O ex-conselleiro de Cultura da Generalitat de Cataluña baixo presidencia de Carles Puigdemont, Lluís Puig, terá que volver comparecer diante da xustiza belga o vindeiro 30 de marzo. Así se decidiu este luns despois de máis de tres horas de vista na que ambas as dúas partes, a defensa do outrora mandatario catalán, “exiliado” en Bruxelas, e a Fiscalía belga, en nome da española, expuxeron as súas alegacións.
Dunha banda, a Fiscalía demanda agora a extradición de Puig por malversación de fondos públicos, se ben mantén o cargo de desobediencia, con relación ao referendo de autodeterminación de 2017. Polo seu lado, o ex-conselleiro e a súa defensa rexeitan a extradición ao estimar que no Estado español non sería obxecto dun proceso xusto, laiándose de que até o de agora se teñen vulnerado os seus dereitos fundamentais.
A Fiscalía demanda agora a extradición de Puig por malversación de fondos públicos
Así o explicou Lluís Puig ás portas do Pazo de Xustiza da capital belga á saída da vista, acompañado polo seu equipo de avogados. Os letrados non abondaron en detalles e limitáronse a explicar que a Fiscalía xa non pide só a extradición por desobediencia, e que agora centra a súa estratexia na acusación de malversación, tratando de equiparar esta figura delitiva cos supostos reflectidos no propio código penal belga. “A nova estratexía da Fiscalía está chamada ao fracaso, xa que non existe equivalencia entre a malversación tal e como a considera España e o código penal en Bélxica”, sentenciou o avogado Gonzalo Boye.
Sucesión de euroordes
A primeira euroorde da Fiscalía facía fincapé na acusación de corrupción, figura penal que daba pe a activar a “vía exprés” para unha eventual extradición. Non obstante, os tribunais belgas desbotaron este intento ao considerar que a figura elixida non era acaída cos actos que se lle imputaban a Lluís Puig, procedendo o Tribunal Supremo español a retirar a euroorde. Inmediatamente tras coñecerse a sentenza do “procès”, o xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena, reactivou a petición de extradición contra Puig, os ex-conselleiros Toni Comín e Clara Ponsatí, e contra Carles Puigdemont. Esta segunda euroorde tamén foi rexeitada, desta volta por un defecto de forma, e o propio Llarena terminou por retirala.
"Hai sorpresas nos textos presentados pola Fiscalía, de aí que a xustiza belga precise de máis tempo, para revisar as posibles vulneracións de dereitos"
Á saída da vista deste luns, a defensa do ex-conselleiro de Cultura catalán colexía que o desenlace agora podería ser o mesmo das ocasións precedentes, tomando en consideración que a euroorde se pide polos mismos feitos. Amais, segundo destacou Puig, “hai sorpresas nos textos presentados pola Fiscalía, de aí que a xustiza belga precise de máis tempo para revisar as posibles vulneracións de dereitos, así como as cousas que se din e que non figuran nos sumarios previos”.
Cabe salientar que o caso de Lluís Puig quedou desvinculado do de Puigdemont e Comín, xa que estes gozan de inmunidade parlamentaria desde o momento en que lles foi recoñecida a súa condición de eurodiputados, recoñecemento vencellado á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre Oriol Junqueras. Fixouse daqeula a data do 24 de febrero para tratar a euroorde de Puig, quen se amosa esperanzado porque considera que, de prosperar a demanda de Fiscalía e ser ser extraditado a España, só podería ser xulgado por malversación, un delito obxecto de “penas menores”.