Sempre que hai mobilizaciois polo galego en Compostela botamos de menos o protagonismo das comunidades falantes estremeiras. Nos manifestos vindicativos non hai referencia a estes territorios. Merecemos outro trato social e institucional pola defesa que facemos acotío da lingua galega
Sempre que hai mobilizaciois polo galego en Compostela botamos de menos o protagonismo das comunidades falantes estremeiras. Si, deses falantes do Eonavia, O Bierzo, As Portelas e do val de Xalima. Por suposto, non nos referimos á presenza física de veciñanza destas bisbarras tan alonxadas, senón a que nos manifestos vindicativos non hai referencia a estes territorios. Que menos que unha mención ás nosas problemáticas lingüísticas e a colocación simbólica nas tribunas das nosas bandeiras territoriais, a Cruceira no caso do Bierzo.
Está moi ben a vindeira reivindicación social fronte á diminución de falantes na Comunidade autónoma da Galiza, contra a falta de obxetividade da TVG, a demanda doutra lexislación lingüística alternativa ou as queixas pola falta de atención en galego ante as administraciois públicas. Como non pode ser doutro xeito, dende as bisbarras estremeiras apoiamos todos eses puntos dos manifestos. Agora ben, hoxe coma tantas veces antes, dicimos que falta a lóxica mención da problemática das ditas zonas lindeiras coa Galiza. Merecemos outro trato social e institucional pola defesa que facemos acotío da lingua galega. Ben sabedes da resistencia mediática que hai hoxe por parte da comunidade do Eonavia ante a presión asturianista que nega a presenza do galego.
A Junta de Castela e León fai unha política de mínimos polo galego, sen conceder a coficialidade, nin presenza na televisión autonómica, nin nas administraciois locais. A Deputación de León non delega a competencia en materia cultural ao Consello comarcal berciano, no que se refire á promoción do galego, e a Universidade de León ignora o noso galego mentres apoia a súa lingua leonesa nas súas atividades académicas
Por suposto, neste caso imos referirnos á problemática do Bierzo. Territorio onde sufrimos os ataques do leonesismo político que non admite a existencia histórica do galego, nin agora o medre paseniño desta lingua na súa provincia. Outro tanto acontece coas instituciois foráneas. A Junta de Castela e León fai unha política de mínimos polo galego, sen conceder a coficialidade, nin presenza na televisión autonómica, nin nas administraciois locais. Pola outra banda, a Deputación de León non delega a competencia en materia cultural ao Consello comarcal berciano, no que se refire á promoción do galego, e Universidade de León ignora o noso galego mentres apoia a súa lingua leonesa nas súas atividades académicas.
A resistencia berciana polo galego vén de lonxe e tamén hai vitorias. Recordamos o recoñecemento expreso do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (ano 1999) e na Lei da Comarca do Bierzo (1991), iso si, os políticos de Valladolid negaron sempre a coficialidade. Tampouco as Cortes conceden aprobar unha Lei de linguas minoritarias de Castela e León para o galego, leonés e eusquera. Por mor dun protocolo interinstitucional, Xunta de Galicia e Junta de Castela e León, podemos estudar galego de xeito voluntario nalgúns colexios do Bierzo e Seabra, mentres nos negan aínda ese ensino noutros centros de zonas galegofalantes. Por suposto, non se entende que non haxa xa un protocolo semellante para que se poida utilizar o galego, de xeito parcial, nas administraciois locais (concellos e pedanías).
Apesar de todo, o galego medra no Bierzo. Só hai que ver as reacióis negativas do leonesismo, político e cultural, cando se menciona a presenza desta lingua, obxeto de acusaciois de colonialismo alleo e execución forzada, xa que para León cuestiona a unidade territorial e cultural da súa provincia histórica. E medra o galego cando segue tendo demanda nos centros escolares do Bierzo, curso tras curso. Outro tanto acontece coa criticada RTVG, que ten audiencia abonda no Bierzo, coma medio de transmisión cultural chave.
Medra o galego cando segue tendo demanda nos centros escolares do Bierzo, curso tras curso. Outro tanto acontece coa criticada RTVG, que ten audiencia abonda no Bierzo, coma medio de transmisión cultural chave
A defesa do galego no Bierzo está moi viva. Regularmente xorden comunicados vindicativos nos medios de información, provinciais e comarcais. Algúns dixitais xa permiten o uso escrito do galego de xeito regular. Máis común é a presenza do galego nas redes sociais en grupos relacionados co Bierzo. Todo o comentado permite un maior prestixio progresivo do galego, con novas dinámicas sociais, entre os vellos falantes (tradición familiar), atrainte para os neofalantes (bilingüismo) e cun menor rexeito polos castelaofalantes (ausencia de ameazas).
Convén que na Galiza saiban máis da problemática cultural dos territorios estremeiros. Porque se pode facer máis polo noso galego dende fóra. A colaboración interinstitucional debe potenciarse nas materias de ensino, administraciois locais, RTVG, turismo, estradas rurais veciñais, toponimia, etc. A verdade é que as universidades galegas poden facer outro tanto polo galego estremeiro se comprometen ás universidades de León e Oviedo en proxetos educativos e de investigación. En materia turística, hai zonas naturais que se deben promocionar de xeito conxunto, Deputaciois galegas e Consello comarcal berciano, casos dos Ancares, Enciña da Lastra, explotaciois auríferas do Sil, Camiño de inverno, etc. Botamos en falta unha maior atención informativa na TVG, sabedores da importancia que este medio ten na normalización lingüística, por iso demandamos a colaboaciois das televisiois rexionais veciñais. Outro tanto cabe pedir aos medios dixitais de Galiza para que teñan máis en conta ás comunidades estremeiras nas súas informaciois.
Convén que na Galiza saiban máis da problemática cultural dos territorios estremeiros. Porque se pode facer máis polo noso galego dende fóra
As ditas minorías lingüísticas galegas non poden ser abandonadas á nosa sorte. Non queremos sentirnos máis alonxadas da Galiza apesar dos lindeiros políticos que nos afastan. Resistimos porque somos sufridores históricamente fronte tanta desfeita foránea, mais tamén otimistas coas novas xeraciois, por iso berraremos sempre “os tempos son chegados”.
www.obierzoceibe.blogspot.com