The Bristol Cable: xornalismo local de investigación con raíces cooperativas

Exemplares do xornal británico The Bristol Cable © The Bristol Cable Dominio Público Bristol Cable

O Reino Unido presume de ser o berce do cooperativismo. A primeira empresa deste tipo disque naceu aló polo século XV en Escocia, e o modelo non fixo máis que ir a máis coa chegada da Revolución Industrial séculos máis tarde. A crise financeira de 2008 e un futuro incerto levaron a tres recén licenciados en Xornalismo do Reino Unido a optar polo cooperativismo para facer cartos contando historias.

Foi así como naceu en 2013 o The Bristol Cable, un xornal local da cidade de Bristol que facendo unha aposta polo xornalismo de investigación e por implicar á comunidade local na toma de decisións converteuse nun modelo a seguir dentro da industria da información británica. 

O xornal ten sitio web en aberto e tiraxe mensual de 30.000 exemplares impresos grazas ao apoio de máis de 2.000 persoas socias

O xornal, que ten páxina web en aberto e unha tirada mensual de 30.000 exemplares gratuítos, conta con máis de 2.000 socios e converteu en receptor de fondos de financiamento procedentes de organizacións filantrópicas de todo o mundo como premio polo seu xornalismo de calidade.

Entre as moitas exclusivas publicadas, destacan unha reportaxe sobre os incumprimentos da Universidade de Bristol en materia de investimentos éticos, outra sobre a situación laboral no sector hostaleiro de Bristol e outra sobre o aumento das redadas policiais contra inmigrantes ilegais na cidade.

Alén de ofrecer información de forma gratuíta e sen muros de pago, The Bristol Cable ofrece cursos de formación en xornalismo entre os seus socios para implicalos na elaboración de artigos e adestrar o seu olfato para cazar historias. 

Unha galega alimentando as “mentes curiosas” desde a BBC

A entrevistada desta semana é Inma Gil, xornalista de BBC Ideas, un novo proxecto da corporación de radio e televisión pública británica que produce vídeos curtos para “as mentes curiosas” da audiencia máis nova e dixital. 

Inma Gil, nunha imaxe dunha das súas pezas na BBC © BBC

“A idea é que cando acabes de ver os nosos vídeos aprendeses algo que non sabías ou teñas unha perspectiva nova ou un par de datos interesantes" 

Cunha narrativa moi coidada e simple, a través da propia web de BBC Ideas e da súa canle en Youtube, explícanse conceptos como o Libertarianismo, as orixes dos tacóns altos ou como moitas adiccións son a consecuencia dun problema emocional.

“A idea é que cando acabes de ver os nosos vídeos aprendeses algo que non sabías ou teñas unha perspectiva nova ou un par de datos interesantes para falar cos amigos no pub”, di Inma.

Inma Gil, que tras chegar aos Reino Unido para facer os seus estudos en Xornalismo Internacional viaxou ao Irak da posguerra, tamén é unha das persoas máis activas entre a comunidade galega en Londres, polo menos no que ten que ver coa creación asociacións entre a diáspora. Ela foi a autora intelectual do grupo de Facebook Galegos Morriñentos, punto de encontro das novas fornadas de migrantes trala crise e unha das promotoras da recentemente creada Rede Galega no UK (REGA-UK).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.