As bestas da Galicia profunda xa teñen seus goyas, hurrá!!!

Un momento da película 'As bestas' ©

Estou ledo: son influencer, son moderno. Se nun artigo anterior pedía un Goya para As Bestas da Galicia profunda, van e danlle nove. Nove!!! Nunca imaxinei que os membros da Academia do Cinema con voto, dous terzos deles con casa en Madrid, ou sexa, cultural e socioloxicamente madrileños na súa ollada á Galicia rural, me fixesen caso. Confésolles que a medida lle que caían os premios ao filme miña ledicia foi en aumento, sentinme poderoso, eólico.

Durante a gala asistín con interese á presentación do novo mantra cultural que críticos e medios da “capital” prepararon para consumo da nosa intelligentsia local, sempre moderna, sempre atenta ás indicacións que dende alí lle fan. A fin contas, eles saben o que os galegos e as galegas necesitamos e queremos pensar, e non dubidan en dicírnolo, miren senón a RTVG ou os comentaristas da Voz. Só os resentidos e acomplexados resístense as súas mensaxes. E eu decidín deixar de selo.

Xa que logo, confeso. Sempre pensei que a narrativa cinematográfica d’As Bestas era a propia do clásico cinema colonial europeo, fose francés, belga ou inglés. Loxicamente, nesa narrativa as chaves culturais de España a respecto de Galicia son específicas. Como xa anotei nun artigo anterior, en España foron recreadas nos Pazos de Ulloa por Emilia Pardo Bazán, unha escritora galega en castelá relacionada coa extrema dereita do seu tempo, hoxe celebrada como feminista avant la lettre. Do arraigo do seu tropo ideolóxico nas elites españolas dá conta a visión, tendenciosa e allea á sociabilidade rural, que un funcionario franquista nos ofrece da súa xuntanza cuns labregos de Redondela en 1949:

“el local, mitad tabernucho y mitad tienda de comestibles, estaba adornado con multitud de telarañas y la suciedad era abundante. Acomodadas, como mejor podían, un centenar de personas, de las cuales, estoy seguro, sabrían leer y escribir un número tan reducido que sería fácil contarlas con los dedos de las manos [...] El presidente [...] declara abierta la sesión con un cuarenta y dos por cien de castellano...” (cit. por Ana Cabana, La derrota de lo épico, p. 158).

Após de ver a película ninguén diría que o tropo da Pardo Bazán está presente, a través do relato construído polo franquista, na taberna d’As Bestas, o principal escenario do filme. E menos aínda no tratamento que Sorogoyen e Isabel Peña dan aos paisanos no guión premiado pola Academia. Eu xa non, o confeso. Por iso síntome ledo, feliz, realizado como galego. Agradecido aos críticos da “capital”, a Sorogoyen, aos actores do filme e aos medios españois por dicirlle ao mundo que a película é un western rural. Por fin!! Por fin, un trazo de modernidade!! Xa era hora!! As Bestas ven a rachar coa imaxe negativa que de nós fixeran a Pardo Bazán e o franquismo. Agora, por fin, podemos ser modernos.

Alédese pois. En adiante o país deixará de ser a Galicia profunda. Xa estamos a altura de Hollywood, agora somos o Salvaxe Oeste. Un avance cultural e social sen parangón que sitúa aos galegos e galegas a altura das superproducións de John Ford, de actuacións como as de John Wayne. Vamos, que agora resulta que os miserentos indios galegofalantes da reserva matan aos colonos que chegan a Galicia porque estes lles impiden cobrar os cartos que as eólicas lles ían dar para alcohol, taxis e putas coa violencia propia dos pobres e dos resentidos sociais. Inmellorábel!!

Ao remate da gala botei de menos que Zahera, após de recoller seu Goya, non dese as grazas, como os vascos e catalás, cunhas palabras na fala da reserva india. Non podía. Feijoo estaba alí, comprobando o éxito do seu modelo trilingüe de ensino do galego na escola. Ese que fai que todos e todas estean orgullosos de falalo en público, de ser modernos, de ser indios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.