Nas primeiras horas desta madrugada varios puntos de Venezuela foron bombardeados, no que parece ser un ataque dos Estados Unidos autorizado polo seu presidente Donald Trump
Nas primeiras horas desta madrugada varios puntos de Venezuela foron bombardeados, no que dende un primeiro momento pareceu ser un ataque dos Estados Unidos autorizado polo seu presidente Donald Trump, aínda que durante máis de dúas horas non existiu pronunciamento oficial ningún por parte do goberno estadounidense. Os bombardeos dirixíronse a obxectivos militares e zonas urbanas en Caracas e noutras localidades do país.
Pouco despois da dez e vinte, Trump publicou a través da súa rede social Truth que os militares estadounidenses secuestraron o presidente venezolano, Nicolás Maduro, e a súa dona Cilia Flores e os trasladaron fóra do país, consumando un Golpe de Estado. Horas máis tarde Trump confirmou que a parella se atopa nun barco militar estadounidense e que serán trasladados a Nova York para ser xulgados por narcotráfico. O presidente dos EUA anunciou unha rolda de prensa para esta tarde na súa residencia privada de Mar-a-Lago, en Florida.
Ás once da mañá a vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, confirmou que o goberno do país ignoraba o lugar no que se atopaban Maduro e a súa dona e esixiron dos Estados Unidos unha "proba de vida" do mandatario e a súa esposa. Rodríguez informou tamén de que os ataques estadounidenses provocaron varias vítimas mortais e sinalou que nestes momentos Caracas e o resto do país se atopan "en calma".
Trump publicou a través da súa rede social Truth que os militares estadounidenses secuestraron o presidente venezolano, Nicolás Maduro, e a súa dona e os trasladaron fóra do país
Unha vez confirmado o secuestro do presidente Maduro e a súa dona, publicáronse declaracións do vicesecretario de Estado de EUA, Christopher Landau, número dous da política exterior, sinalando que Maduro "responderá dos seus crimes ante a Xustiza” do país estadounidense. Neste mesmo senso, a fiscal xeral de EUA afirma que Maduro será xulgado por "narcoterrorismo" e outros delictos nun tribunal de Nova York.
A CNN confirmou que o ataque militar non contou coa autorización do Congreso e do Senado dos Estados Unidos, como é obrigado pola lexislación estadounidense. O Comité do Senado para os Servizos Armados de EUA non recibiu ningunha notificación de posibles ataques militares en Venezuela.
De inmediato, Venezuela declarou o estado de conmoción exterior no país e activou os plans de mobilización popular co obxectivo de "protexer os dereitos da poboación, o funcionamento pleno das institucións republicanas e pasar de inmediato á loita armada".
BNG e CIG publicaron comunicados de condena dos bombardeos estadounidenses. Para esta tarde está convocada unha concentración ante o consulado venezolano en Vigo para protestar contra os ataques e amosar a solidariedade
Líderes de esquerda en todo o planeta denunciaron xa publicamente o ataque e, como Gustavo Petro, presidente de Colombia, reclaman a reunión urxente da ONU e a OEA. Tamén os mandatarios de Brasil e México, Lula da Silva e Claudia Sheinbaum, condenaron con dureza a intervención. Tamén o fixeron xa países como China, Rusia, Irán ou Turquía. En cambio, os bombardeos foron celebrados polo presidente arxentino Javier Milei ou polo líder de Vox, Santiago Abascal. Tamén a italiana Meloni considerou que o ataque militar foi "lexítimo". Así mesmo, a líder opositora e Premio Nobel da Paz María Corina Machado aplaudiu os bombardeos contra o seu país e afirmou que están "preparados para tomar o poder".
O Ministerio de Asuntos de Exteriores de España publicou un comunicado no que fai un chamamento "á desescalada e á moderación” e no que insta a actuar "con respecto ao Dereito Internacional e aos principios da Carta de Nacións Unidas”. O departamento que dirixe José Manuel Albares afirma que “España está disposta a emprestar os seus bos oficios para lograr unha solución pacífica e negociada á actual crise”.
En xeral, o posicionamento da Unión Europea foi morno e escasamente crítico co Golpe de Estado, limitándose a representante para Política Exterior e Seguridadr Kaja Kallas a pedir "respecto" ao Dereito internacional e "moderación", pero lembrando que a posición oficial da UE é que Maduro "non ten lexitimidade" e que Europa aposta por unha "transición pacífica".
O Ministerio de Asuntos de Exteriores publicou un comunicado no que fai un chamamento "á desescalada e á moderación” e no que insta a actuar "con respecto ao Dereito Internacional e aos principios da Carta de Nacións Unidas”
Os ataques rexistráronse en Caracas e na súa área metropolitana, así coma nos estados de Miranda, Aragua e La Guaira. Entre os puntos afectados están a Escola Naval, Forte Tiuna, a Base Aérea de La Carlota, a sede da Academia Militar da Armada Bolivariana, o Cuartel da Montaña, onde descansan os restos de Hugo Chávez ou a sede da Unidade de Operacións Tácticas Especiais. De momento non hai confirmación do número de mortos e feridos. O presidente colombiano Gustavo Petro publicou unha lista dos lugares bombardeados.
Pouco despois das once da mañá, o ministro de Defensa de Venezuela, Vladimir Padrino López, ofreceu o primeiro parte oficial dos ataques estadounidenses e destacou o exército "despregará todos os seus medios en defensa daa soberanía nacional".
Venezuela declarou o estado de conmoción exterior no país e activou os plans de mobilización popular co obxectivo de "protexer os dereitos da poboación, o funcionamento pleno das institucións republicanas e pasar de inmediato á loita armada"
O Goberno de Venezuela denunciou nun comunicado unha agresión militar de Estados Unidos. No texto cualifícase o ataque de "violación grave do dereito internacional e da soberanía nacional" e atribúea ao obxectivo de "apoderarse dos recursos estratéxicos de Venezuela, en particular do seu petróleo e minerais, tentando crebar pola forza a independencia política da Nación".
Sinala, así mesmo, que "o intento de impor unha guerra colonial para destruír a forma republicana de goberno e forzar un cambio de réxime, en alianza coa oligarquía fascista fracasará como todos os intentos anteriores".
O comunicado reivindica a resistencia histórica do país fronte a inxerencias estranxeiras, chama á mobilización popular e ao respaldo da Forza Armada, anuncia a activación de plans de defensa e a declaración do estado de conmoción exterior, e asegura que levará o caso a instancias internacionais como a ONU e a CELAC, reservándose o dereito á lexítima defensa e apelando á solidariedade de América Latina e a comunidade internacional.