A vitoria que non ten mañá

Donald Trump e Marco Rubio supervisan o desenvolvemento dos ataques contra Irán, o pasado 26 de febreiro CC-BY-SA The White House

Ninguén na Casa Branca parece ter pensado seriamente quen vai gobernar tras o colapso, con que lexitimidade e con que respaldo popular, se o réxime dos mollahs termina por esmorecer baixo as bombas

Donald Trump declarou que o obxectivo da operación Epic Fury do 28 de febreiro era o cambio de réxime en Irán, coa contundencia de quen anuncia o resultado dun partido antes de que comece o segundo tempo. Ao día seguinte, confirmou nunha entrevista para The Atlantic que a nova dirección iraniana "quere falar" e que aceptara abrir unha canle de diálogo. Mais foi nun aparte onde revelou o que máis importa: "A maioría desa xente xa non está; algúns cos que estabamos a tratar morreron". Dito doutro xeito, Washington liquidara fisicamente aos seus propios interlocutores sen saber con quen debería negociar despois. Ninguén na Casa Branca parece ter pensado seriamente quen vai gobernar tras o colapso, con que lexitimidade e con que respaldo popular, se o réxime dos mollahs termina por esmorecer baixo as bombas.

Irán constituíu un triunvirato de transición para administrar o país mentres a Asemblea de Expertos designa un novo líder supremo en substitución de Jamenei, abatido nos ataques. O presidente Masoud Pezeshkian cualificou a represalia contra o atacante como "un deber e un dereito lexítimo", ao tempo que os seus enviados, en paralelo, exploraban vías de negociación. Esa ambivalencia non é esquizofrenia política, senón a expresión dun Estado cuxo mando foi decapitado e que intenta ganar tempo para reorganizar a súa autoridade. O favorito de Trump para liderar a transición é Reza Pahlavi, fillo do último sha, pero cun capital político dentro de Irán que é inversamente proporcional á súa visibilidade nos foros occidentais, pois a maioría dos iranianos nin quere restaurar a monarquía nin confía nos partidos tradicionais do exilio.

A oposición interna é tan coincidente no seu rexeitamento á República Islámica como fragmentada en todo o demais

A oposición interna é tan coincidente no seu rexeitamento á República Islámica como fragmentada en todo o demais. A insurrección iniciada o 28 de decembro de 2025 foi inédita pola súa composición multiclasista, reunindo estudantes e comerciantes do Gran Bazar, clases medias empobrecidas e sectores conservadores que historicamente nutriran as hostes dos Gardiáns da Revolución, amais de kurdos xiítas e clases populares de provincias tradicionalmente fieis á teocracia. O que comezou como contestación económica deveu unha emenda á totalidade do sistema vixente desde 1979, estendéndose a protesta ás 31 provincias. Mais esa mesma pluralidade revélase á vez forza e debilidade da disidencia, pois conforma unha coalición sen dirección recoñecida, sen programa político artellado e sen estrutura capaz de xestionar un eventual baleiro de poder se o edificio institucional colapsa de vez.

Alomenos tres escenarios resultan plausibles. Un colapso caótico que podería derivar nunha guerra civil ao estilo de Libia en 2011. Unha recomposición nacionalista que converta a ira popular nun fronte antioccidental. Ou unha negociación acelerada que fixe un statu quo intermedio

Un erro frecuente nas análises occidentais sobre Irán é identificar o poder real coas súas figuras máis visibles do sistema. Jamenei, Pezeshkian ou os altos mandos dos Pasdaran son apenas a punta do iceberg dun Estado profundo miliciano cimentado durante décadas sobre redes paramilitares, redes clientelares que penetran as institucións, economías da violencia e estruturas de lealdade con plena autonomía respecto ao goberno central. Os Gardiáns da Revolución non son un exército convencional cuxa cadea de mando racha ao eliminar ao xefe, senón unha constelación de faccións con recursos propios, intereses arraigados e capacidade de acción autónoma susceptibles de sobrevivir a calquera alternancia na cúpula. Descabezar o liderado político desorienta o aparato, certo, pero non garante nin a súa disolución nin, sobre todo, o control das arsenais que ese aparato custodia.

Doutra banda, hai unha pauta histórica que os estrategas de Washington semellan ter ignorado, quizais de xeito voluntario. A hostilidade exterior reforzou sistematicamente o réxime iraniano, que soubo articular o martirio xiíta sobre un amplo consenso nacionalista de resistencia fronte ao inimigo estranxeiro. Os bombardeos israelo-estadounidenses reproducen esa mesma lóxica e poderían reorientar cara a un fronte antiamericano a enerxía de sectores da oposición que se viñan mobilizando contra os ayatollahs, como aconteceu durante a guerra con Iraq entre 1980 e 1988, cando a República Islámica sobreviviu oito anos de conflito grazas a esa unión nacional forzada pola ameaza exterior. A última vez que Estados Unidos instalou un gobernante en Teherán, a través da Operación Ajax da CIA en 1953, o resultado, vinte e seis anos despois, foi a propia Revolución Islámica.

Mais ningún destes escenarios responde á pregunta que ninguén formulou: quen controla os milleiros de mísiles iraniano durante a transición. As armas non desaparecen cando caen os réximes, dispérsanse

Alomenos tres escenarios resultan plausibles. Un colapso caótico con faccións dos Gardiáns competindo entre si, que podería derivar nunha guerra civil ao estilo de Libia en 2011. Unha recomposición nacionalista que converta a ira popular nun fronte antioccidental, preservando as redes de poder baixo novas formas. Ou unha negociación acelerada que fixe un statu quo intermedio, como parece intuírse das declaracións de Trump. Mais ningún destes escenarios responde á pregunta que ninguén formulou: quen controla os milleiros de mísiles iraniano durante a transición. As armas non desaparecen cando caen os réximes, dispérsanse. A operación deseñada para neutralizar a ameaza nuclear podería, paradoxalmente, contribuír a multiplicala. Sánchez vén de declarar que España non será "cómplice de algo malo para o mundo só polo medo ás represalias". Máis alá do ruído da política doméstica, tal posición formula implicitamente a única pregunta que Washington obviou: cal é o plan para o día despois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.