Conspiración de silencio

Un alixo de cocaína incautado polas autoridades, nunha imaxe de arquivo © Garda Civil

“Soy el fuego que arde tu piel.
soy el agua que mata tu sed...
Rodrigo Amarante

Non hai moito, supoño que como calquera de vós, lin nalgún xornal que Santiago de Compostela está entre as cidades europeas nas que máis aumentou o consumo de cocaína durante a pandemia, xunto con Praga, segundo o último Informe do Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanías logo de analizar as augas residuais da cidade, alí onde chega todo, aparecen abundantes restos de benzoilecgonina, proba inequívoca do alto consumo de coca. Sei que xa no 2.018 e con anterioridade os niveis eran moi elevados pero agora, en plena pandemia, o incremento supera o 10%.

Non tivo tratamento mediático importante. Tampouco estivo nas tertulias, nin abriu telexornais, máis ben ó contrario, o que significa que para os poderes económicos, sociais, políticos, mediáticos, relixiosos, as elites en definitiva da capital de Galicia, este asunto non o consideran relevante ou preocupante, non está na súa axenda.

Para que en plena pandemia, con confinamento, toque de queda e restricións da mobilidade, o consumo de cocaína aumente, significa que as redes de produción, distribución e consumo están moi ben engraxadas, funcionan como un reloxo, a demanda dos nichos de mercado que o solicitan, maioristas ou minoristas.

Sempre houbo, que eu lembre, consumo máis ou menos habitual, desde os anos ’80, particularmente en determinados ámbitos e ambientes. Pero que a cousa vaia a máis, en plena pandemia, non pode pasar desapercibido para as forzas e corpos da seguridade do Estado, axencias de persecución do narcotráfico, facenda e demais.

Xa non estamos nos tempos dos Charlíns, os Oubiñas ou os Miñancos, nin hai xa macrooperacións como a Nécora que popularizou ó Xuíz Garzón. Aquelo foi, algo así como un fin de época. A imaxe de Esther Lago carrexando bolsas de lixo cheas de cartos nos bancos de Vilagarcía de Arousa. Os grandes traficantes de hoxe, os medianos, son máis discretos, non todos, por certo, porque os seus patrimonios, os casoplóns, as coleccións de coches de gama alta, os megabuques de recreo, están á vista de todos menos -parece- para a facenda pública.

Cando as películas e series de narcos son máis populares que nunca, cando sabemos as dinámicas dos colombianos, mexicanos e demais, descoñecemos ós grandes capos dos países consumidores. Cantamos ou tarareamos a melodía famosa da serie Narcos pero non sabemos nada das canles de produción, distribución e consumo da coca en Compostela.  De onde ven, quen a trae, onde a venden?. Supoño que os responsables da súa persecución o saben, como saben os niveis de restos de coca nas augas residuais, dos estragos que provoca nos cerebros das persoas e como afecta ás familias, ás relacións laborais, á saúde, aínda que non sexa un tema de debate mediático, político ou social. Silencio.

Pero mentres tanto, a levítica cidade de Compostela, a meta do Camiño, a capital espiritual de Occidente, logo de Roma, chupa cocaína como ninguén e os descoñecidos sucesores actuais dos Charlíns, Oubiñas ou Miñancos, na escuridade, na seguridade, viven a corpo de rei, cos seus patrimonios a bo recaudo en calquera paraíso fiscal.

Durante moitos anos Érguete con Carmen Avendaño á fronte, as nais contra da droga, puxeron a heroína no debate público, acosaron pacificamente ós narcotraficantes, reclamaron a incautación dos seus patrimonios, mobilizaron á sociedade, sacaron o tema da clandestinidade. Lembremos o Pazo Baión. Hoxe, segundo din, a heroína tamén recupera mercado e os postos de venta ó menudeo aumentan.

Levamos moitas décadas facendo o mesmo respecto do narcotráfico, aquí e en todo o mundo, e o asunto non mellora. Move moitos cartos. Move a economía. Estaría ben cambiar os métodos, aínda que fose de maneira experimental, para ver si os resultados cambian. Pero témome que as cousas van a seguir igual, para que nada cambie. Como dicía o outro, “es el mercado amigo”.

Mentres tanto, conspiración de silencio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.