A grande presenza de Benposta nos medios con informacións, entrevistas, artigos... como consecuencia da estrea dunha serie documental remóveme de novo a memoria e a conciencia para intervir nun imaxinario que sigue reproducíndose
Alén do que teño expresado en anteriores artigos nesta mesma sección, a grande presenza de Benposta nos medios con informacións, entrevistas, artigos... como consecuencia da estrea dunha serie documental; remóveme de novo a memoria e a conciencia para intervir nun imaxinario que sigue reproducíndose, malia que a serie pretenda construír un relato máis “profundo”.
Desde o mesmo impulso que me levou a escribir a novela De Benposta a Lamaboa intentarei facer análise das aportacións e as ensinanzas que esta experiencia nos deixa. Pois é importante contar a historia de Benposta mais, para min, é máis importante extraer o que nos axude a construír o que representa “Lamaboa”. Na distopía actual, rescatar unha experiencia utópica coma esta obríganos a ser moi claros no punto de vista, pois nunca se vai interpretar a utopía como un horizonte que sirva para avanzar, senón como algo fantasioso e quimérico. Algo irrealizable. Iso, que me levou na novela a facer o traxecto de Benposta a Lamaboa, lévame hoxe a valorar a aportación da serie documental “El Circo de los Muchachos”.
Desde o mesmo impulso que me levou a escribir a novela De Benposta a Lamaboa intentarei facer análise das aportacións e as ensinanzas que esta experiencia nos deixa. Pois é importante contar a historia de Benposta mais, para min, é máis importante extraer o que nos axude a construír o que representa “Lamaboa”
En calquera relato é fundamental o punto de vista. A perspectiva que resulta dunha dialéctica simultánea no enfoque, a dialéctica entre o coñecemento que temos do que queremos contar e a propia narración. Neste caso as testemuñas son fundamentais. O título da serie “El Circo de los Muchachos” é ben explícito. Efectivamente, conta a historia desde a épica do circo. Tanto as imaxes coma o relato das testemuñas, agás algunha excepción que no contexto xeral non pasa de ser anecdótico, enfocase desde o circo. Obviamente resulta máis comercial. Porén, aínda que foi unha epopea impresionante, non é o máis interesante. Non é a aportación máis singular e, desde logo, se miramos a experiencia desde o Circo, non podemos ver o fundamental.
Outro elemento clave do enfoque é presentala como obra dunha persoa, a obra do Padre Silva. Aínda que algunha das persoas entrevistadas cuestionan isto, tamén quedan diluídas nun relato xeral no que todo xira arredor da persoa do Cura. Algo que a min me parece, ademais de un erro, unha perversión.
Enfocalo desde o Circo e desde a figura do Padre Silva constitúe algo moi acorde co imaxinario común, moi aceptable e dixerible na lóxica do mercado para elaborar un produto de consumo doado e por tanto masivo. A consecuencia é que converte a experiencia en convenientemente irrelevante. É importante comprender isto, se o que procuramos realmente é rescatar o seu legado.
O título da serie “El Circo de los Muchachos” é ben explícito. Efectivamente, conta a historia desde a épica do circo. Outro elemento clave do enfoque é presentala como obra dunha persoa, a obra do Padre Silva
Benposta non existiría sen o Padre Silva. Mais, esta obra non é unha creación, é a construción colectiva dunha comunidade de rapaces que xuntos en convivencia desenvolveron un sistema organizativo horizontal de autoxestión. Como fixeron? Iso debería ser o auténtico obxecto de estudo. Non concibo mérito máis grande que facilitar esa posibilidade, imaxinar e conseguir ese primeiro espazo para que a comunidade benposteña se asentase e se desenvolvese. O Cura foi determinante no desenvolvemento, mágoa que o seu intervencionismo permanente a convertese demasiadas veces nunha obra súa. Con todo, houbo momentos excepcionais que quedaron gravados na nosa conciencia coma un aprendizaxe referencial, foron os momentos nos que se desenvolveu a Comunidade Educativa de maneira natural para deixar o legado que realmente paga a pena. Non teño ningún interese en destruír a memoria do P. Silva, nin serei eu quen lle escatime recoñecementos. O maniqueísmo de presentar o tema como un conflito entre defensores e detractores do Cura Silva sen máis, é unha simpleza que ofende a intelixencia alí onde a haxa. Se a consideramos unha creación do Padre Silva, será a fazaña épica dun individuo, mais irrelevante como experiencia educativa. O valor sociopedagóxico que ten está no proceso da construción colectiva. Como di Manuel, o personaxe que narra a historia “De Benposta a Lamaboa” no discurso final: “Mais esta experiencia de compartir, de cooperar, de sentir e practicar a solidariedade, formará conciencias insubornables, espíritos ledos de verdade ...”
O declive e ocaso de Benposta en Ourense debeuse ás dinámicas internas que a personalidade do Cura foi condicionando, impedindo que se consolidara un equipo de persoas capaz de garantir a continuidade. Todas as persoas que expresaron a máis mínima discrepancia teórica ou estratéxica tiveron que abandonar a comunidade coa etiqueta de traidoras
Disque o declive e morte de Benposta Ourense se debe a que non se soubo adaptar aos cambios, a unha sociedade democrática onde a educación é un dereito universal. Mais eu creo que é moito máis complexo. Nin o dereito á educación é tan universal nin a sociedade é tan democrática. O declive e ocaso de Benposta en Ourense debeuse ás dinámicas internas que a personalidade do Cura foi condicionando, impedindo que se consolidara un equipo de persoas capaz de garantir a continuidade. Todas as persoas que expresaron a máis mínima discrepancia teórica ou estratéxica tiveron que abandonar a comunidade coa etiqueta de traidoras. A experiencia do peche é ben ilustrativa, non só porque demostra como foi capaz de despedir a todo un equipo de profesorado do que a maior parte se educaran e medraran na institución, tamén porque ese grupo de profesores gastou toda a enerxía na loita lexítima polos seus dereitos, mais non tiña a cohesión nin a confianza suficiente no proxecto para procurar a maneira de continualo, alí ou noutro lugar. Benposta esgotou todos os recursos que a sostiñan e cometeu a inxenuidade de acudir ás mesmas institucións que xa demostraran interese en rematar con ela, para reclamar unha solución económica, importunando tamén á Administración e a Xustiza cos conflitos que o Cura e o entorno fixeron absolutamente irresolubles. Non digo que non houbera que reclamar recursos da Administración, trataríase dunha inversión social que sempre é redistribución de riqueza, digo que non se soubo utilizar a estratexia do aikido aproveitando a forza do contrario ao noso favor. O Sistema ten fendas que debemos aproveitar. Con todo, o que realmente ten interese é a análise do proceso. Como e porque se deron esas condicións? Na miña opinión debeuse ao desarraigamento. Ao intento de crear unha illa, un espazo educador transformador que non quería integrarse na sociedade que pretendía transformar senón todo o contrario. Isto non só impediu que a institución enrraizara, tamén creou fendas e desarraigamento doloroso de rapaces e rapazas coas súas familias. Hai un exemplo que corrobora isto, a experiencia de Benposta en Colombia: pode que sen a renovación, que a min me parece necesaria, nas liturxias, mais alí está viva e conectada co pobo. O documental debuxa precisamente a súa intervención e integración no País, no seu proceso de paz e democratización, ofrecendo espazos de protección á infancia.
Houbo momentos asombrosos nos que se superou o control da superestrutura existente, mesmo o culto á imaxe que prevalecía e pervertía, en certo modo, o sistema
En conclusión, e volvendo á novela “De Benposta a Lamaboa”. Os seus personaxes analizan os erros e poñen en común a aprendizaxe para non repetilos, mais sobre todo, procuran as aportacións que sirven ás novas xeracións para construír Lamaboa. Combato a idea de presentala como unha utopía fantasiosa e quimérica na que unha rapazada representa unha democracia nunha arquitectura institucional convencional. É o alimento perfecto para a grande distopía: os soños, soños son! Para que intentalo se é imposible! Aí tedes un fracaso máis. Que 500 rapaces e rapazas, cheguen a formar unha comunidade, desenvolvendo unha estrutura organizativa que superaba a arquitectura institucional un tanto mimética de: Goberno de “Cidade” con Alcalde, Delegacións, Asemblea, moeda propia... constitúe unha utopía, mais unha utopía das que se poñen no horizonte. Fundaméntase nunha experiencia real, na demostración de que a autoxestión e a vida colectiva é posible e viable. Houbo momentos asombrosos nos que se superou o control da superestrutura existente, mesmo o culto á imaxe que prevalecía e pervertía, en certo modo, o sistema. Unha actitude vital do P. Silva que antepoñía sempre o resultado final da representación á vida interior da comunidade. Para ser visible en Benposta necesitábase unha boa imaxe ou a desenvoltura suficiente para falar sen vergoña. Polo contrario, a timidez e a aparencia de aldea, garantía a invisibilidade. Aínda que na vida da comunidade a convivencia facía que nos coñecésemos moi ben, e por tanto, quedara a nosa memoria como o lugar onde se produciron as experiencias fundamentais. Pese a todo, o que quedou no imaxinario de Benposta é esa representación, que tamén transcende no enfoque da Serie Documental.