixaría blindadas algunhas partidas como sanidade, defensa ou temporalmente educación. Aínda non está claro que vai soportar o peso destes recortes, pero hai áreas como as do financiamento dos concellos, que quedarían expostas a importantes reducións de orzamento.