Non existe un tipo único de inflación, unhas veces as causas están na demanda e outras na oferta. Na actualidade podemos afirmar que estamos ante unha inflación de oferta -tamén chamada inflación de custos- que se manterá deica os acontecementos económicos que están provocando tal perturbación de oferta permanezan. Acontecementos que son fundamentalmente as subas nos prezos dos carburantes, a luz e os alimentos.
A pandemia e a guerra turran da inflación pero non son a súa causa
Subas cuxos orixes nada teñen que ver co guerra en Ucraína -as subas dos prezos son anteriores ao estalido deste conflito- aínda que si é certo que aquela viu a incrementar o impacto perturbador ao igual que sucede coa pandemia pois, por caso, ámbolos dous acontecementos paralizaron a cadea de subministro e facilitaron un maior control do mercado polos oligopolios: a pandemia e a guerra turran da inflación pero non son a súa causa.
No control oligopolista dos mercados (luz e enerxía fundamentalmente) e no seu sistema de fixación de prezos -un sistema de poxa continua altamente especulativo- é onde debemos buscar unha das causas maiores da actual perturbación da oferta e a conseguinte alza nos prezos
Neste control oligopolista dos mercados (luz e enerxía fundamentalmente) e no seu sistema de fixación de prezos -un sistema de poxa continua altamente especulativo- é onde debemos buscar unha das causas maiores da actual perturbación da oferta e a conseguinte alza nos prezos. Nada que ver, polo tanto, coa guerra en Ucraína nin tampouco coa pandemia e si moito co inmenso poder e a enorme avaricia dos oligopolios favorecidos pola súa decisiva influencia sobre o poder político. Un poder e unha avaricia que podemos comprobar segundo a evolución dos beneficios destas grandes empresas que non pararon de medrar nos últimos anos a pesares, por caso, da recesión e a pandemia.
Estes días, a maiores, estamos asistindo a folga do transporte. Independentemente da influencia que a mesma poida ter sobre a caída dos subministros, este sector está precisado dunha reconversión que de levarse a cabo deberá ter un efecto positivo sobre os custos do transporte que son, hoxe por hoxe, elevados. Efecto que, loxicamente, debera notarse nos prezos.
Se a guerra en Ucraína non é a causa principal de esta suba nos prezos, tampouco hai que buscala en posibles alzas salariais -están por debaixo do IPC e das ganancias en produtividade-, nunha evolución da demanda que non é tal -está en valores inferiores a oferta-, ou na expansión cuantitativa do BCE
Se a guerra en Ucraína non é a causa principal de esta suba nos prezos, tampouco hai que buscala en posibles alzas salariais -están por debaixo do IPC e das ganancias en produtividade-, nunha evolución da demanda que non é tal -está en valores inferiores a oferta-, ou na expansión cuantitativa do BCE -leva varios anos activa e con inflación cero ou negativa-. As causas son as subliñadas anteriormente todas relacionadas coa oferta. Por estas razóns non me parece aventurado o afirmar, como sinala J. Stiglitz, que "resulta desproporcionada a preocupación por unha inflación que será temporal.... non hai ningunha razón para preocuparse por unha inflación da que....os mercados anticipan unha baixada a medio prazo".
Evidentemente que a evolución da guerra en Ucraína pode "mover tódolos marcos". No entreacto sería imprudente intentar reducir o impacto desta suba da inflación incrementado ao tempo os salarios pois entrariamos nunha moi perigosa espiral de prezos-salarios de consecuencias imprevisibles pero, en calquera dos casos, non desexables. Si sería oportuno un pacto de rendas -capital/traballo- para conseguir incrementar o peso das rendas do traballo na riqueza nacional.