A electricidade marchou en todo o país ás 11.33, hora do Portugal continental e non regresou ata a noite. Na primeira hora deste martes todos os servizos foran restablecidos, mesmo o tren e mais o metro en Porto e Lisboa
Pode que Portugal e o Estado español vivan de costas un do outro, pero en termos eléctricos atópanse completamente conectados. É por iso que a "oscilación" nos "fluxos de potencia" debido á unha perda súbita dunha enorme cantidade de enerxía en España provocase de inmediato un corte xeral de electricidade en todo o país luso.
A partir de aí, as doce horas seguintes foron moi semellantes nun e noutro lado da fronteira: trens e metros detidos, rúas sen semáforos, servizos básicos funcionando grazas a xeradores e equipos electróxenos, cortes na telefonía e nas conexións a Internet, moitas preguntas sobre as causas do sucedido e nomeadamente sobre o momento en que a enerxía ía regresar aos fogares.
O Goberno estableceu a reapertura de todas as escolas como unha prioridade
Na cidade do Porto a luz volveu ás 21:04 horas (22:04 na España peninsular), mentres que en Lisboa houbo que agardar ata o comezo da madrugada. A partir de aí, os esforzos concentráronse en recuperar o funcionamento de todos os servizos e actividades, unha normalidade que nas primeiras horas deste martes era case total, mesmo co regreso á circulación de todos os trens e do metro en Lisboa e Porto.
O ministro da Presidência, António Leitão Amaro, confirmou o regreso á normalidade en practicamente todos os ámbitos e indicou que o Goberno vai analizar todo o sucedido e tirar "aprendizagens para melhorar os sistemas nacionais"
O Goberno portugués sinalou que a "reapertura total" das escolas fora sinalada como un "elemento central". "As escolas são essenciais para a aprendizagem das nossas crianças, para a formação dos nossos jovens, e são também um elemento central da organização da nossa vida social. Sem escolas a funcionar, não conseguirmos pôr a sociedade a voltar à normalidade", sinalou a primeira hora da mañá deste martes o ministro de Educación, Fernando Alexandre. Por este motivo, "e a menos que haja circunstâncias que o justifiquem", todos os centros educativos debían estar abertos.
Si se mantén, iso si, algún tipo de alteración puntual en determinadas áreas, como nos aeroportos, con algúns voos cancelados ou con atrasos. Tamén na subministración de auga nalgúns lugares ou eivas puntuais nas conexións eléctricas
A media mañá deste martes compareceu ante os medios de comunicación o ministro da Presidência, António Leitão Amaro, que confirmou o regreso á normalidade en practicamente todos os ámbitos e indicou que o Goberno vai analizar todo o sucedido e tirar "aprendizagens para melhorar os sistemas nacionais". Tamén confimou, ao igual que fixo Red Eléctrica en España, que non había "indicios" dun posible ciberataque que puidera estar na orixe do problema eléctrico.
Si se mantén, iso si, algún tipo de alteración puntual en determinadas áreas, como nos aeroportos, con algúns voos cancelados ou con atrasos. Tamén na subministración de auga nalgúns lugares ou eivas puntuais nas conexións eléctricas ou no servizo de Internet.
Unha das consecuencias do apagamento foi que o esperado debate entre os dous principais candidatos para as eleccións do 18 de maio, Luis Montenegro e Pedro Nuno Santos, previsto para este luns pola noite, tivo que ser adiado
O luns ao mediodía o primeiro ministro Luís Montenegro compareceu ante os medios de comunicaión ao remate da realización dun consello de ministros extraordinario e sinalou que non había "razão para alarme", anunciando que a enerxía ía ser restablecida nunhas horas, poñendo o mantemento dos servizos sanitarios como prioridade.
Unha das consecuencias do apagamento foi que o esperado debate televisivo entre os dous principais candidatos para as eleccións lexislativas do vindeiro 18 de maio, o conservador Luis Montenegro e o socialista Pedro Nuno Santos, previsto para este luns pola noite, tivo que ser adiado. Aínda non se fixou unha data para a súa realización.