O pleno da Real Academia Galega escolle a Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces 1928-2015) como a figura homenaxeada no Día das Letras do vindeiro ano. A candidatura foi apoiada por unanimidade tras retirarse no propio pleno a de Constantino García
"Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña". Así comeza, nun dos pasaxes da literatura galega máis coñecidos, Memorias dun neno labrego, a novela que en 1961 publicou Xosé Neira Vilas en Bos Aires, unha das obras máis populares da literatura do país na súa historia, con máis de 700.000 exemplares vendidos en multitude de edicións.
Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) será o protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2027. Así o decidiu este mércores o pleno da Real Academia Galega, reunido no Salón Vermello do pazo municipal de María Pita, na Coruña. Os académicos e académicas tiñan que votar entre a candidatura do escritor e a do lingüista Constantino García, un dos fundadores e o primeiro director do Instituto da Lingua Galega, que botou a andar en 1971. Porén, finalmente a candidatura de Neira Vilas foi apoiada por unanimidade tras retirarse no propio pleno a de Constantino García.
"Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Así comeza, nun dos pasaxes da literatura galega máis coñecidos, Memorias dun neno labrego, a novela que en 1961 publicou Xosé Neira Vilas en Bos Aires, unha das obras máis populares da literatura do país na súa historia, con máis de 700.000 exemplares vendidos
O escollido, como xa se adiantara en día previos, foi Neira Vilas, autor dunha inxente produción literaria, sobre todo narrativa -para adultos e tamén infantil e xuvenil-, pero que tamén cultivou o ensaio e a poesía. A obra de Neira Vilas fálanos do rural galego -aí están as Memorias de Balbino, pero tamén Xente no rodicio, A muller de ferro, Querido Tomás ou a triloxía Lar, Nai e Pan- pero tamén necesariamente da emigración que o propio Vilas e a súa dona Anisia Miranda viviron.
Xosé Neira Vilas emigrou á Arxentina en 1949, con 21 anos. Alí exerceu distintos traballos, comezou a publicar en prensa, iniciándose tamén na literatura e coñeceu á colectividade galega emigrada e exiliada e entrou en contacto co galeguismo, fundando en 1953 as Mocedades Galeguistas. Alí, con Anisia, fundaron Follas Novas, unha modesta editorial pero importante distribuidora en América de libros en galego.
A súa inxente obra, principamente narrativa, falou do rural galego, da infancia e tamén da emigración. En 1949 marchou para a Arxentina e, de aí, coa súa inseparable Anisia Miranda, en 1961 para Cuba, onde a parella permaneceu ata a súa xubilación en 1992, momento do regreso a Galicia
En 1961 o matrimonio marchou para Cuba, permanecendo trinta e un anos neste país, onde escribiu a maior parte da súa obra literaria. Alí tivo varios traballos na administración do Estado revolucionario cubano e fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Este mundo da emigración galega aparece retratado en obras como Camiño bretemoso, Historias de emigrantes, Remuíño de sombras ou Tempo novo.
Outra parte importante da súa obra mirou para a infancia, con varios protagonistas infantís, como o de Memorias dun neno labrego, pero tamén os de Cartas a Lelo ou Aqueles anos do Moncho. E, igualmente, introduciuse de xeito pioneiro na produción literaria infanto-xuvenil en galego con obras como Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, A marela Taravela ou Contos vellos pra rapaces novos. En colaboración con Anisia Miranda publicou tamén o libro de cancións e poemas Cantarelas e contos prá xente miúda.
A RAG reivindicará Neira Vilas "en todas as súas dimensións" e chama tamén a atención nesta liña sobre o coidado que o escritor demostraba pola lingua
A RAG reivindicará Neira Vilas "en todas as súas dimensións", destaca a Academia: "a de autor dunha vasta produción literaria —que abrangue todos os xéneros—, o editor, o investigador, o activista cultural e mais o divulgador que, nun contexto histórico adverso, converteu o galego nun mecanismo de creación, de reivindicación e de afirmación colectiva". Subliñando, ademais que durante moitos anos foi "cronista indiscutible" da diáspora en América, "sobre a que deixou un legado de gran valor documental".
A proposta das Letras Galegas de Neira Vilas chama tamén a atención nesta liña sobre o coidado que o escritor demostraba pola lingua. “Termou da riqueza léxica que habitaba no galego popular. Fixo da lingua oral da aldea unha lingua literaria digna, profundamente expresiva e fermosa, afastada de artificios, mais viva e natural”, engade o texto. Repárase ademais na oportunidade que significará a festa do vindeiro 17 de maio para actuar como ponte entre as novas xeracións e o idioma que o autor sempre defendeu en múltiples espazos, de maneira especialmente intensa nas escolas que visitaba decote para conversar con alumnado e profesorado.
Poucos recoñecementos acadan a unanimidade deste para un autor que, sobre todo, falou "dos ninguén"
Entre a Arxentina e Cuba viviu preto de 40 anos, pero a parella -unha vez xubilados- regresou a Galicia en 1992, á aldea de Gres (Vila de Cruces), onde Neira Vilas nacera 64 anos antes. Alí viviron durante varias décadas (Anisia finou en 2009 e Neira Vilas en 2015), e o escritor continuou a traballar en distintas obras que completaron unha produción inxente: unha trintena de obras de narrativa para adultos, unha decena para o público infanto-xuvenil, seis poemarios e unha trintena de obras de ensaio de temáticas diversas, aínda que destacan as obras sobre a emigración, como Galegos no Golfo de México ou Castelao en Cuba.
O recoñecemento a Neira Vilas supón a homenaxe a un dos autores máis populares do país e máis queridos. O seu Balbino continúa a ser un símbolo e un auténtico best-seller da literatura galega, representación do país rural e do mundo da infancia. Traducido a un gran número de linguas, nos últimos anos contou con adaptacións ao teatro e tamén en banda deseñada.
A Academia destaca que "Neira Vilas acadou algo extraordinario: crear unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Memorias dun neno labrego é o exemplo máis evidente dese milagre literario"
A Academia destaca que "Neira Vilas acadou algo extraordinario: crear unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Memorias dun neno labrego é o exemplo máis evidente dese milagre literario". "A través da voz inocente e lúcida de Balbino, retratou o mundo rural galego da posguerra cunha enorme sensibilidade, denunciando as inxustizas e recollendo a riqueza humana e emocional da aldea. Hoxe este rapaz de aldea transformado en símbolo colectivo segue vivo na memoria compartida porque fala dende a autenticidade e dende a emoción que traspasa xeracións", salienta.
“Neira Vilas nunca renegou do mundo rural nin o idealizou falsamente. Retratouno coa súa dureza, mais tamén coa súa humanidade. A súa literatura dignificou a vida da xente humilde, dos labregos e dos emigrantes silenciados pola historia oficial”, defende a candidatura aprobada, que conclúe reivindicando as Letras Galegas para Xosé Neira Vilas como “un acto de xustiza cultural e histórica” para quen sempre amosou unha “maneira de entender unha Galicia aberta ao mundo, mais fiel ás súas raíces”.
“Neira Vilas nunca renegou do mundo rural nin o idealizou falsamente. Retratouno coa súa dureza, mais tamén coa súa humanidade. A súa literatura dignificou a vida da xente humilde, dos labregos e dos emigrantes silenciados pola historia oficial”, defende a candidatura aprobada
Nunha entrevista concedida a este xornal uns poucos meses antes do seu pasamento, o autor de Gres, destacaba que "Cando me preguntan se Memorias é autobiográfico eu digo que si e que non. Non o é nos detalles. Pero si o é no xeral, porque reflicte a vida de moitos rapaces galegos".
Neira Vilas finou o 27 de novembro de 2015 en Gres. No obituario que Praza.gal publicou nese momento, asinado por Montse Dopico, destacábase que "poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade", sinalando ademais que ao longo da súa vida, especialmente despois do seu retorno a Galicia, recibira practicamente todos os recoñecementos posibles por parte de todas as institucións e entidade e, sobre todo, "o recoñecemento dos ninguén" o " da humildade. Do que representaba a voz de Balbino. Da procura da verdade. E da xustiza".