Malos tempos para as ideas neoliberais

Sede do BCE © Parlamento Europeo

Corren malos tempos para as ideas neoliberais. A pandemia primeiro e a guerra de Ucraína despois viñeron a tirar mais terra sobre uns dogmas sen fundamento científico.

O primeiro dogma cuestionado foi o da austeridade expansiva. Por mor do impacto que a pandemia tivo sobre a oferta global, que se viu a sumar a debilidade que arrastraba a demanda agregada froito das políticas austericidas, as elites europeas lideradas pola Comisión Europea e o Banco Central víronse forzadas a revisar os dogmas fiscais -nin Alemaña foi quen de cumprir os ríxidos criterios fiscais fixados pola P.E.C.- e a apostar polas anteriormente deostadas políticas fiscais expansivas con marxes moitos mais amplos para os déficits e as débedas, a substituír as restricións na política monetaria por actuacións tamén expansivas da principal autoridade monetaria europea (BCE) e a ter que recoñecer o imprescindible papel de un investimento público tamén expansivo especialmente nas fases recesivas cando o investimento privado se afunde.

Proceso de fabricación de billetes de 20 euros CC-BY-NC-ND Banco Central Europeo

Por outra parte os magníficos datos de emprego (crecemento do emprego e da contratación fixa, caída da temporalidade..) que ven presentando España amais de avaliar positivamente os últimos acordos laborais asinados entre o goberno español (PSOE/UP), as organizacións empresariais (CEOE, CEPYME) e o movemento sindical maioritario (CCOO, UGT) tiran tamén por terra as teses neoliberais sobre o mercado laboral que defenden que para crear emprego é necesario eliminar os supostos atrancos que o impiden (a presencia de sindicatos, a negociación colectiva, a existencia de estabilizadores automáticos). Queda aínda moito por avanzar en materia de política laboral (por caso na regulación do despido pois España segue a ser, ao día de hoxe, un dos estados da Unión Europa onde resulta mais fácil e mais barato despedir a traballadores) pero as evidencias empíricas confirman que o camiño emprendido, contrario aos dogmas neoliberais, é o correcto.

Todas estas evidencias deberían servir para que as distintas autoridades e gobernos (Unión Europea, España, Galicia) recoñeceran definitivamente o absoluto fracaso das políticas neoliberais, que é tamén un fracaso da actual globalización, mudaran o rumbo seguido ata agora e avanzaran con maior decisión e firmeza na posta en marcha de políticas nas que o emprego, o benestar social, a igualdade e a conservación do medio ambiente foran os obxectivos prioritarios. Por que de non asumir este cambio de rumbo a UEM seguirá mergullada en crises recorrentes como lle ven sucedendo ao longo destas últimas décadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.