Das prácticas en Gres ás Letras Galegas 2027, con Neira Vilas

Xosé Neira Vilas, nunha imaxe cortesía da Fundación que leva o seu nome © RAG (Remitida) | Cortesía Fundación Xosé Neira Vilas

Alá polo outono do ano 2002, Galicia vivía nun tempo que hoxe semella case irreal. A casa natal de Xosé Neira Vilas, sede da súa Fundación, converteuse naquel entón no destino dunha desas experiencias universitarias que marcan o rumbo da mocidade

Alá polo outono do ano 2002, Galicia vivía nun tempo que hoxe semella case irreal: apenas o 15% da poboación empregaba Internet e só catro de cada dez persoas levaban un teléfono móbil no peto. Nese escenario analóxico, sen pantallas que distraesen a mirada nin cámaras dixitais para conxelar cada momento, a Casa do Romano, en Gres (Vila de Cruces), presentábase como un oasis de resistencia cultural. A casa natal de Xosé Neira Vilas, sede da súa Fundación, converteuse naquel entón no destino dunha desas experiencias universitarias que marcan o rumbo da mocidade.

Durante cinco meses, as tardes transformáronse nun ritual de aprendizaxe compartida entre estudantes. O reto era maiúsculo e de relevancia social: entregarse á tarefa de informatizar os fondos daquela biblioteca que nacera no corazón do Val do Ulla. Era o inicio da dixitalización rural, un esforzo por conectar o legado do autor coas novas tecnoloxías que empezaban a agromar.

Hoxe non existen fotografías dixitais nin pegadas en redes sociais que testemuñen aqueles días de traballo minucioso.

Xosé Neira Vilas CC-BY IES-MGB

O paso do tempo confía a súa memoria aos recordos compartidos, á persistencia das paisaxes e a un documento para min excepcional e que gardo con orgullo e agarimo: unha valiosa carta de recomendación que o propio Neira Vilas preparaba para as e os estudantes ao rematarmos a nosa estancia.

Naquel comezo de século, a colaboración coas institucións do rural dependía moito do entusiasmo e do esforzo do estudantado. Os quilómetros que separaban Santiago de Compostela de Gres percorríanse en viaxes compartidas, desafiando as inclemencias do tempo invernal por un obxectivo claro: colaborar na posta en valor dunha biblioteca que cumpría dez anos desde a súa rehabilitación. Neira Vilas doara o espazo á Xunta de Galicia cun propósito firme: democratizar a cultura e garantir o acceso aos libros nun contorno non urbano.

Cando a Real Academia Galega confirmou por unanimidade que o autor de Gres sería o homenaxeado nas Letras Galegas do 2027, resultou inevitable rescatar aqueles días á beira dun ordenador e un café. O recoñecemento pon de actualidade unha biblioteca rural que hoxe se erixe como legado cultural de Neira Vilas e de Anisia Miranda.

O traballo diario estaba fortemente vencellado á paisaxe de Boqueixón e Vila de Cruces, un territorio dominado polas brétemas e polas bafaradas de aire frío arredor das illas de Gres, un espazo natural de enorme beleza no río Ulla. Para combater o frío das tardes invernais, a hospitalidade era clave. En moitas ocasións era a propia Anisia Miranda, peza indispensable na xestión diaria, quen ofrecía un café quente. Nos días de ausencia dos escritores, a solidariedade veciñal mantiña viva a actividade, demostrando como a Fundación era, ante todo, un proxecto comunitario sustentado tamén pola xente da aldea.

A flexibilidade e o respecto mutuo definían o ambiente de traballo na Casa do Romano. Nunha época previa ás normativas antitabaco, os espazos de catalogación compartíanse cunha proximidade hoxe impensable. O permiso do propio Neira Vilas para acender un cigarro entre os libros non era unha simple anécdota de época; era un xesto de cortesía, a actitude de quen abría as portas da súa institución para que a xente nova se sentise coma na súa propia casa. As tardes transcorrían así, entre conversas de etnografía, rexistros catalográficos e o fume morno que se mesturaba coa néboa do Ulla.

Cando a Real Academia Galega confirmou por unanimidade que o autor de Gres sería o homenaxeado nas Letras Galegas do 2027, resultou inevitable rescatar aqueles días á beira dun ordenador e un café. O recoñecemento pon de actualidade unha biblioteca rural que hoxe se erixe como legado cultural de Neira Vilas e de Anisia Miranda.

Ao revisar hoxe a carta mecanografada que saíu daquela Fundación, o documento adquire unha nova dimensión. Máis que unha avaliación profesional, a carta testemuña a grandeza e a calidade humana do autor de Memorias dun neno labrego —o libro máis editado, vendido e traducido de todas as nosas letras—. As súas palabras reflicten a mirada dun mestre que non escatimaba en xenerosidade nin en alentos para a mocidade:

Oxalá todas as celebracións e actos que acontezan en 2027 ao redor das Letras Galegas sexan quen de poñer en valor non só a súa obra, senón tamén a súa actitude inconformista ante a vida e o seu compromiso xeneroso en favor da cultura galega que as novas xeracións deben seguir reivindicando

“D. Xosé Neira Vilas en calidade de Presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, certifica que Eva Vieites Salmonte, estudante da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu as súas tarefas con responsabilidade e eficiencia. Queremos salientar que a dedicación, o interese pola tarefa encomendada, a puntualidade nas horas e nos días acordados e o afán creativo amosado en todo momento por esta estudante nas súas prácticas, dános como resultado un labor eficazmente realizado e moi útil para esta institución. Un resultado que pode cualificarse de excelente. Desenvolveu o seu traballo conxuntamente coa estudante de Historia da Arte Susana C. C. Entre ambas existiu unha harmonía e unha coordinación certamente exemplares”.

Ese aval, asinado de puño e letra pola figura insigne de Gres, mantén intacto o seu valor case vinte e cinco anos despois. E fala máis de Neira Vilas que de quen tivemos a fortuna de pasar un tempo proveitoso á súa beira, e na súa propia casa. Oxalá todas as celebracións e actos que acontezan en 2027 ao redor das Letras Galegas sexan quen de poñer en valor non só a súa obra, senón tamén a súa actitude inconformista ante a vida e o seu compromiso xeneroso en favor da cultura galega que as novas xeracións deben seguir reivindicando. Grazas, mestre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.