• Entrevista | Elías León Siminiani
  • Cultura

"Fascinoume a idea de recuperar unha utopía nun tempo de distopía"

A serie 'El circo de los muchachos', dirixida por Elías León Siminiani, pode verse en Amazon Prime Video © Vaca Films/Amazon

O documentalista Elías León Siminiani dirixe a serie El circo de los muchachos, producida por Vaca Films e Amazon, que xa se pode ver na plataforma de Amazon Prime

El circo de los muchachos é a serie documental que gañou o premio do público no festival Cineuropa de Santiago de Compostela. Unha minuciosa creación de Elías León Siminiani, que dirixe, produce con Borja Pena e da que asina o guión xunto a Juan Alba, coa asesoría de Pepe Coira. En 1956 un cura, o pai Jesús Silva, funda xunto a 15 rapaces unha cidade á medida dun proxecto educativo moito máis ambicioso que os límites do réxime franquista. Das aulas pasan ás acrobacias e co circo dos muchachos percorren o mundo. Logo, a decadencia da idea inicial enche de grises a historia, e todo iso cóntase nesta serie de cinco capítulos.

O documentalista Elías León Siminiani (Santander, 1971) fala da utopía de Benposta desde a distopía que triunfa na actualidade. Nese contraste está tamén un dos grandes atractivos desta serie que se estreou en Cineuropa e xa se pode ver na plataforma Amazon Prime en máis de douscentos países e traducida a trinta idiomas. Unha aposta da produtora Vaca Films que conta co imprescindible traballo de dous xornalistas galegos, Marga Pazos e Luís Pardo, que presentan a documentación tan ben conservada de todo o que foi a cidade e o circo dos muchachos e entrevistan aos protagonistas que quedan daquela aventura.

Por que cre que moita xente vai coñecer o proxecto da Cidade dos muchachos de Benposta a través da serie?

O proxecto orixinal, o proxecto educativo do cura, que logo derivou no propio proxecto artístico do circo, é unha historia que para min ten moita relevancia e interese porque como vivimos nun mundo no que parece que reina a distopía en calquera ámbito –particularmente nos relatos de calquera tipo, xa sexan novelas, series ou películas– creo que recuperar unha historia real de carácter puramente utópico é algo que pode ser un aporte e pode resultar, á parte de exótico, interesante para tanta xente das novas xeracións que vai descubrir esta historia porque xa está en Amazon aquí e noutros 220 países. É interesante recuperar a idea de utopía fronte á distopía ubicua na que estamos inmersos.

Elías León Siminiani xunto a José Luis Losa na estrea de 'El circo de los muchachos' en Cineuropa © Lojo/Cineuropa

Hoxe non sería posible que triunfase algo así.

Eu creo que un dos problemas que tivo o proxecto de Benposta na súa decadencia, máis alá da figura do cura e do seu non botarse a un lado e a súa determinación para manterse no conflito que mantivo coa Xunta, é que o proxecto non se soubo adaptar ao cambio dos tempos. Un proxecto que tiña todo o sentido cando naceu en pleno franquismo e tardofranquismo, cando chegou a democracia debeu mudar como o estaba facendo a sociedade, pero Benposta non o fixo. E creo que unha das razóns polas que este proxecto, que no seu momento foi tan popular en todo o mundo, hoxe sexa apenas coñecido é porque o espírito que hai por baixo, que basicamente predica que a educación ten que formar mentes críticas e cidadáns que poidan aportar na construción dun mundo mellor, a día de hoxe ese tipo de utopía resulta case naif. Creo que toda a mensaxe que hai debaixo deste proxecto –que a min paréceme súper necesaria– queda agochada porque o mundo non está para demasiadas utopías agora mesmo.

A serie conta a historia do que sucedeu en Benposta narrada de principio a fin, con entrevistas dos xornalistas Marga Pazos e Luís Pardo a moitos daqueles nenos que formaron parte do proxecto do cura Jesús Silva

É curioso que todo o proxecto de Benposta se desenvolvese e medrase no marco da ditadura e que cando chega o momento que lle permitiría establecerse de verdade é xusto cando perde forza ata desaparecer.

É un proxecto que ten que ver coa educación infantil e as crianzas que alimentaron este proxecto eran nenos principalmente do rural galego que non tiñan acceso ao ensino, e moito menos á aprendizaxe que se ofreceu aí. No seu tempo deu unha saída vital a moitísimos muchachos de Galicia e de fóra, que doutra maneira non a terían. O que pasa é que, precisamente coa chegada da democracia e o Estado do benestar, o propio Estado comezou a facerse cargo de que houbese moitas máis escolas e institutos e de que as crianzas saíran de condicións de risco de exclusión ou similares. Probablemente o proxecto de Benposta tiña que ter evolucionado para converterse noutra cousa, non sei se nunha ONG, nunha Fundación ou algo parecido, para que seguira tendo sentido nunha sociedade como a española que entraba na modernidade. Porén, Benposta Colombia hoxe segue activa e fai un traballo incrible, e segue tendo sentido porque alí hai moitos nenos en risco de exclusión e que están sendo secuestrados polo narco ou recrutados para a guerra.

Cal é a súa relación co proxecto e por que quixo contar agora esta historia?

Coñecía o circo dos muchachos porque no seu momento era un espectáculo moi popular e estivo moi presente no imaxinario pop. De feito, a cabeceira de Barrio Sésamo para TVE gravouse en Benposta Madrid, que funcionou entre 1981 e 1984. Lembro ver esa cabeceira da serie moitas veces e hai cousa de tres anos chamáronme de Vaca Films porque localizaran un arquivo audiovisual dunhas oitocentas horas que percorre a vida de Benposta desde finais dos anos cincuenta ata a morte do cura en 2011. Isto foi posible porque Silva foi moi consciente desde o inicio da necesidade de rexistrar todo e compoñer un relato a respecto do que estaban facendo. De aí xurdiu daquela Benposta TV, que chegou a ser moi importante para o proxecto e para a guerra que mantivo despois con Fraga e a Xunta. En canto comecei investigar sobre esta historia fascinoume a idea de recuperar unha utopía nun tempo de distopía, como documentalista non se pode dicir que non a traballar cun arquivo coma este.

"Pode que o feito de seren nenos lles resultase tamén algo inofensivo. Calquera tipo de experiencia así  no franquismo feita con adultos estaría fulminada automaticamente"

Visto desde hoxe, como definiría ao pai Silva?

Como me gusta imaxinalo é como unha persoa profundamente humana: contraditorio, capaz do mellor e do peor. Unha persoa cunha biografía chea de luces e sombras, e que dalgunha maneira foi un personaxe moi do seu tempo. Nun momento dado foi un visionario, soubo dar forma a un proxecto tanto educativo como artístico que era moi adiantado ao seu tempo e, á vez, non soubo medrar con ese proxecto nin botarse a un lado para que outros continuasen con el. Tivo unha deriva autárquica, moi propia dos líderes de revolucións do século XX.

Na serie abordan o prexuízo que existe sobre que os muchachos eran nenos pobres. Cre que este prexuízo serviu para que o franquismo lle deixase facer ao cura sen importarlle demasiado o que alí pasaba?

Esa é unha das grandes preguntas que levanta esta historia, como o franquismo e a Igrexa permitiron algo así. Despois de falar con moita xente chegamos á conclusión de que hai varios factores en xogo. O primeiro é que Benposta se fixo cargo do centro de Celanova, que era unha institución de auxilio social que trataba con nenos desfavorecidos e fillos da emigración. Por outro lado, no tardofranquismo o réxime estaba moi illado porque xa caeran todos os fascismos e, dalgunha maneira, a partir dos anos 60 con todo aquilo da 'apertura', que lidera moito o turismo e Fraga como ministro, o franquismo estaba necesitado de xestos que puidesen resultar simbólicos para mostrar que non eran un réxime tan opresor. De feito, hai bastantes novas do NODO que se ocupan da cidade dos muchachos. Pode que o feito de seren nenos lles resultase tamén algo inofensivo. Calquera tipo de experiencia así feita con adultos estaría fulminada automaticamente.

"Dalgunha forma, produciuse unha selección natural entre o máis importante da cronoloxía, en combinación con aquilo que estaba mellor contado por eles no material de arquivo"

Como lle deu forma a todo o material para convertelo nos cinco episodios que agora se poden ver?

Foi un proxecto moi inxente no que toca á documentación e á montaxe. Grazas a ser unha serie documental para a plataforma Prime contamos cun tempo, un equipo e un orzamento o suficientemente amplo para acometer unha tarefa que en si mesma era bastante titánica. Isto é algo que trouxeron as plataformas, que permiten orzamentos impensables hai unha década para o documental en España. Contamos cun equipo de documentación completo, comandado por Ainhoa Ramírez, coa que xa traballara noutras series, e o primeiro que fixemos foi unha cronoloxía o máis exhaustiva posible de toda a historia da institución. Nese repaso dos cincuenta anos de proxecto xa emerxeron fitos ou fases que claramente son máis elocuentes da deriva de Benposta. Entón, o que fixemos foi acoutar eses momentos e poñelos en relación co arquivo documental. Dalgunha forma, produciuse unha selección natural entre o máis importante da cronoloxía, en combinación con aquilo que estaba mellor contado por eles no material de arquivo. Esta tamén foi a vía para atopar as testemuñas porque son moitos anos e por Benposta pasaron máis de vinte mil muchachos.

Como foi ese contacto cos antigos muchachos?

Pasaron moitos anos e algúns dixeron que non querían participar, outros non quixeron saír na serie pero si nos axudaron e outros si quixeron formar parte. Ao final, todo isto fala de como foi o final desgarrador de Benposta Ourense, cun conflito interno moi forte e con detractores e partidarios do cura, e a deriva que finalmente tomou. As cicatrices dese conflito permanecen a día de hoxe e o mero traballo de investigación xa daba conta de que fora un problema moi profundo e non ía ser unha serie cun final feliz.

Imaxe do Pai Silva cos rapaces de Benposta que aparece na serie 'El circo de los muchachos' © Vaca Films/Amazon

"Conseguimos o reencontro dos que foron a parella de pallasos infantís máis importante do mundo no seu momento, Pancracio e Naranjita"

Nesta parte de entrevistas coas persoas que pasaron por Benposta é cando entran en acción os xornalistas Luís Pardo e Marga Pazos.

Si, eles fixeron todo un traballo para trazar canais de comunicación e confianza para que o maior número de persoas posibles accedese a participar na serie. Para iso a xente tiña que sentir que estabamos facendo un relato o máis ecuánime posible desta historia, que no fondo é a súa historia. Luís e Marga son absolutamente cruciais para a serie porque estiveron moitísimas horas primeiro investigando e despois falando con esas testemuñas para que quixeran poñerse diante da nosa cámara.

Como foi telos diante da cámara? Como están agora? Están, digamos, integrados na sociedade?

Hai un pouco de todo. Unha das cousas que queriamos facer na serie, e finalmente o conseguimos en dous capítulos, no segundo e no quinto, é reunir a antigos benposteños. Conseguimos o reencontro dos que foron a parella de pallasos infantís máis importante do mundo no seu momento, entre o 70 e o 74, Pancracio e Naranjita e celebrar unha especie de asemblea no mosteiro de rocas, que foi un lugar moi importante para Benposta, na que se xuntan unha ducia de persoas que fan un balance do que o espectadora ve na serie.

Un dos problemas que sempre tivo o cura foi que Benposta non sabía como estender o proxecto a adultos. A idea era que os rapaces que medraran alí puideran facerse cargo da institución e facela medrar. Diría que os que teñen que ver co circo conservan aquilo como unha experiencia marabillosa da súa xuventude, algúns deles transformáronse en todo tipo de artistas e outros, dalgunha maneira, tiveron máis problemas para encaixar nunha vida civil normativa.

"Benposta foi visionaria porque gran parte das ideas que se manexaban alí sobre os métodos de ensinanza hoxe son parte da educación"

E que pasou cos que estiveron máis ligados á escola?

A xente tivo que volver á súa vida porque ao ir medrando acababan botándoos. Nun capítulo dise que unha das maiores honras que pode ter un benposteño é o título de traidor, no sentido de que é alguén que tratara de facer algo e non lle deixaran, así que marchaba e levaba o espírito de Benposta a que florecese noutro sitio. Moitos acabaron na ensinanza, en traballos de axuda social... pero a experiencia tamén tivo os seus xoguetes rotos.

Aínda que a serie non pode ter un final feliz, con que se queda do proxecto educativo?

Benposta foi visionaria porque gran parte das ideas que se manexaban alí sobre os métodos de ensinanza hoxe son parte da educación. Ir suprimindo a memoria para pasar a traballar por proxectos, o estímulo do pensamento crítico, a autoxestión, o autogoberno que chegou a funcionar con autonomía na propia cidade dos muchachos, a idea de que é tan importante o traballo coa mente coma co corpo... Nese sentido, nós quixemos facer un relato o máis ecuánime posible e que recuperase todo o que ten de recuperable, sobre todo para un mundo coma o noso. A propia idea de traballar na formación de espíritos e mentes críticas fronte á idea da educación imperante hoxe, que ten que ver coa formación de cidadáns produtivos que teñan éxito persoal –en lugar de que aporten á sociedade– xa ten en si un valor enorme que creo que resulta moi ilustrativo.

Os pallasos Pancracio e Naranjita na serie © Vaca Films/Amazon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.