No primeiro episodio do ano, o podcast Té con Gotas analiza as primeiras dúas semanas desde que o Reino Unido abandonou definitivamente o paraugas regulatorio da Unión Europea. A nivel económico, xa se comeza a ver o impacto do novo acordo comercial, e a nivel político tamén se albiscan os retos para un mundo post-brexit.
Unha das consecuencias máis visibles no curto prazo foi no sector pesqueiro. O que fora un símbolo da campaña a prol do Brexit e un dos grandes puntos de fricción na negociación coa Unión Europa, foi tamén dos primeiros sectores en comprobar en carne propia as implicacións de saír do mercado común.
A industria pesqueira británica, maioritariamente escocesa, exporta boa parte das súas capturas á Unión Europea
O acordo aprobado inclúe a libre circulación de mercadorías sen pagar aranceis, pero iso non quere dicir que non existan barreiras. A industria pesqueira británica, maioritariamente escocesa, exporta boa parte das súas capturas á Unión Europea, pero desde o 1 de xaneiro teñen que cumprimentar unha documentación moi detallada sobre a orixe dos produtos e contar cun certificado sanitario. Esta nova situación causou importantes atrasos nas cadeas de exportacións, que fixeron que moito peixe e marisco fresco rematase podrecendo antes de chegar ao continente. O goberno británico está traballando en distintas opcións que permitan axilizar uns procesos que poñen en risco a viabilidade da industria pesqueira.
Outro problema co que moitas empresas se están a atopar é coas chamadas “regras de orixe”. O acordo comercial establece que non haberá aranceis para o comercio de produtos sempre e cando estean fabricados maioritariamente no Reino Unido ou na Unión Europea. Isto supón un problema para empresas que producen no estranxeiro pero exportan desde o propio país. Un exemplo moi común é o sector téxtil, que ten a produción deslocalizada a países asiáticos pero que xestionan a distribución desde o propio Reino Unido. Estes produtos, por non ter unha orixe británica, si que estarían sometidos a aranceis.
A pesar destas dificultades iniciais, o acordo foi recibido con bastante entusiasmo dentro das bases pro-brexit, incluíndo polos sectores máis euroescépticos do partido Conservador e por Nigel Farage, o antigo líder de UKIP e do Brexit Party. Ter chegado a este acordo nestas condicións supuxo un éxito para un Boris Johnson que está sufrindo moito desgaste pola xestión da pandemia.
Na fronte doméstica tamén terá que afrontar un reto importante pola cuestión nacional. Escocia é a nación máis europeísta do Reino Unido e o goberno soberanista de Nicola Sturgeon presiona con forza para convocar un segundo referendo de independencia que lles permita saíra do Reino Unido e unirse á Unión Europea. En maio hai eleccións escocesas, e unha maioría do Partido Nacional Escocés daríalle a lexitimidade para intentar forzar o plebiscito.