O curso do ensino non universitario, tal como está organizado por parte da Xunta de Galicia, será un risco moi importante para a comunidade educativa e a sociedade galega de transmisión do virus SARS-COV-2. As únicas medidas de prevención adecuadas son a distancia física, o lavado de mans e o uso da máscara. Aínda sendo rigoroso non hai certeza de protección absoluta, pero en canto se incumpre algunha destas 3 recomendacións sobe o número de positivos. Vímolo no inicio da pandemia e, lamentablemente, estámolo vendo e sufrindo agora, no verán. Non quero pensar (espero equivocarme) que vai pasar en outono, co curso escolar en marcha tal como planifica a Xunta e a aparición de infeccións respiratorias por outros xérmenes.
O protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, versión do 22 de xullo, di que “ten por obxecto crear contornas escolares saudables e seguras mediante o establecemento das medidas preventivas, colectivas e individuais, que deben adoptarse no inicio do desenvolvemento do curso escolar 2020/2021, tanto polo persoal docente e non docente como polo alumnado e as súas familias, co obxectivo de protexer e previr no máximo posible o risco de contaxio por COVID-19”. Inclúe tanto medidas de prevención como de detección e xestión dos casos. É asinado polo conselleiros de sanidade e de educación. Baséase no plan de reactivación no ámbito Infanto xuvenil en relación coa infección polo VIRUS SARS-CoV 2, do 8 de xuño, aprobado polo Comité Clínico Sanitario.
Unha primeira lectura destes documentos revela que as persoas que os redactaron non pisaron unha aula chea de rapaces ao final da mañá nin teñen fillos ou xa esqueceron como eran de adolescentes
Unha primeira lectura destes documentos revela que as persoas que os redactaron non pisaron unha aula chea de rapaces ao final da mañá nin teñen fillos ou xa esqueceron como eran de adolescentes. Consideran que os rapaces van aprender, e despois aplicar, as medidas hixiénicas (distancia, hixiene de mans, uso da máscara) nas primeiras semanas de curso; por outra banda pensan que o alumnado dunha aula vai estar en todo momento co seu grupo, non se vai mesturar co das outras aulas nin no recreo nin ao entrar ou saír do colexio ou noutros ámbitos de convivencia despois das clases. E iso ao longo de todo un curso. Estamos falando de prevención durante 9-10 meses continuados, non durante uns días.
O profesorado debería procurar un bo descanso neste verán porque vai necesitar moita atención e tensión para conseguir que os nenos e nenas laven as mans ‘ben’ tanto ao entrar como ao saír das aulas, ou para intentar que non se movan moito dos seus pupitres ou usen correctamente as máscaras. Despois de todo isto poden quedarlles uns minutiños para o traballo docente nas aulas. Tamén deberían ir preparando o traballo online para cando os diferentes cursos vaian indo para casa durante 14 días (o tempo de corentena dos contactos) pola detección de casos.
Os dous documentos da Xunta mencionados din seguir as instrucións técnicas da Organización Mundial da Saúde (OMS) no texto “Consideraciones para las medidas de salud pública relativas a las escuelas en el contexto de la COVID-19”, do 10 de maio de 2020 pero non é certo. O documento da OMS di que se debe manter unha distancia de separación de alomenos 1 metro en xeral pero cando fala das aulas especifica que a distancia de 1 metro será ‘entre pupitres’, que podería aproximarse á distancia xeral recomendada de 1,5 metros para toda a poboación.
O documento do Ministerio de Educación de “Medidas de prevención, higiene y promoción de la salud frente a COVID-19 para centros educativos en el curso 2020-2021” , do 22 de xuño, e os “Acordos da Conferencia Sectorial de Educación para o inicio e o desenvolvemento do curso 2020-2021” falan en toda a súa extensión de distancia de 1,5 metros.
O protocolo da Consellería de Educación, pola contra, di que “para a ordenación dos espazos escolares nas aulas tomarase en consideración ‘o centro da cadeira onde se sitúe ao alumnado’ e gardarase, cando menos 1 metro de distancia respecto dos centros das restantes cadeiras que a rodeen”. E xustifican isto argumentando que “nunha situación na que o ton de voz é baixo e as persoas non se encontran confrontadas, a proxección de gotículas respiratorias é inferior ao metro de lonxitude”. Ton de voz baixo? As persoas (adolescentes) non se encontran confrontadas, non se miran, están como robots mirando cara diante ‘sempre’?
O protocolo aclara que se non é posible manter a distancia de seguridade haberá que usar máscara de protección salvo para os menores de 6 anos. E así terán que facer porque este protocolo é imposible de cumprir na maioría das aulas e centros educativos galegos. Coa medición do metro de distancia que fai a Consellería redúcese a distancia real a 50 cm aproximadamente, inútil para a prevención do contaxio. Ningún organismo sanitario técnico pode avalar este tipo de medida de distancia.
A Consellería de Educación inventa e adapta o protocolo para reducir o gasto ao mínimo imprescindible e traslada a súa responsabilidade ás direccións dos centros, ao profesorado e ás familias.
Todas as medidas de información, formación e seguimento dos procedementos de prevención van supoñer un esforzo importante para o profesorado e as direccións dos centros. O cumprimento dos procedementos preventivos, base fundamental da actuación fronte ao SARS-CoV-2 mentres non haxa vacina efectiva, consome tempo e esforzo e será, sen dúbida, unha fonte de estrés para todos os compoñentes do sistema educativo. Se non se cumpren correctamente as normas hixiénicas o risco de contaxio é elevado xa que hai moita poboación xunta e con moitos momentos nos que non vai haber a distancia correcta de separación, é moi difícil que todo o mundo faga un bo lavado de mans de modo repetido e que manteña a máscara tal como se recomenda.
A Consellería de Educación inventa e adapta o protocolo para reducir o gasto ao mínimo imprescindible e traslada a súa responsabilidade ás direccións dos centros, ao profesorado e ás familias.
Pero é a Consellería quen mantén aulas de 30 estudantes, omite a contratación de persoal, a división dos cursos en quendas de mañá e tarde ou a contratación de máis persoal de limpeza e outro para colaborar no lavado de mans e uso correcto das máscaras. O responsable deste protocolo, o goberno da Xunta, é neglixente, e os seus responsables deberían ser susceptibles de actuacións penais cando haxa infectados nas aulas, e familias con pais, nais, avós, persoas vulnerables contaxiadas, con risco de morte.