O incerto futuro do financiamento das CC.AA.

Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira © Ministerio de Facenda

O sucedido nas últimas semanas demostra que a notábel simplificación das mensaxes que caracteriza a confrontación que se rexistra na vida política arruína a posibilidade dun contraste rigoroso de opinións sobre unha cuestión tan relevante coma esta

O financiamento das CC. AA. regresou ao primeiro plano da atención mediática. O acordo subscrito, hai uns meses, entre ERC e Partido Socialista concretouse nunha proposta de reforma do modelo vixente, presentada e defendida pola ministra de Facenda diante do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Superado este trámite -co único apoio do goberno central e do Govern da Generalitat- o novo sistema terá que pasar unha proba decisiva: o debate e aprobación no Parlamento estatal.

Como xa teño expresado noutras ocasións, o financiamento das CC. AA. ten dúas dimensións que se poden diferenciar a efectos da eventual realización dunha análise desta temática, aínda que habitualmente aparecen asociadas no debate público: a determinación dunha arquitectura financeira que sexa quen de asegurar a suficiencia de recursos para que as institucións de autogoberno podan prestar -cun nivel contrastado de calidade- os servizos públicos que teñen encomendados (entre outros, a sanidade e o ensino) e que, ademais, proporcione un nivel de autonomía fiscal acorde coa pretendida natureza federalizante do actual Estado español.

O sucedido nas últimas semanas demostra que a notábel simplificación das mensaxes que caracteriza a confrontación que se rexistra na vida política arruína a posibilidade dun contraste rigoroso de opinións sobre unha cuestión tan relevante coma esta. O PP exemplifica perfectamente a dinámica perversa que estamos coñecendo. No canto de formular unha proposta concreta, esixíbel pola súa condición de actual partido gobernante na maioría das Comunidades Autónomas, elixiu transitar polo atallo demagóxico da presunta subordinación de Pedro Sánchez aos supostos privilexios defendidos polo independentismo catalán. Falseando a experiencia histórica das últimas décadas -na que participaron, tamén, actores como Aznar- trata de deslexitimar os acordos previos que podan asinar determinadas formacións nacionalistas co PSOE (ou co propio PP). Feijoo e Rueda saben que as regras de xogo -escritas ou non- vixentes no actual sistema político español contemplan tres escenarios de negociación complementarios na materia do financiamento das Comunidades: as xuntas bilaterais entre o goberno da Administración central e o de cada Administración autonómica; o Consello de Política Fiscal e Financeira (onde está o conxunto dos Executivos concernidos) e os eventuais pactos requiridos no Parlamento estatal para dar un formato lexislativo aos acordos previos subscritos no CPFF. Negar a lexitimidade de calquera destes procedementos supón cuestionar o funcionamento das institucións democráticas e apoiar as falacias manexadas habitualmente pola ultradereita.

O PPdeG está atrapado nunha contradición practicamente irresolúbel. Manifesta o seu desacordo co novo modelo por non establecer unha maior ponderación das variábeis relativas ao envellecemento e ao espallamento da poboación e, ao tempo, exhibe a súa incapacidade para conseguir que os dirixentes da rúa Genova deseñen unha proposta alternativa que resulte mais satisfactoria para as finanzas galegas

O PPdeG está atrapado nunha contradición practicamente irresolúbel. Por unha banda, manifesta o seu desacordo co novo modelo inspirado no acordo entre ERC e Partido Socialista por non establecer unha maior ponderación das variábeis relativas ao envellecemento e ao espallamento da poboación e, ao mesmo tempo, exhibe a súa incapacidade para conseguir que os dirixentes da rúa Genova deseñen unha proposta alternativa que resulte mais satisfactoria para as finanzas galegas. Aceitaría Rueda un modelo de financiamento que priorizara as necesidades de Andalucía, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid por riba das necesidades da Administración que el preside? Estaría disposto a botarlle un pulso ao que foi o seu antigo superior xerárquico en San Caetano? As respostas a estas interrogantes son previsíbeis se temos en conta a traxectoria histórica deste partido.

Dende hai anos, a situación da política española non permite debates serios -e, moito menos, posíbeis acordos- sobre hipotéticos cambios na configuración territorial establecida na Constitución e nos posteriores desenvolvementos estatutarios. Ademais, a forte crise vivida arredor do chamado "procés" ten propiciado unha notábel reacción centralista nunha parte do corpo social e ten alimentado -en diversas formacións políticas- a construción de relatos simplificadores sobre un asunto -o financiamento territorial- que posúe unha evidente complexidade económica e xurídica.

Semella que, definitivamente, podemos estar ante unha oportunidade perdida para mellorar significativamente un esqueleto financeiro apropiado para a dinámica dun Estado no que se comparten importantes competencias entre distintas Administracións. Se, finalmente, seguira vixente o modelo que xa caducou no ano 2014 sería un síntoma revelador da grave parálise que afecta á vida pública española. E cunha ameaza preocupante no vindeiro horizonte temporal: a posíbel chegada de Feijoo e Abascal ao goberno central e a consecuente involución recentralizadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.