Impresións electorais. A nova presenza do BNG (II). O BNG e o poder

La Malinconia. Francesco Hayez Dominio Público

O Bloque é unha organización moi inestábel que nos períodos de contracción, frecuentes na súa historia, perde o sentido do real e tende a instalarse na enormidade. No inicio dos anos oitenta desapareceu da vida institucional autonómica retorcéndose en debates dogmáticos

O Bloque é unha organización moi inestábel que nos períodos de contracción, frecuentes na súa historia, perde o sentido do real e tende a instalarse na enormidade. No inicio dos anos oitenta desapareceu da vida institucional autonómica retorcéndose en debates dogmáticos. O dilema de prometer ou non a Constitución española foi talvez o máis chamativo. Antes, nos setenta, preguntábanse febrilmente sobre se participar nas eleccións parlamentarias. Se eran concesións insalvábeis ao sistema. Cavilaban igualmente en se destacar un candidato para a presidencia da Xunta implicaba venderse ao autonomismo. Hoxe todos coinciden en considerar estériles esas andrómenas doutrinarias e bisoñas. A ninguén se lle ocorre revivir tales polémicas, ninguén propón ausentarse do Parlamento por ter que prometer a constitución, nin evitar un nome destacado como candidato. Dicir ninguén nese universo é moito dicir, porque o catálogo resulta colorido e diverso. 

Unha parte importante da actividade do Bloque dedicouse a recuperar o tempo perdido nestas demoras. Unha especie de conservadorismo invertido, reticente aos cambios, que se xera, sen dúbida, no substrato tradicionalista, presente na ideoloxía, aínda que non o recoñecerán. Unha reticencia de partida ante as novidades, que sempre desaqueloutran, especialmente as tecnolóxicas. Mesmo as incuestionabelmente positivas acéptanse con indiferenza inicial, ou co pouco entusiasmo de quen está vacinado contra os desenganos, ao tempo que idealiza e ama especialmente o pasado, aínda que o pasado, esa memoria, sexa unha vida que conserva estreita parentela coa morte, en palabras de Alessandro Aresu. Trátase doutro asunto, certo, ademais é unha xeneralización excesiva e até soa estraña, pero merece unha reflexión, non está de máis esbozalo. Pepe Barro inicia “Cen historias do deseño na Galiza” (imprescindíbel, dunha erudición abraiante) afirmando que “construír o pasado é tamén un xeito de avanzar”. Así é sen dúbida, trátase dun labor social imprescindíbel, mais é defecto cando se converte en ausencia do presente e en melancolía. 

Funciona unha constante interna que nunca falla: canto menos poder institucional, menor contacto coa realidade e maior loanza interna dos principios. A referencia constante e abusiva aos apóstolos do galeguismo como se fosen mensaxeiros dunha revelación é o exemplo destacado

Funciona unha constante interna que nunca falla: canto menos poder institucional, menor contacto coa realidade e maior loanza interna dos principios, maior apelación ao símbolo e ao seguro, ao que está fixado e que ao non moverse non xera incertezas. A referencia constante e abusiva aos apóstolos do galeguismo como se fosen mensaxeiros dunha revelación é o exemplo destacado, chegando a considerar que atesouran todas as chaves para ler a complexidade social do presente, ou pouco menos. Son xeitos de refuxiarse na propia impotencia, de concibir a existencia e xa que logo o país. Tamén un xeito de sustentar o poder interno. Se os membros da organización aceptan, acordan, aínda que sexa pasivamente que o principal sustento ideolóxico é o dos vellos galeguistas, quen mellor os interpreta e os cita con máis fervor, ten unha ascendencia superior á dos demais sobre o colectivo. 

Xa que isto é unha longa digresión, cabe considerar tamén como constitutivo importante o sentimento tráxico da vida (xa, a min o de Bilbao tamén me traquina), no que todo vai mal, nada avanza, nada cambia para mellor, todo é unha desgraza, todo é terríbel. Non se trata de facer o bambi con esta miña reflexión, pero todo está bastante mellor que no pasado. O pasado, inclusive o propio, o nacional, é un lugar máis alleo que calquera espazo social do planeta no tempo presente. Pero o pasado era sobre todo moi incómodo, ningún de nós o soportaríamos, aínda que o utilicemos, o idealicemos hiperbolicamente, para escorrentar o desacougo vital. Non se discute o seu enorme valor para ancorar a existencia e a identidade, que fique claro. 

Volvendo á terra. O mecanismo de rexeitamento–aceptación é unha constante do Bloque, daquela e agora. Como cada paso práctico implica abandonar principios e renunciar (non é iso pero dentro percíbeno así) semellante amputación convértese nun enorme sacrificio, suficiente como para non someterse ao flaxelo suplementario de facer balanzos sobre o mal negocio que supuxo chegar tarde, coa conseguinte ineficiencia. Chegar tarde implica non comparecer axeitadamente, carecer de resposta, non responder, é irresponsabilidade en definitiva, ante as demandas cidadás. Desde os anos setenta do século pasado funcionan así. 

Nin os vascos, nin os quebequeses, nin os escoceses practican o desleixo polas institucións autonómicas deles, senón que as afirman e as aprecian, á marxe das aspiracións estratéxicas que arelen. Son os órganos que eles foron construíndo. Enchéronos de contido

A Xunta de Galicia é a dualidade máis chamativa, a máis importante, porque a Xunta é unha institución importantísima, desculpen a evidencia, na que os galegos, ninguén máis, administran anualmente dez mil millóns de euros e da que ademais emana poder de país e peso político indiscutíbel, moito maior que o de Murcia e algo menor que o de Euskadi. O país nunca tivo na súa historia moderna un poder tan robusto e sendo isto así, nada tería de estraño que fose o principal elemento de identificación dos galegos. Estaría ben preguntarlles se non se fixo xa, porque ao cabo esta nación é unha comunidade viva. Nin os vascos, nin os quebequeses, nin os escoceses practican o desleixo polas institucións autonómicas deles, senón que as afirman e as aprecian, á marxe das aspiracións estratéxicas que arelen. Son os órganos que eles foron construíndo. Enchéronos de contido, por usar unha frase da xiria interna. 

A medida que a Xunta ampliou o seu poder e sobre todo a medida que se facía evidente o seu valor, imprescindíbel para hexemonizar a nación, a relación pasou a ser de amor-odio, ou de atracción- repulsión, por non meterse tanto en psicoloxías. Desprézase a Xunta, un poder tan cativo e imperfecto, pero deséxase alcanzala con tanto interese que a persoa candidata convértese na líder pública da organización. Durante as estanzas na terra, sobre todo nos períodos de expansión, convértese no obxectivo principal, mentres que nas esferas celestes, sobre todo nas etapas de retracción, sublíñase a idea da imposición de institucións ideadas fóra, cosméticas, destinadas a someter Galicia; carencias que non lle deixan ser nada ao país. Nunca se esvaece de todo ningunha das dúas pulsións, dos dous desexos. 

Xosé Ramón Quintana escribiu un libro sobre a historia do Bloque, que abrangue desde os seus inicios até algo despois do final do goberno bipartito. Titúlase “Un tortuoso camiño”. É unha obra maior, en esforzo e intelixencia, á marxe das diverxencias profundas, por non dicir tamén absolutas, que se poidan ter con algúns dos episodios analizados. É o estudo máis importante sobre o Bloque, que eu coñeza, imprescindíbel para comprender unha organización tan pouco homologábel. 

Xosé Ramón Quintana afirma que a UPG, o partido que hexemoniza o Bloque desde os seus comezos, sempre tivo pouco interese polos gabinetes de estudo que xerasen teoría política aplicábel

O autor constata que os contidos dos programas autonómicos son intrincados na súa redacción, froito de superposicións derivadas, que permiten dualidades de todo tipo e por suposto a convivencia, dentro do mesmo programa, de rotura democrática con marco constitucional vixente. Convive esa dualidade en todos os programas, en detrimento do realismo político, das propostas necesarias e concretas, a aplicar en caso de chegar aos gobernos. Evocacións románticas, ás veces case máxicas, extraordinariamente retóricas, cumpridas de certezas doutrinarias, algo así como advertencias permanentes de que non hai desviación do camiño.

Case ninguén se dedica a mirar para estes estraños artefactos que son os programas, pero indican por onde vai a cousa, son importantes. É iluso supoñer que organizacións tan inestábeis como o BNG atesouran máis saber, que traballaron máis do que constatan neses escritos e que o reservan. Está o que hai. O material teórico ben aquilatado e practicábel acostuma a ser escaso. Pásalles tamén nas outras institucións. O Bloque apenas fai balanzos e non os exterioriza, pero o balanzo de xestión na súa historia apenas é brillante en tres ou catro concellos. A provisoriedade, a carencia de gabinetes de análise e de cadros técnicos quizás non sexa a consecuencia de non atopar, de que non hai máis cera que a que arde, senón a de non buscar conscientemente.

Debido a esa carencia son tan pobres as propostas públicas, tan improvisadas, cargadas de retórica e barroquismos, carentes de solucións concretas. Temor á papelaría teórica, á dispersión de iniciativas e á perda do control en definitiva

Xosé Ramón Quintana afirma que a UPG, o partido que hexemoniza o Bloque desde os seus comezos, sempre tivo pouco interese polos gabinetes de estudo, institutos, think tanks, como se lles queira chamar, que xerasen teoría política aplicábel. Por iso nunca houbo un fluxo documental importante, propositivo, de organismos dese tipo. Lembro esta pasaxe da obra pero non consigo atopar a páxina e lamentaría estar errando nalgún aspecto. Debido a esa carencia (habería que engadir) son tan pobres as propostas públicas, tan improvisadas, cargadas de retórica e barroquismos, carentes de solucións concretas. Temor á papelaría teórica, á dispersión de iniciativas e á perda do control en definitiva.

Así aconteceu deica agora, veremos no sucesivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.