A edición galega moderna cumpre cen anos

100 anos da edición moderna en Galicia ©

Foi xustamente un 29 de novembro de 1924. Exactamente hai cen anos. Principiaba en Galicia o que hoxe chamamos a nosa edición moderna. Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal Gosenxe poñían en marcha, na rúa Real da Coruña, a editorial Lar, xerme da Editorial Nós que uns anos despois faría historia dende a rúa do Vilar de Santiago de Compostela

Foi xustamente un 29 de novembro de 1924. Exactamente hai cen anos. Principiaba en Galicia o que hoxe chamamos a nosa edición moderna. Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal Gosenxe poñían en marcha, na rúa Real da Coruña, a editorial Lar, xerme da Editorial Nós que uns anos despois faría historia dende a rúa do Vilar de Santiago de Compostela.

Hai pois un século nacía un proxecto cultural sen precedentes na nosa terra. O primeiro volume daquela nova aventura levaba por título A miña muller, era unha novela de Wenceslao Fernández Flórez. A ela seguirían ata un total de 40 obras en tres anos.

Falamos do primeiro proxecto moderno de edición porque ata ese intre non houbera unha idea de libro galego como a que Carré e Casal poñen en marcha nese 1924. Eles crean, realmente, unha empresa editorial con vocación de negocio, non unha mera acción cultural ou literaria. Velaquí o gran paso.

Carné de correspondente de Lar de Camilo Díaz Baliño Dominio Público

Eles crean, realmente, unha empresa editorial con vocación de negocio, non unha mera acción cultural ou literaria. Velaquí o gran paso

"Os pobos son grandes pola cultura. Mercade libros galegos"

Desenvolveron unha tripla estratexia. Por unha banda, unha estratexia de contido, mediante a que crearon, por vez primeira, coleccións editoriais, ordenando e estruturando os temas para que chegasen ao público dunha maneira clara. En segundo lugar, unha estratexia estética: os libros como obxectos que deben chamar a atención pola súa beleza. Gran paleta de cores. Deseños innovadores (co dolmen como imaxe corporativa, da editora e do galeguismo, deseñada por Camilo Díaz Baliño). E en terceiro lugar, algo crucial: unha estratexia empresarial, comercial; querían chegar a un amplo público. Idearon campañas de publicidade como a que afirmaba: «Os pobos son grandes pola cultura. Mercade libros galegos».

Carré e Casal inauguraron ademais a literatura de quiosco. Chegaron a imprimir máis de 3.000 exemplares de cada un daqueles primeiros títulos

Carré e Casal inauguraron ademais a literatura de quiosco. Chegaron a imprimir máis de 3.000 exemplares de cada un daqueles primeiros títulos.

En 1927 sepáranse, e Casal funda o selo Nós, xunto á súa compañeira María Miramontes (costureira non só de tecidos senón tamén, e literalmente, de libros). Nós foi a editora máis destacada do galeguismo na República. Na Coruña primeiro, e dende 1931 ata o infausto agosto de 1936, en Compostela, onde Casal publicaría «o conxunto máis importante e definitorio da cultura galega en toda a súa historia», en palabras do seu biógrafo Ernesto Vázquez Souza.

Placa que lembra que neste lugar se ubicou a imprenta e editorial Nós CC-BY-SA Praza Pública

Escribir de todo e para todos

Hoxe, 46 editoras galegas integramos unha Asociación, a AGE, que iniciou a súa andaina en 1983 e que ten sempre na memoria seguir o ronsel das pioneiras

Así definía Ánxel Casal o seu proxecto editorial: «Nós pensa, e así o practica, que hoxe en galego hai que escribir de todo e para todos. O mesmo para os iniciados que para o vulgo. Co desexo de contribuír con todo o noso esforzo á creación dunha gran cultura galega». Afirmaba isto en 1928.

Fanse pois cen anos de todo aquilo. O franquismo non matou, pero case, a nosa edición. Asasinou a Casal e mancou a fondo á familia Carré. Pero a edición galega tería «respiración asistida», sobre todo nos máis duros anos 40, desde Buenos Aires, Montevideo e México. O exilio mantivo unha continuidade (despois tamén no interior) ata o retorno da democracia.

O libro galego en 2024

Son outros os valados cos que agora nos topamos. Con todo o que levamos avanzado (o mundo é outro) é incomprensible que en 2024 o libro galego estea aínda a loitar pola súa dignidade. Manca ver que a nosa cultura escrita non poida aínda definirse como normalizada. Tan premiada fóra e que dentro estea aínda renqueando, cunhas cifras de vendas que non chegan nin ao 10%.

Hoxe, 46 editoras galegas integramos unha Asociación, a AGE, que iniciou a súa andaina en 1983 e que ten sempre na memoria seguir o ronsel das pioneiras.

Mais son outros os valados cos que agora nos topamos. Con todo o que levamos avanzado (o mundo é outro) é incomprensible que en 2024 o libro galego estea aínda a loitar pola súa dignidade. Manca ver que a nosa cultura escrita non poida aínda definirse como «normalizada». Tan premiada fóra e que dentro estea aínda renqueando, cunhas cifras de vendas que non chegan nin ao 10%.

Pero como levamos na estirpe a resistencia –á que sempre debemos engadir a forza invisible de optimismo— os nosos ollos han ver que o libro galego vencerá, ou sexa, que será quen de vivir nunha sociedade normal, orgullosa de seu. Porque por isto turrades cada persoa lectora cada día que abrides, e desfrutades, nas vosas mans, cun libro galego. Revivides a memoria dos Casal, das Miramontes, dos Carré, dos Seoane, dos Díaz Pardo, dos Del Riego... De tantos e tantas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.