Antes de ir á feira hai que ir apañar

CC-BY-NC-SA PP | PSdeG | EC-UP | BNG

As eleccións do pasado domingo 10 de novembro deixaron para a esquerda galega un resultado histórico, mellor incluso que o acadado o pasado 28 de abril. 13 dos 23 deputadas e deputados que se escollen en Galicia formarán parte do PSdeG (10), Unidas Podemos (2) e o BNG (1), que ademais volta ao Congreso dos Deputados tras conseguir representación por última vez hai 8 anos, nas eleccións que en novembro de 2011 deron unha maioría absoluta ao Partido Popular de Mariano Rajoy.

Pese ao avance do PP nesta repetición electoral, onde conseguiu recuperar 4,5 puntos respecto a abril e ser de novo primeira forza a nivel galego (só en Pontevedra o PSdeG conseguiu manterse como primeira forza), a suma das tres forzas progresistas mantén unha vantaxe sobre a dereita de 9,54 puntos, situándose nunha porcentaxe de voto do 53,6%. Este nova correlación de forzas foi celebrada polos líderes dos diferentes partidos como a constatación de que en Galicia hai unha alternativa a Feijóo de cara as autonómicas que o actual presidente terá que convocar en 2020. 

Se ben é certo que a esquerda galega non fixo máis que sumar votos e poder institucional nas últimas convocatorias electorais, esta situación non ten por que desembocar, como se dun río se tratase, no desaloxo de Feijóo de San Caetano e a instalación dunha nova maioría progresista no Pazo do Hórreo

Mais é todo tan sinxelo? Si e non. Se ben é certo que a esquerda galega non fixo máis que sumar votos e poder institucional nas últimas convocatorias electorais (o PSdeG goberna 5 das 7 principais cidades e o BNG outra, e as coalicións de ambos nas deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña), esta situación non ten por que desembocar, como se dun río se tratase, no desaloxo de Feijóo de San Caetano e a instalación dunha nova maioría progresista no Pazo do Hórreo tras 11 anos de maiorías absolutas conservadoras.

Se algo ten demostrado o dos Peares nesta última década é intelixencia e un manexo dos tempos políticos exquisito. Non debemos esquecer que xa en 2016, cando as enquisas tamén alborexaban a perda da maioría absoluta do PP e a posibilidade dun goberno de esquerdas, Feijóo adiantou as eleccións, collendo á gran parte dos partidos da oposición co pé cambiado. O resultado xa o coñecemos todas e todos.

PSdeG e BNG parten desta vez nunha posición de vantaxe: ambos teñen líderes consolidados, Gonzalo Caballero e Ana Pontón respectivamente, e contan cun estrutura de partido e cadros que os sustenten de cara a próxima cita coas urnas. Ademais, Caballero viaxa co vento de cola proporcionado polos bos resultados do PSOE estatal e o recente pacto firmado con Unidas Podemos que, se nada se torce, situará de novo a Pedro Sánchez na Moncloa; mentres o escano acadado polo BNG na Carrera de San Jerónimo é a constatación dunha tendencia alcista do nacionalismo e provocará, asemade, unha maior presenza da fronte nos medios de comunicación. 

Non abonda con criticar a Feijóo (que tamén); é necesario confrontar un proxecto político que reflicta a idea do país que se albisca cun goberno progresista e active ao electorado para acudir ás urnas

Así todo, estas vantaxes coas que contan ambas forzas non son suficientes. Ambas teñen dous retos por diante: por unha banda, construír un relato da Galicia que queren: non abonda con criticar a Feijóo (que tamén), senón que é necesario confrontar un proxecto político que reflicta a idea do país que se albisca cun goberno progresista e active ao electorado para acudir ás urnas. Por outra banda, dar a coñecer novas voces que gañen protagonismo de cara a unha campaña que, de seguro, vai esixir o máximo de todas e todos os implicados.

Máis complexa é a situación da que daremos aquí por chamar “esquerda alternativa”: Unidas Podemos, Anova, En Marea, Compromiso por Galicia ou Equo. Sen coñecer cal vai ser ao final a fórmula que empregarán para concorrer ao Parlamento de Galicia (e quen conformará parte dela ou delas), calquera previsión pasaría por facer política ficción e non un (modesto) análise. 

Galicia ten o próximo ano a oportunidade de rematar con 11 anos de gobernos conservadores con maioría absoluta. Esta vez, se cadra, é a que conta cunhas condicións máis favorables para que isto aconteza. Os partidos teñen ante si unha gran responsabilidade, a de deseñar unha estratexia que xere ilusión na cidadanía. 2020 vai ser, sen dúbida, un ano entretido. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.