O Reino Unido pecha esta semana o seu mes dedicado á concienciación sobre a saúde mental. Aínda que desta volta foi eclipsado pola crise do Coronavirus, o debate sobre este tipo de doenzas está moito máis extendido na illa do que noutras partes do continente, entre elas Galiza.
A falta de dotación dos servizos de saúde mental converteuse nun debate habitual nas sesións parlamentarias dos últimos anos
Nos escasos espazos non monopolizados polo Brexit, a falta de dotación dos servizos de saúde mental convertiuse nun debate habitual nas sesións parlamentarias dos últimos anos. No mundo corporativo, especialmente nas medianas e grandes empresas, os grupos de mental health e wellbeing están á orde do día, non só para mellorar o benestar dos empregados, senón para formar aos traballadores na detección de compañeiros con potenciais problemas de saúde mental e na mellor forma de xestionalos.
“Pandemia invisible” de problemas de saúde mental
“Ás veces nestas idades hai unha especie de glamour asociado ao feito de ter un diagnóstico de saúde mental e parece que entre algún colectivo adolescente é como cool ter ansiedade ou estar deprimido”
A psiquiatra coruñesa Violeta Pérez, que desde hai un ano traballa nun dos principais hospitais de Londres como psiquiatra de menores, recoñece que a sociedade británica vai varios pasos por diante do Estado español. “É algo moi presente nos medios de comunicación, nas empresas e algo do que se fala moito nas aulas dos colexios”, asegura.
Con todo, recoñece que o traballo de sensibilización entre a poboación máis nova pode ter “danos colaterais”. “Ás veces nestas idades hai unha especie de glamour asociado ao feito de ter un diagnóstico de saúde mental e parece que entre algún colectivo adolescente é como cool ter ansiedade ou estar deprimido”.
A psiquiatra fala dunha “pandemia invisible” de problemas de saúde mental que se fará notar con forza nos próximos meses
Dacordo con datos da Mental Health Foundation, unha fundación centrada na loita contra este tipo de doenzas, un de cada dez menores de idade ten problemas de saúde mental no Reino Unido.
Outras estatísticas amosan como de extendidas están estas doenzas no conxunto da poboación. Unha enquisa da ONG Mind revelou recentemente que un 20% da poboación británica tivo pensamentos suicidas nalgún momento da súa vida mentres que un 7% autolesionouse como mínimo nalgunha ocasión.
A recente crise do coronavirus e o impacto económico que conleva porán máis pedras no camiño, en opinión da coruñesa, que xa fala dunha “pandemia invisible” de problemas de saúde mental que se fará notar con forza nos próximos meses.