Camiña Escocia cara a un segundo referendo de independencia?

Carteis a prol da independencia de Escocia no referendo de 2014 CC-BY-NC Cams

As vindeiras eleccións escocesas non terán lugar até maio do ano que vén, pero comeza a quedar claro que van ter unha importancia especial para o acordo constitucional do Reino Unido. Ao igual que en 2011, semella que o Partido Nacional Escocés (SNP polas súas siglas en inglés) quere obter desta convocatoria un mandato popular para reclamar un segundo referendo de independencia.

Sería o segundo en menos dunha década, pero é que a historia recente de Escocia está marcada polo resultado de dous referendos. No primeiro, en 2014, votaron en contra de saír do Reino Unido e no segundo, en 2016, fixérono a prol de quedar na Unión Europea. Aínda que isto último pouco importou, xa que os votos de Inglaterra e Gales decantaron a balanza cara o lado do Brexit

A historia recente de Escocia está marcada polo resultado de dous referendos: o segundo, cando votaron a prol de quedar na UE, reabriu o debate independentista

E foi precisamente esta saída forzada da UE o que reabriu o debate independentista. Un dos argumentos de maior peso do unionismo foi que unha Escocia fóra do Reino Unido tamén quedaría fóra da Unión Europea, e esta foi unha cuestión de peso para unha parte do electorado. Pero agora que desde Westminster navegan en mar aberto e lonxe do mercado común, unha posible independencia dentro da UE parece unha opción máis segura.

En última instancia, Escocia precisa a aprobación de Londres para convocar un segundo referendo e Boris Johnson xa deixou que non estaba pola labor de facilitar unha nova votación. Agora ben, se o SNP consegue unha maioría absoluta co compromiso de pular por unha consulta, isto poría en certas dificultades aos conservadores, xa que o mandato democrático do independentismo sería moi claro.

Unha ollada galego-escocesa desde Bruxelas

O galego Serafín Pazos Vidal dirixe a oficina en Bruxelas da Convención de Autoridades Locais Escocesas (COSLA polas súas siglas en inglés), e representa os intereses dos concellos escoceses nos organismos europeos. Isto fai que sexa unha voz privilexiada á hora de falar dos retos que afronta este país diante do Brexit pero tamén dunha posible independencia.

Nicola Sturgeon, primeira ministra de Escocia © SNP

Algunhas das reformas do Brexit traen consigo riscos de perda de competencias para Escocia, reflexiona o galego Pazos Vidal, que dirixe a oficina en Bruxelas da Convención de Autoridades Locais Escocesas

Nunha entrevista no podcast Té con Gotas, Pazos Vidal reflexiona sobre o novo escenario que se está a crear no Reino Unido a raíz do Brexit, e como os dous últimos gobernos conservadores están facendo unha aposta forte pola recentralización. A raíz dunha das últimas reformas lexislativas para unificar o mercado interior no Reino Unido, Pazos Vidal definiuna como unha “reforma constitucional en toda regra” que, de aplicarse na súa versión máis extrema, levaría a que moitas áreas até o de agora xestionadas desde Escocia, pasasen a requirir o último visto e prace desde Londres.

Malia todo, amosouse prudente á hora de facer predicións sobre unha posible independencia, e destacou que para chegar aí tíñanse que dar moitas condicións previas que aínda non están claras, comezando por unha reafirmación da estratexia independentista no congreso do SNP do mes que vén, seguida dunha maioría absoluta nas eleccións de maio e finalmente un acordo co goberno de Londres para a convocatoria dun referendo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.